Skip to Content

Semana LGTBI no IES de Soutomaior

A semana do 22 ao 26 de maio contou coa participación de parte do noso alumnado e profesorado nas diferentes actividades que organizou o comando Igualdade no IES de Soutomaior co motivo da semana LGTBI.

Por unha banda, estiveron expostos na entrada principal os traballos do II Concurso Fotográfico nos que os participantes versionaban un cadro, foto ou imaxe icónica dunha película para darlle un enfoque LGTBI. Os gañadores foron premiados o xoves 25 no recreo.

                                            As imaxes están fotografiadas máis de cerca na galería

Outras actividades que se realizaron esta semana foron a proxección da película "Elisa e Marcela" o xoves 25 de maio na aula de música e o photocall o venres 26 no recreo.

Agradecemos ao alumnado e o profesorado a súa participación nestas actividades as cales favorecen que todo o mundo se sinta parte deste centro. Diverso e que debe ser tolerante con todos os roles de xénero.

 

Gratísimo encontro co escritor Xosé María Álvarez Cáccamo

O martes 30 de maio visitounos un dos autores máis importantes da literatura galega: Xosé María Álvarez Cáccamo.

O Club de Lectura "Soutomaiores" gozou coas súas palabras. Recitounos poemas dunha antoloxía que tiñamos realizada para a ocasión e foinos comentando moitas das claves que explican os seus textos. Explicounos moitos dos temas que son centrais na súa literatura: o mar, a liberdade, a infancia, a familia, a memoria, o amor ... Evocou episodios da súa vida, na dimensión individual e social, e como eran recollidos nas súas composicións.

De paso fixemos na biblioteca unha pequena exposición das súas obras que temos no noso centro. Cáccamo, asemade, agasallou á nosa biblioteca con outros exemplares de diversos xéneros.

Alegrámonos moitisimo desta visita e do pracenteiro momento que pasamos. Agardamos que volva!

O resto de imáxenes pódense ver na nosa galería

 

 

O clube de lectura de 1º de Bacharelato tivo un encontro coa poeta Rebeca Fariña

A partir da lectura do seu primeiro libro de poesías, titulado "Museo de Tormentas", publicado pola editorial Talón de Aquiles, os asistentes cambiaron impresións sobre os textos. Comentaron, nun diálogo ameno e entretido, algúns dos poemas da obra. Mantiveron unha conversa centrada no significado que para Rebeca, a autora, tiña o concepto de "poesía" como canle expresivo das emocións e sentimentos humanos, do cal é unha boa mostra o seu libro. Tamén se expuxo a necesidade da literatura para a vida e a importancia da lectura gozosa e pracenteira, libre e consciente.

Agradecemos a Rebeca que viñera compartir con nós os seus soños, a súa mirada, os seus desacougos. Desexámoslle moita sorte nos eidos literarios e vitais.

Proxecto Polo río vai e vén

O presente ano, o IES de Soutomaior ven de realizar un proxecto chamado "Polo río vai e ven" con parte do alumnado dos grupos de 3ºESO, 4º ESO e 1º de bacharelato.

Collendo o testigo do IES de Ponte Caldelas, que o ano pasado realizara un gran traballo sobre o uso do wolframio galego na Segunda Guerra Mundial, o profesorado implicado decidiu escoller como eixe diste traballo os Muiños de Daión.

Este lugar, tan preto de nós, chama a atención pola súa beleza e pola mala conservación, puidendo ser un lugar de interese para visitas turísticas e motivo de orgullo para todos os habitantes do concello.

@s profesor@s Montse Escudero Fernández, Gabriel Muñiz Alonso, Damián Otero Suárez, Menchu Bussieres Valcarce e Dolores Ferro Diz foron os participantes máis activos sendo coordinados por Antonio Ricón Rodríguez dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Para acceder ao traballo realizado, basta premer na seguinte imaxe.

Dende o centro queremos agradecer especialmente a Mónica Galiñanes, nai dun dos alumnos do centro, que aportou bibliografía que sería esencial para desenvolvemento da páxina web e a Alejandro Búa, que nos ensinou o lugar e entorno con moito entusiasmo e que ven defendendo a correcta conservación dos muiños durante moito tempo.

 

Convocatoria de axudas para a adquisición de material escolar- Curso 2023-2024

 

Prazo de solicitude:     do 20/5/2023 a 21/6/2023, incluídos

Forma de presentación:

  • Electrónica: utilice esta aplicación e presente solicitude na Sede Electrónica  (inicie premendo no icono de botón na esquina superior dereita da pantalla).

           NOTA: na presentación electrónica deberá presentar unha solicitude individual para cada un dos seus fillos.

Procedemento administrativo: ED330B

  • Presencial con asistencia da aplicación: cubra os datos nesta aplicación, imprima os Anexos I e II producidos e presenteos no centro (inicie premendo no icono de botón na esquina superior dereita da pantalla na aplicación fondolibros)
  • Presencial manual: utilice os Anexo I e Anexo II da Orde da convocatoria.

Maís información na aplicación fondo libros.

O alumnado que non estea admitido nin coñeza en que centro vai estar escolarizado no curso escolar 2023-2024, deberá presentar a solicitude no centro no que está matriculado no curso 2022-2023.

 

Xornada de teatro no IES de Soutomaior

O pasado xoves 18 de maio, o alumnado de 1º e 4º da ESO puido disfrutar dunha actuación ao cargo do dúo formado por Lois Blanco e Pablo Carrera integrantes da compañía Vicus Teatro.

O espectáculo de título "Crónicas Clásicas", foi representado no ximnasio e dividiuse en dúas partes. Na primeira explicaron de xeito ameno e interactivo a orixe do teatro na Antiga Grecia e na segunda interpretaron unha pequena obra característica das orixes deste arte.

A actividade foi organizada polo Equipo de Dinamización da Língua Galega no contexto da Semana das Letras Galegas e fixo posible que puderamos disfrutar no IES de Soutomaior das artes escénicas na nosa lingua.

 

Hai máis imaxes do evento na galería.

Recital poético-musical de Trobar-dos no instituto

O pasado martes 16 os Clubs de Lectura de 1º e 2º bacharelato e o alumnado de 3ºE asistiron a un recital poético-musical a cargo do dúo TROBAR-DOS.

Foi unha interesante actividade a nivel educativo: un percorrido, de pouco máis dunha hora de duración, por poemas moi coñecidos da literatura, sobre todo a galega, mais tamén a grega (cun texto da poeta Safo) e da latina medieval (algunha canción dos goliardos). Enmarcouse no contexto da Semana das Letras Galegas, de aí o predominio de temas da nosa literatura, desde a época medieval, coa interpretación dalgunha cantiga, ata composicións contemporáneas. Cada un dos temas contou cunha pequena presentación didáctica en verso na voz rimada de Alfredo Pérez, profesor de Lingua e Literatura Castelá, como se fose unha diminuta clase de literatura onde se sintetizaban aspectos referidos co autor ou autora, a súa obra literaria, etc. A fermosa interpretación musical , con voz e guitarra, correu a cargo de Anxo Abalde, profesor de Música e bo coñecedor da literatura.

En definitiva, pasamos un bo momento de aprendizaxe/lecer.

 

 

Para ver máis imaxes do acto, no seguinte enlace pódese entrar na galería.

 

Roteiros científicos

Aproveitando o bo tempo, o alumnado de 1º da ESO do IES de Soutomaior saiu esta semana (15 e 16 de maio) a explorar a natureza facendo un roteiro pola contorna do centro.

A actividade foi organizada polo Concello de Soutomaior dentro do programa de Divulgaciencia contando coa colaboración do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía. Monitores e profesores acompañaron aos rapaces ensinándolles as especies características da nosa flora e fauna e realizando actividades científicas coma cromatografías, análise do pH do solo e observación de mostras co microscopio.

                                     

 O resto das imaxes están subidas na galería

Obradoiros Divulgaciencia

Como parte da iniciativa de Divulgaciencia, o Concello de Soutomaior, coa colaboración dos Departamentos de Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química organizou os Obradoiros que tiveron lugar nos meses de marzo e abril no IES de Soutomaior

As temáticas foron moi variadas. Dende programación ata a preparación de cociña vanguardista sumando un total de cinco xornadas: "Deseño de APPs" e "Comes con Ciencia" con 1º de bacharelato, "Iniciación á Programación" con 3ºESO, Introducción á Programación e á Electrónica" e explorando o espazo con 4ºESO.

 

 

Con ista iniciativa, preténdese achegar ao alumnado os contidos das materias de ciencias dende un punto de vista máis practico e atractivo.

Para ver máis imaxes pódese consultar a galería do centro.

Entrega de trofeos no IES de Soutomaior

Estas últimas semanas tivemos recreos con varias actividades organizadas polo centro.

O Departamento de Educación Física organizou un campionato mixto no que cada grupo da ESO e de Bacharelato podía participar.

Logo de teren lugar as liguillas e o cadro final, resultaron gañador@s @s integrantes do equipo de 2º de Bacharelato e recibiron o trofeo o pasado venres 5 de maio.

 

Por outra banda, o campionato de xadrez organizado por Eduardo Cid Vila do Departamento de Lingua Castelá, rematou o mesmo venres 5 de maio como colofón os moitos enfrentamentos que tiveron lugar na biblioteca do IES de Soutomaior.

O gañador foi Iago López Casas e a segunda clasificada Antía Míguez Iglesias. Noraboa aos campións.

               

          As imaxes do campionato de xadrez na galería

Distribuir contido


by Dr. Radut