Concursos e premios

Concursos e premios nos que temos participado

Entrega dos premios Club de lectura

A sede do Ministerio de Cultura e Deporte en Madrid acolleu o mércores 8 de novembro a gala de entrega dos Premios aos Clubs de Lectura Escolar 2022-2023, un recoñecemento do Ministerio de Educación e Formación Profesional aos centros educativos que, como no caso do noso centro, o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, promoven a lectura a través deste tipo de actividades.

O director, o secretario e a coordinadora dos clubs de lectura do centro, recolleron o galardón que nos acredita como o segundo mellor club de lectura nacional na nosa categoría, en representación de todos/as lectores e lectoras do noso cole, os auténticos protagonistas do noso club de lectura.

A entrega de premios correu a cargo da Directora Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio de Educación e Formación Profesional, dona Mónica Domínguez García. A encargada do discurso inaugural foi a poeta Raquel Lanseros, que afondou na importancia de fomentar a lectura e continuar con esa tarefa fermosa e chea de dificultades.

A poeta Raquel Lanseros honrounos coa sinatura dun dos seus libros, “Dicen que no hablan las plantas”, para a nosa biblioteca escolar. Ademais, fíxonos especial ilusión saber que as súas raíces familiares se atopan en Verín, aínda que ela é nada en Jerez de la Frontera.

Foi unha xornada chea de emocións e inquedanzas compartidas con centros de toda España que entenden, coma nós, que a lectura é berce de cidadáns críticos e entusiastas.

Parabéns a todas e todos os membros do noso club de lectura!

CONTINUADE A VIAXE QUE COMEZA SEMPRE NA PRIMEIRA PÁXINA DUN LIBRO E NON REMATA NUNCA NA ÚLTIMA, ... SEGUE CAMIÑO NA TÚA IMAXINACIÓN!

Segundo Premio Nacional dos Clubs de Lectura

O noso centro ven de destacar como un dos referentes principais para o fomento da lectura en todo o país ao recibir o segundo Premio Nacional Escolar de Clubs de Lectura.

Este prestixioso recoñecemento, outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, distingue as institucións educativas que demostraron un destacado compromiso co fomento da lectura e a formación de novos lectores críticos e apaixonados. O CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro destacou entre centos de centros educativos de toda España grazas ás súas estratexias innovadoras e ao entusiasmo da súa comunidade educativa.

O proxecto do club de lectura do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro conseguiu implicar activamente ao seu alumnado na exploración do mundo da literatura dende pequenos. Fomentando a lectura como actividade lúdica e enriquecedora, este centro educativo demostrou ser un faro de inspiración para outros centros educativos de toda España.

Apostamos pola idea de que a lectura non só enriquece a mente, senón que tamén une ás persoas. Esperamos seguir inspirando ás xeracións vindeiras a través da maxia dos libros.

O Premio Nacional Escolar de Clubs de Lectura é unha mostra da aposta do centro pola educación de calidade e o fomento da lectura como ferramenta fundamental no desenvolvemento das habilidades cognitivas e na formación de cidadáns críticos. Ademais do recoñecemento, o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro recibirá unha boa dotación económica que contribuirá a seguir reforzando os seus programas de lectura.

Este logro demostra unha vez máis que a educación pública en Galicia está en constante evolución e que as institucións educativas, como o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, están á vangarda na promoción da lectura e na formación das futuras xeracións de líderes e cidadáns comprometidos coa cultura e o coñecemento.

Sentímonos orgullosos de compartir noticias sobre logros educativos destacados coma este e agardamos seguir sendo un modelo a seguir no fomento da lectura en todo o país.

Parabéns a toda a comunidade educativa polo seu merecido premio e a súa dedicación á educación.

O martes, 10 de outubro, a Consellería de Educación celebrou un acto na cidade da cultura de Santiago co fin de dar publicidade e recoñecemento ao traballo desevolvido desde as bibliotecas escolares galegas que resultaron premiadas a nivel nacional. No acto, as seccións dos nosos clubs de lectu¡ra estiveron representados pola coordinadora do club de lectura e o director do centro.

Gala dos premios do Exército 2023

O xoves 29 de xuño, unha representación de alumnos/as de 4ºE.P. acompañados/as polo director do centro e a mestra responsable do proxecto, recibiron en Madrid o diploma e trofeo acreditativos do premio nacional correspondente a “Enseñanza Escolar, categoría A”, polo proxecto “MIRANDO SIN VER”.

A cerimonia foi presidida pola ministra de Defensa, Margarita Robles, acompañada polo Jefe de Estado Mayor del Ejército de Tierra (JEME), general de ejército Amador Enseñat y Berea, e numerosas autoridades militares, civís, académicas e xudiciais.

Foi un acto cheo de emoción e ledicia compartida cos premiados noutras categorías.

No discurso do noso alumnado lembramos o noso proxecto no que puxemos en valor a  colaboración e apoio do GMAM, con base en Jaca, ás persoas con discapacidade visual na escalada ao volcán Ojos del Salado en Chile. Lembramos tamén os outros dous proxectos anteriores nos que destacamos o traballo dos homes e mulleres do Ejército de Tierra na Antártida, coidando dese ecosistema tan fráxil e tamén da súa implicación no xacemento de Atapuerca.

E como complemento a tanta emoción, foron agasallados cunha xornada no parque de atraccións de Madrid. Dous días inesquecibles!

PARABÉNS PARA OS NOSOS/AS ALUMNOS/AS!!!

E GRAZAS POR TODO O AGARIMO RECIBIDO!!!

O noso proxecto estará exposto xunto cos outros/as premiados no Instituto de Historia y Cultura Militar en Madrid, durante o mes de xullo. Se vos atopades por alí, podedes visitalo.



 

"Mirando sin ver"

Os/as nenos/as de 4º E.P. non atopaban resposta a por que ás veces miramos e non vemos e oímos sen escoitar. E nesas  andabamos cando, como nos últimos tres cursos, unha das Bases do Ejército de Tierra, a Base Oroel San Bernardo, deunos a resposta.

Saímos do cole rumbo a Antártida, compartindo espazo e tempo coas mulleres e homes da Base Gabriel de Castilla, nun chimpo chegamos a Castrillo del Val en Burgos para saudar ao persoal da Base Cid Campeador e como non estabamos lonxe, achegámonos a Jaca en Huesca, para coñecer ao GMAM e o seu traballo a prol das persoas con discapacidade visual.

O ano 2022 estaba no seu trimestre final e soubemos que a ONU proclamou o ano 2022 como Ano Internacional do Desenvolvemento Sostible das Montañas. Cos recursos facilitados pola FAO deu comezo este proxecto.

A Biblioteca Escolar do centro facilitounos títulos para facer das montañas o eixe das nosas lecturas. Estes foron algúns:

  • Una gran ascensión. (Ed. Desnivel)
  • Fata y Pengba en el Machapuchare. (Ed. Desnivel)
  • Os Bolechas na montaña. (Ed. A nosa Terra)
  • O meu pequeno animalario. (Baía Edicións)
  • ¡Menudo canguelo en el Kilimanjaro. Gerónimo Stilton. (Ed. Destino)
  • La montaña parlante. Tea Stilton. (Ed. Destino)
  • Montañas. (Baía Edicións)
  • Cordilleras del mundo. (Ed. SM)
  • Dos montañas. (Adriana Hidalgo Editora)
  • La montaña. (Zahorí Books)
  • Sobre la montaña. (Ed. Edelvives)

Destacamos o libro remitido desde a EMMOE do GMAM, con información valiosa e
fascinantes fotografías que captaron a atención dos nosos/as alumnos/as.

Aprendemos xentilicios, JAQUÉS, JACETANO, OSCENSE, ..., ; situamos países, cordilleras, continentes, coñecemos nomes de picos montañosos, volcáns, desertos, ...

Para achegarnos á discapacidade visual traballamos co organismo internacional IAPB que nos facilitou recursos para o proxecto; coñecemos o sistema Braille e escribimos o título do noso proxecto nese sistema de escritura.

E como o noso proxecto vai de escalada e ollos, eliximos unha das cumes nas que o GMAM fixo cima xunto a discapacitados visuais chamado "OJOS DEL SALADO".

Elaboramos un xogo de preguntas e respostas para a “montaña” que creamos con material de refugallo e que leva por nome “De la Base a la cima”.

No día da poesía, e xa que falamos de ollos, recitamos un poema visual, un caligrama, co propósito de formar unha unidade coa montaña, a capacidade visual e o traballo de  mulleres e homes do Ejército de Tierra na Base Oroel San Bernardo, facendo unha chiscadela ao nome do noso cole.

Primeiro premio nacional do Exército de Terra 2023

O traballo realizado polo alumnado de cuarto de educación primaria do noso cole, para participar no concurso escolar do Exército de Terra de 2023, baixo o título: "Mirando sin ver", foi galardonado co primeiro premio a nivel nacional despois de resultar, tamén, gañador da fase rexional.

O premio consiste en 4500 euros, unha placa e un diploma, que deberá recoller unha representación do centro o próximo día 29 de xuño en Madrid.

Moitos parabéns para todas as persoas participantes no proxecto.

Ligazón ao fallo do xurado.

Ligazón á nova na web do Exército de Terra

  • LIGAZÓN Á NOVA SOBRE O PROXECTO

 

Premio rexional

Por terceiro ano consecutivo, o alumnado de 4º E. Primaria acadou o 1º PREMIO na súa "FASE REGIONAL" dos Premios Ejército 2023, obtendo así o pase á Fase Nacional da que resultaron gañadores o ano pasado.

No curso 2020-2021 gañaron por primeira vez a Fase Rexional e quedaron finalistas na Fase Nacional cun proxecto titulado “SI FUERA FÁCIL, LEERÍAN OTROS”, no que destacaron o traballo que mulleres e homes da Base Gabriel de Castilla desenvolven na Antártida, coidando ese ecosistema tan fráxil.

No curso 2021-2022 acadaron o 1º premio na súa Fase Nacional co proxecto “DE BASE A BASE E LEO PORQUE ME TOCA”. Nesa ocasión o proxecto poñía de relevo a importancia do persoal da Base Cid Campeador na escavación no xacemento de Atapuerca.

E despois de poñer o foco no medio ambiente e no noso pasado máis lonxano, este curso 2022-2023 decidimos valorar o traballo do persoal da Base Oroel San Bernardo en Jaca a prol da inclusión das persoas con discapacidade visual.

Este proxecto leva por título “MIRANDO SIN VER”. Por mor do anonimato exixido nas bases da convocatoria dos premios, non podemos engadir máis datos.

Despois do fallo do xurado nacional daremos conta de todo o noso traballo, resulte gañador ou non.

MOITA SORTE!

Na seguinte ligazón dáse conta do fallo do xurado na Fase Regional:

https://ejercito.defensa.gob.es/unidades/Coruna/mando_apoyo_maniobra/Not...

Concurso de fotografía

Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, queremos facer unha EXPOSICIÓN con fotografías referidas á Nai Natureza.

Ademais da exposición, convocamos un CONCURSO de fotografía coas seguintes BASES:

  • PARTICIPANTES: calquera persoa pertencente á comunidade escolar do centro.
  • TEMA: A temática principal será a Nai Terra: animais e plantas.
  • TRABALLOS: Cada participante poderá presentar un máximo de 2 traballos.
  • Os participantes son totalmente responsables de ser os únicos autores, de que non existan dereitos de terceiros, así como de calquera reclamación de dereitos de imaxe sobre as obras presentadas ao concurso.
  • PRESENTACIÓN: Os traballos deberán incluír: o título da obra e o nome do ¿ser¿ fotografado coas seguintes acepcións: nome científico, nome en galego, castelán e inglés, deberán enviarse en formato JPEG.
  • PRAZO: ata o 28 de maio 2023.
  • ENTREGA: por correo electrónico ao seguinte enderezo: ceipmsueiro1@gmail.com

Na seguinte presentación iranse reflictindo os traballos presentados ao concurso:

VER A TAMAÑO COMPLETO

Desde o corazón da mazá

Coincidindo coa semana da prensa realizamos o concurso sobre o libro de Xan Farias: “Desde o corazón da mazá”, co cal estivemos a traballar ao longo do mes de febreiro no Club de lectura de terceiro de EP.

O libro é unha colección de textos escritos por un neno ao longo dun verán que lle mandou elaborar o mestre como tarefa. Un delicioso mosaico formado por pequenas teselas que, todas xuntas e cada unha por separado, son exquisitas.

O autor obriga ao lector a montar as historias, a imaxinar moito que non está escrito. É case tan importante o que conta como o que non conta. Farias axuda a facer lectores intelixentes.

Nesta ocasión, o resultado final do concurso estivo moi disutado, resultando gañador o equipo formado por Maia e Carlota.

Moitos parabéns para todos e todas polo traballo desenvolvido!!

 

ONCE SUEIRIÑ@S EN MADRID

 

Despois do esforzo e traballo o curso pasado no proxecto “DE BASE A BASE Y LEO PORQUE ME TOCA”,  e da ledicia da nova de sabernos gañadores do concurso nacional, chegou o momento de recibir os agasallos.

O venres 7 de outubro recibimos os galardóns que nos correspondían por ser PREMIO NACIONAL na categoría A. O premio consistía en tres ordenadores, unha placa e diploma acreditativo.

Os/as once Sueiriños/as non estiveron en Madrid físicamente, pero en todo momento acompañaron aos seus representantes no pensamento. A través das súas palabras coñeceron aos nosos campións e o seu traballo.

Foi unha xornada emocionante e inesquecible, compartindo emocións cos outros compañeiros/as de Ceuta, Sevilla, Santa Cruz de Tenerife, Santa Cruz de La Palma e Badajoz gañadores noutras categorías.

Non podemos estar máis agradecidos  aos nosos anfitrións, que nos acompañaron ese día no Instituto de Historia y Cultura Militar. Fixéronnos sentir o respecto polo traballo desenvolvido polos nosos alumnos/as, o agarimo no trato e a súa disposición a axudarnos no que precisemos.

 E a volta ao noso cole foi aínda máis emocionante, porque foi o momento de compartir cos verdadeiros protagonistas a experiencia vivida. Faltaba de xeito presencial un, que este curso xa non está no grupo, pero non queremos nen podemos esquecernos del, porque un cachiño do premio é seu. E tamén animamos aos tres novos/as do grupo a que se incorporen á nosa dinámica de traballo por proxectos que tantas alegrías nos leva dando nestes últimos dous cursos.

NORABOA AOS NOSOS/AS CAMPIÓNS!


LIGAZÓNS Á NOVA


 

Distribuir contido