Skip to Content

Sorteo das dúas Cestas de Nadal do alumnado de 4º ESO

    cesta 02              cesta 01

Esta mañá celebrouse o sorteo das dúas Cestas de Nadal que axudan a financiar, mediante a venda de rifas, a excursión de fin de curso a Roma do alumnado de 4º ESO. Os números premiados e as persoas gañadoras foron:

  • Cesta nº 1 (imaxe da dereita) + cafeteira Dolce Gosto: nº 0500. Foi para Carlos Barbosa Álvarez, pai de Amparo, alumna de 1º ESO.
  • Cesta nº 2 (imaxe da esquerda, con xamón): nº 2.649. Foi para Mónica Galiñanes Castro, nai de Sabela e Manuel, alumnos de 4º ESO e 2º ESO respectivamente.

Dende o IES de Soutomaior agradecémosvos a vosa colaboración e desexámosvos unhas felices festas!

En lembranza de Laura Luelmo

Faro
 
Hoxe, 18 de decembro, o alumnado do IES Soutomaior sumouse á xornada dedicada ao recordo da última vítima da violencia machista, Laura Luelmo. O acto principal, realizado ao finalizar a xornada da mañá na entrada do centro, contou coa lectura dun manifesto realizado polos propios alumnos e alumnas e un respectuoso minuto de silencio en lembranza da profesora zamorana.

Con textos propios e outros compilados das redes sociais, os estudantes lembraron a profesora zamorana como unha persoa " inconformista, creativa e valente", unha actitude que reflectiron cunha mensaxe que a propia vítima deixou nas súas redes sociais hai case tres anos: "Rexurdindo lentamente, unindo burbulla a burbulla pretendo chegar a ser unha agradable capa de escuma". Tras a lectura do manifesto, que finalizou cun berro de "Xa abonda!" e o aplauso do estudantado, deuse paso a un respectuoso minuto de silencio co que os mozos e as mozas demostraron a súa repulsa ao asasinato "dun membro da comunidade educativa da que todos formamos parte e que en días coma o de hoxe temos que levantar a nosa voz contra a violencia.

MANIFESTO POLA MORTE DE LAURA LUELMO

"Rexurdindo lentamente, unindo burbulla a burbulla pretendo chegar a crear unha agradable capa de escuma", puxo por mensaxe o 9 de xaneiro de 2016. Era unha frase que mostraba quen era Laura, unha persoa que non se rendía, que loitaba pola súa profesión e pola súa arte.

"A túa oportunidade es ti", era a súa foto-tuit polo 'Día Internacional da Muller', o 8 de marzo de 2018. Foi a última mensaxe de Laura nesta rede social. Era o seu logotipo para un día que marcou un antes e un despois na loita feminista en España. O día en que miles de mulleres saíron á rúa para protestar.

Laura era profesora e ilustradora de 26 anos, traballaba nun colexio concertado de Zamora cun contrato de poucas horas a tempo parcial. Pero presentouse tamén ás oposicións en Andalucía, onde había máis vacantes e máis posibilidades de conseguir un emprego estable que en Castela e León. Sacou moi boa nota pero non praza, así que pasou a integrar a lista de interinidades. Cando a chamaron hai uns días para facer unha substitución de Plástica no instituto Vázquez Díaz de Nerva (Huelva), non o pensou. Colleu o seu Kia azul e fixo cincocentos quilómetros. Era unha oportunidade que lle permitía facer méritos para lograr ser fixa.

Laura non era unha moza conformista. Xa abandonara antes o seu barrio natal de Tres Cruces para ir estudar Belas Artes na Universidade de Salamanca despois de terminar o Bacharelato no IES Claudio Moyano. Logo fixo un máster de Deseño na Universidade Complutense de Madrid. Estivo en México de intercambio. E traballou como profesora en prácticas en Valencia. Tamén foi monitora de campamento. Na Biblioteca Nacional lémbrana con agarimo, pois traballou alí facendo caricaturas.

Unha tarde saíu facer unha das actividades que máis lle gustaba, que era correr.

O seu cadáver foi atopado onte luns dezasete de decembro de 2018, ao mediodía. Levaba desaparecida desde o mércores 12. Sen sabelo, vivía fronte a un condenado por asasinato e abuso sexual.

Desde o noso instituto queremos manifestar a nosa repulsa e volver levantar a voz:

BASTA XA DE ASASINARNOS!
BASTA XA DE NON PODER IR TRANQUILAS POLA RÚA!
BASTA XA DE TER MEDO!
BASTA XA DE TANTA VIOLENCIA!
BASTA XA!!!

Navegamos polo Universo (28-11-2018)

 Faro

Foto: Faro de Vigo.

O mércores  28 de novembro o alumnado de primeiro da ESO asistiu a unha actividade chamada “Navegando polo Universo”. Nela, os rapaces foron partícipes dunha viaxe ao espazo exterior mentres viaxaban no tempo. Entraron nun planetario móbil, con forma de media esfera. Nel proxectábanse as estrelas, as constelacións, os planetas e o seu movemento, as eclipses e os planetas do noso sistema solar, mediante unha tecnoloxía que lle daba gran realismo, con vistas de 360º dende calquera punto da Vía Láctea.

Os alumnos foron acompañados por Íñigo de la Quadra-Salcedo, capitán da nave, que os levou pola ruta das estrelas, dende a Terra ao Sol e a unha estupenda vista de todos os planetas do noso sistema solar; e todo ser movernos nin un paso do instituto.

Lucía Castrillo (1º ESO B)

Organización: Departamento de Bioloxía

Os nosos Clubs de Lectura incorpóranse á rede da Consellería de Educación

Club

Os Clubs de Lectura que se acaban de poñer en marcha nos diferentes cursos da ESO e Bacharelato do noso centro veñen de ser recoñecidos pola Consellería de Educación. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos concedeu unha axuda económica de 700€ ao proxecto do IES de Soutomaior para incentivar o fomento de hábitos lectores entre os participantes e contribuír á creación dun clima favorable á lectura no centro.

Actualmente, hai catro Clubs de Lectura de Banda Deseñada, Narrativa e Poesía, cuxo desenvolvemento pode ser seguido a través do blog da Biblioteca.

Visita a Galicia Skills (28-11-2018)

O pasado 28 de novembro, as alumnas e alumnos de 4º da ESO tiveron a ocasión de visitar o campionato de centros de FP "Galicia Skills", que se celebra cada dous anos no recinto feiral de Silleda. Trátase dunha experiencia única para ver "in situ" a oferta de ciclos formativos que existen na nosa comunidade autónoma; ciclos tan variados como ebanistería, robótica, mecatrónica, estética, hostalería,imaxe gráfico, mantemento de vehículos, mantemento aeronáutico... Con esta visita preténdese dar unha orientación académica complementaria á que se leva a cabo no propio centro a estes rapaces que o curso que vén optarán por cursar un ciclo ou un bacharelato.

Conxelamos a violencia contra as mulleres... por todas elas e por todos nós!

O alumnado do IES de Soutomaior tomou onte os corredores e os patios do noso centro para expresar con palabras, carteis e os seus propios corpos o seu rexeitamento claro e rotundo á violencia contra as mulleres poñendo así fin ás actividades conmmorativas do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. 

Durante o recreo as rapazas e os rapaces de 1º de Bacharelato realizaron a performance "Conxela a violencia", na que en intervalos de dous minutos conxelaron escenas de violencia que queren que desaparezan. A acción, coordinada polas profesoras de Educación Plástica e Educación Física, foi o preludio que anunciaba unha actividade que dende hai días se viña organizando en segredo nas aulas dos grupos de 2º e 4º da ESO, que prepararon unha manifestación sorpresa que conduciu a todo o alumnado do centro ao patio, onde, entre lemas e consignas que esixiron a fin da violencia machista, se deu lectura ao manifesto, que leron as alumnas Paula Puch e Lucía Costas. 

MANIFESTO

 Con motivo da celebración do día para a eliminación da violencia contra a muller, o alumnado, profesorado e persoal do IES de Soutomaior queremos berrar…

Basta xa!

Por todas as mulleres que destacaron nos ámbitos da ciencia, do deporte, das artes e da literatura e que foron esquecidas pola historia…

Basta xa!

Por todas as mulleres que se ven obrigadas a casar sen poder escoller con quen.

Basta xa!

Por todas as rapazas do mundo que non teñen dereito á educación.

Basta xa!

Por todas as mulleres que sofren desigualdade no traballo.

Basta xa!

Por todas as mulleres que teñen medo de andar soas pola rúa.

Basta xa!

Polas mulleres maltratadas, violadas ou asesinadas.

Basta xa!

Polas mulleres que non teñen dereito a ser mulleres.

Basta xa!

Por todas elas, e por todas nós.

Basta xa!

Non deixedes de visitar o Mercado de Nadal que organiza o alumnado de 4º ESO

mercado de ndal

Os mozos e mozas de 4º ESO volven organizar un rastro para financiar a viaxe de fin de curso a Roma e Florencia. Desta volta, será un Mercado de Nadal que terá lugar o próximo venres 30 de novembro na Alameda de Talo Río a partir das 17h30. Contaremos unha vez máis coa colaboración do Concello de Soutomaior, en concreto da Concellería de Cultura, que ese día, tras a actuación de Barafunda coa obra "A xogar cos trasnos de nadal", procederá á inauguración do alumeado das festas coa axuda dun dragón voador. O programa terá continuación no mes decembro e ata o día de Reis con máis actividades orientadas sobre todo ao público infantil e familiar.

No Mercado venderanse artigos de 2ª man, xoguetes, agasallos, larpeiradas e, ademais, as manualidades navideñas que os alumnos e alumnas elaborarán xunto cos maiores do centro de día Boas Apertas, que dende o primeiro momento mostrou a súa total disposición a participar nesta proposta.

 

O IES de Soutomaior súmase á campaña do 25 de novembro

Ao longo desta semana previa ao 25N o alumnado do noso centro participou en diferentes actividades de prevención e sensibilización sobre a violencia de xénero coa fin de erradicar esta lacra social nunha sociedade que queremos libre e igualitaria. No marco da iniciativa "E ti, que fas pola igualdade?", que este ano se presentou baixo o lema #Imparables, o CIM do Concello de Soutomaior desenvolveu un programa de actos para todos os cursos do IES. 

tropa

O martes 20 os mozos e mozas de 1º de Bacharelato asistiron ao espectáculo "Contamos todas", co que Brais e Marta, da compañía Tropa de Trapo, nos achegaron ás historias das mulleres que perseguiron e alcanzaron os seus soños, foran as mociñas da terceira idade da aldea de Torneiros (Allariz) ou as bravas mulleres que conseguiron poñer fin á guerra que masacraba as súas vidas en Liberia. Exemplos de vida, exemplos de mulleres que se enfrontaron a diversos retos. Historias reais, sinceras e inspiradoras. Contos para reflexionar, modelos de empoderamento, de superación, de igualdade e de rebeldía. Logo, a través de diversas dinámicas activas e participativas, soou a voz do alumnado, que debateu sobre a violencia de xénero e a necesaria igualdade cunha intensidade e unha madurez que nos fai ser optimistas de cara ao futuro.

Paula

Pola súa banda, todos os grupos de 1º a 4º da ESO participaron o mércores 21 e o venres 23 nos obradoiros que a psicóloga especialista en igualdade Paula Sánchez Álvarez impartiu un ano máis no noso centro. Da súa man, o alumnado abordou os conceptos de igualdade dende a propia responsabilidade e en positivo, mais sempre dende unha análise crítica coas estruturas patriarcais aínda dominantes na sociedade. A identificación das condutas sexistas e os estereotipos de xénero, a revisión dos roles femininos e, sobre todo, da nova masculinidade e o auxe global do movemento feminista foron outros dos aspectos traballados cunha xeración que avanza de forma imparable cara ao cambio.

Primeiras lecturas compartidas nos Clubs de Banda Deseñada

O pasado 13 de novembro botaron a andar os Clubs de Lectura de BD de 1º ESO e 2º ESO con María e mais eu, cómic de María e Miguel Gallardo que se achega á vida dunha nena con autismo, e Engurras, un clásico da novela gráfica de temática social no que Paco Roca nos adentrA no mundo do alzhéimer e a demencia senil.

nomades

Hoxe foi a quenda dos maiores do club "Marcando a diferenza", que partillaron as súas impresións sobre Nómades, de Xosé Tomás, un excelente cómic para abordar temáticas sociais como a emigración, a situación dos migrantes no país de acollida, os conflitos bélicos... E que é o que dixeron os mozos e mozas do Club sobre esta lectura? Mellor que pasedes vós a comprobalo nesta entrada do blogue da Biblioteca, que recomendamos seguir.

#Imparables fronte á violencia sobre as mulleres

Esta semana dá comezo no noso centro o programa de sensibilización e prevención da violencia contra as mulleres con motivo do 25N. En colaboración co CIM do Concello, o alumnado participará nas seguintes propostas educativas:

  • O martes 20 os mozos e mozas de 1º de Bacharelato asistirán ao espectáculo Contamos todas, unha proposta da compañía Tropa de Trapo que combina contos teatralizados e obradoiro e que terá lugar no Multiúsos de Arcade.
  • O mércores 21 e o venres 23 o alumnado da ESO participará nunha nova edición do programa E ti, que fas pola igualdade?, que baixo o lema #Imparables traballará conceptos como os estereotipos de xénero, o empoderamento feminino e as novas masculinidades. Esta iniciativa forma parte dun programa máis completo que chegará a máis lugares e públicos do municipio a través de contacontos infantís, obradoiros para homes e obradoiros para mulleres, exposición e a lectura público dun manifesto.
  • A partir do mércores tamén contaremos cunha exposición nos corredores do instituto, cedida igualmente polo CIM.

Para a semana prevense unha serie de intervencións do alumnado en diferentes espazos do centro mais aínda non é o momento de revelar ningún dato máis. A ver que nos teñen preparado!

Distribuir contido


by Dr. Radut