Skip to Content

Endl

ENDL

Que son os EDLG?

Os equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) son órganos consultivos e dinamizadores que se crean nos centros de ensino para os eidos lingüístico e cultural. 

Forman parte da estrutura administrativa, docente e didáctica dos centros e están integrados por profesorado dos distintos departamentos, por alumnado e por representantes do persoal non docente. 

Están regulados polo Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Enlace á web dos EDLG Secretaría Xeral de Política Lingüística:

Logo EDLG

 


 

O EDLG do IES de Soutomaior

A función primordial do EDLG do IES de Soutomaior é conseguir un uso normalizado da lingua galega no instituto, así como dar a coñecer e promover a nosa cultura no centro educativo.

Para iso, persegue ampliar os usos e as competencias lingüísticas dos diferentes sectores que compoñen a comunidade educativa, ademais de prestixiar o estatus social do idioma coa vontade de incidir nas actitudes lingüísticas, aínda lastradas polos prexuízos e clixés que connotan negativamente a lingua. 

Baixo estas premisas, a actuación do EDLG pretende combinar unha liña de traballo dinamizadora, orientada á elaboración dun calendario anual de actividades, cunha dimensión normalizadora, que incide máis directamente na mellora das destrezas lingüísticas e nas actitudes que as reforzan a través de proxectos interdisciplinares desenvolvidos conxuntamente con outros departamentos, entidades e institucións do noso Concello, seguindo as directrices do Plano de Fomento da Lingua Galega e o Proxecto Educativo de Centro.

O EDLG do IES de Soutomaior bota a andar por primeira vez neste curso escolar 2018-2019 tendo en conta que este centro educativo é de nova creación. Con todo, o labor normalizador das persoas que o integran é herdeiro do traballo levado a cabo durante moitos anos no CPI Manuel PadínTruiteiro, centro do que se segrega este IES.

Obxectivos do EDLG do IES de Soutomaior

De acordo coa función propia que se lle atribúe ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega, establécense os seguintes obxectivos fundamentais:

a. Fomentar o uso da lingua galega como lingua oficial do centro, tanto oral como escrita, e en todos os ámbitos: no uso interno -vida administrativa- e no uso externo -relacións coa comunidade.

b. Garantir os dereitos lingüísticos dos galegofalantes no seo da nosa comunidade educativa, nomeadamente, no caso do alumnado.

c. Eliminar os prexuízos lingüísticos en todos os ámbitos e en toda a comunidade escolar a través da sensibilización idiomática e a promoción da análise crítica dos preconceptos existentes sobre a lingua.

d. Consolidar o galego como lingua habitual dos grupos xa instalados no idioma e procurar avances nos individuos bilingües con predominancia do castelán ou monolingües en castelán.

e. Fomentar entre os pais e as nais do noso alumnado o uso en galego cos seus fillos/as valorizando o seu papel como transmisores/as fundamentais da lingua.

f. Mellorar as destrezas lingüísticas, nomeadamente as activas, do alumnado e do profesorado e que este maior dominio repercuta de forma efectiva no uso habitual da lingua.

g. Reforzar a dimensión comunicativa e instrumental do galego en relación con usos artísticos e comunicativos, ligando o seu uso aos modos de vida máis actuais e vangardistas e aos usos lúdicos do idioma.

h. Difundir a lexislación actual e facilitar información legal en materia lingüística aos diferentes órganos e membros da comunidade educativa.

i. Implicar o maior número de alumnado posible nas actividades do EDLG para que as actuacións teñan unha maior visibilidade e incidencia.

j. Xerar dinámicas de traballo que supoñan unha toma de contacto e de corresponsabilidade do alumnado, o profesorado e o persoal non administrativo co EDLG.

k. Fomentar os valores funcionais, identitarios e diferenciais do idioma.

l. Fomentar a presenza do galego nas novas tecnoloxías.

m. Promover relacións coas sociedades, colectivos e administracións da contorna escolar que teñan incidencia na comunidade educativa.

Constitución do EDLG do IES de Soutomaior

O EDLG constitúese formalmente a comezos do curso 2018-2019 conforme o previsto na lexislación. O equipo nútrese de representantes dos diferentes sectores que conforman a comunidade educativa (profesorado, alumado e persoal non docente), aínda que os graos de implicación e corresponsabilidade de cada sector no desenvolvemento do programa será diferente ao longo do curso.

Ademais das persoas integrantes no EDLG, segundo a natureza das actividades desenvolvidas e de acordo coa acollida que as accións proxectadas teñan no seo da comunidade escolar, pódenselle sumar outras persoas colaboradoras. O EDLG tamén podería delegar nelas a responsabilidade da coordinación das diferentes accións.

Orzamento do IES de Soutomaior

O EDLG acollerase á asignación anual da SXPL que se ha solicitar na convocatoria dos proxectos de fomento do uso do galego. Con todo, dado o baixo importe que se adoita conceder por parte da SXPL, este EDLG queda a expensas da colaboración, non sempre posible, dos departamentos e do orzamento do propio centro.

Neste sentido, a materialización das propostas que programamos anualmente dependerá en boa medida da contía asignada pola SXPL e da disposición económica favorable que o centro posúa.

Para este curso 2018-2019 solicitaremos a cooperación do centro para os diversos conceptos necesarios (dotación de material funxible, portes das exposicións, edición de cartelaría, gastos de transporte, etc.), e tamén contaremos coa colaboración dos diferentes departamentos cos que o equipo organiza actividades conxuntas.

Do mesmo xeito, xestionaremos a colaboración con outras entidades, institucións ou asociacións externas ao centro co obxectivo de levar adiante as distintas propostas que se programan (Deputación, Concello, etc.).

Distribuir contido


by Dr. Radut