Skip to Content

Complementarias

Boleto premiado no Sorteo Pro-Excursión París 2020

A alerta sanitaria decretada en marzo de 2020 truncou a ilusión do alumnado de 4º ESO, que ía celebrar a fin de etapa cunha viaxe a París para a cal estiveron traballando durante meses, tanto para financiarse como para coñecer e gozar plenamente da visita á capital francesa a través do Proxecto París.

A suspensión das actividades lectivas adiou o último sorteo organizado para acadar cartos para a viaxe, consistente nun programa para 2 persoas no Balneario Mondariz (aloxamento de 1 noite, almorzo buffet e unha actividade termal: Palacio da Auga ou Circuíto Celta).

Unha vez rematado o Estado de Alarma, procedeuse a facer o sorteo. O boleto premiado é:

  • Número 1109, vendido pola alumna Adriana Barros.

No caso de non aparecer antes do venres 10 de xuño a persoa gañadora, que debe presentar a rifa, o boleto suplente corresponde co:

  • Número 1740, vendido polo alumno Adán Piñeiro.

Para retirar o premio é preciso poñérse en contacto co centro no teléfono 886.159.801 ou no correo ies.soutomaior@edu.xunta.gal.

O que Adriana Eugenio viu dende a súa xanela

adriana
 
Adriana Eugenio, alumna de 1º ESO B, vén de ser premiada no Concurso O que ves desde a túa xanela (categoría 12-14 anos) que convocou a Deputación co obxectivo de "descubrir a paisaxe que vemos desde a nosa xanela: as rúas, as árbores, o mar e o campo", mais tamén para "abrir unha xanela aos lugares aos que nos gustaría regresar e que partillamos coa familia e as amizades".
 
En palabras do xurado, o traballo de Adriana destaca "pola súa calidade artística amosando destreza na técnica da acuarela, a beleza dos trazos e o seu realismo".
 
Moitos parabéns, Adriana! Estendemos a nosa felicitación ás familias e ao profesorado de Plástica por animar e acompañar estes traballos de expresión artística dos rapaces e as rapazas durante o confinamento.

A Xeración da Igualdade protagoniza o 8 de marzo no instituto

O Comando Igualdade organizou unha pegada de lemas a prol da igualdade e un photocall para que miremos o mundo con ollada violeta. Ademais, ao longo desta semana aparecerán máis textos en diferentes espazos do instituto. Non deixedes de ver as fotos e coñecer as demandas da que sen úbida ningunha vai ser a Xeración da Igualdade nesta ligazón.

Así mesmo, a Biblioteca sumouse a esta data de reinvindicación preparando unha selección de lecturas que podedes coñecer entrando no seu blogue

Pompidou no Proxecto París

A experimentación, a creatividade e o traballo en equipo rachou moitos tópicos que existen sobre a arte contemporánea grazas ao obradoiro que se desenvolveu o pasado mércores na Biblioteca.

O alumnado anticipou a visita ao Centro de Arte Georges Pompidou que terá lugar a finais de marzo e coñeceu, aprendeu e gozou coas propostas dos Jeff Koons, Duchamp, Joseph Beauys, Louise Bourgeois, Matisse, Delaunay, Yves Klein, a escola da Bauhaus..., e coas súas propias creacións, xa que por un día exprimentaron con materiais, formas, cores... como ben se pode ver na crónica da sesión e nas súas caras de curiosidade, paixón e felicidade. 

Obradoiros da Semana da Ciencia

Ao teatro coas Troianas

De conversa con Iria Misa

O pasado venres 28 de febreiro visitounos a escritora Iria Misa, autora de obras xuvenís como Xa non estou aquí (2016) e O segredo do solpor (2018)... mais, sobre todo, de Mamá, quero ser Ziggy Stardust, unha novela que deixou unha forte pegada no alumnado de 1º ESO na materia de Lingua Galega. 

Máis imaxes aquí.

Iria Misa mantivo unha conversa moi ben guiada polos moderadores Breixo, Uxía e Zaira, encargados de facer as primeiras preguntas e dar paso ás consultas dos compañeiros e compañeiras. Soubemos así as motivacións que levaron a Iria a escribir esta novela, como comezou a escribir e publicar e como entende a escritura, a fermosa pegada deste libro nos lectores e lectoras e nela mesma...

Tamén estiveron moi presentes con nós Aine, Thomas..., os protagonistas de Mamá, quero ser Ziggy Stardust, que encarnan unha realidade que está aí, a da infancia transexual, a dos prexuízos que nos impoñen dende moi pequenos para sinalarnos como debemos actuar e como debemos ser por nacermos nenos ou nenas, a das violencias que sofren as persoas que non seguen os roles establecidos... Mais tamén, grazas á firmeza de Aine, á complicidade e comprensión da súa nai, a empatía de moitos outros personaxes ou a David Bowie, que para Iria Misa foi e é un referente moi importante á hora de escribir esta historia, entendemos que debemos perseverar naquilo que cremos e en ser nós mesmos para facer unha sociedade mellor, onde os afectos, a empatía e o respecto á diversidade afectivo-sexual e de todo tipo venzan a ignorancia e a discriminación.

Ao final, a hora pasou voando, fixemos moitas preguntas e aínda fariamos máis, a sinatura de libros que seguiu foi longa e quedamos coas ganas de repetir un novo encontro con iria Misa, a quen lle agradecemos moito a súa visita, a súa proximidade e o seu cariño.

Visita ao Centro de Formación e de Investigación Agroforestal de Lourizán

O alumnado de 4º ESO achegouse esta mañá as instalacións do Centro de Formación e de Investigación Agroforestal de Lourizán (Pontevedra) para coñecer as diferentes saídas profesionais vinculadas ao ámbito rural. Así, os rapaces e rapazas do IES visitaron o arboreto e os viveiros para identificar diferentes especies de plantas e árbores para poder, xa despois na aula, replicar estes coñecementos e realizar uns obradoiros prácticos que permitan integrar estes coñecementos no noso centro. Da man do profesorado e do persoal especialista de Lourizán, o alumnado achegouse dun xeito moi didáctico a un lugar máxico e cheo de historia no que actualmente se forman moitas persoas nun amplo abano de especialidades cunha gran proxección profesional.

Esta saída enmárcase no programa educativo que impulsan a Concellería de Educación e Medio Ambiente de Soutomaior en colaboración co Departamento de Bioloxía e a dirección do IES para promover os recursos naturais da nosa contorna e como facer un aproveitamento responsable e sostible deles. 

Fonte: Educación Soutomaior.

Entroido 2020

Este pasado venres 21 celebramos un ano máis o Entroido. Durante toda a semana, e a proposta de diferentes clases, fomos creando o ambiente propicio para a festa final: un día vestimos todos/as da mesma cor, outro puxemos perruca e gafas, ao seguinte vestimos un mandil ou unha bata..., mais o que sempre triunfa foi vir en pixama ao instituto.

Finalmente, chegou o gran día, e despois de moito ensaiar (unhas clases máis e outras menos), tivo lugar o Concurso-Desfile, no que participaron 12 grupos que volveron sorprendernos coas súas postas en escena, os seus bailes, uns disfraces moi diversos e imaxinativos e, sobre todo, pola súa grande ilusión e moitas doses de humor e ganas de pasalo ben.

Mais, como en todo concuso, houbo que escoller grupos gañadores, aínda que todos o fixeron moi ben e recibiron o aplauso do público. O xurado, composto polas profesoras Marta e Elena e os alumnos Samuel, Adam e Sabela, non o tivo nada fácil, mais ao final decidiron que o 1º Premio fora para 2º Bacharelato por "Unha noite no museo". Tamén se recoñeceu cun accésit á mellor coreografía a 2º ESO C, cun accésit á proposta máis orixinal  a 4º ESO C e co accésit ao mellor disfraz a 4º ESO A. Tedes unha boa colección de imaxes da xornada aquí.

Así mesmo, a cara máis doce e sabedeira da festa correspondeulle ao I Concurso de Sobremesas de Entroido. Foron premiados os doces (ver imaxes aquí) de Sabela Campo (bica nº 11), David Alján (cake de filloas nº 9) e Thais Fernández (filloas nº 14). O xurado lambón estivo composto por Lucas Franco, Marta Reguera, Anxo Barcia e as profes Tania e Montse.

Os grupos premaidos no desfile terán unha merendola na cafetería mentres que o alumnado premiado no certame de sobremesas ten á súa disposición uns bonos de consumo na cafetería.

Ademais de agardecer a colaboración aos membros dos xurados, queremos destacar un ano máis o labor do presentador oficial do desfile, o profesor Fernando Blanco, o mellor mestre de cerimonias do centro. E, por suposto, a todo o alumnado e ao profesorado que botou unha man nesta semana.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut