Skip to Content

Animación á lectura

Continúan as actividades do Clube de Lectura

Seguimos coas actividades dos clubs de lectura.

Unha das últimas en realizar foi a do Club de Lectura de 1º bacharelato. Consistíu en ler a obra "O lirio branco", que corresponde a outra peza máis da serie de banda deseñada de Astérix. Esta obra foi publicada non hai moito en galego, en outubro de 2023, cunha tradución a cargo de Xavier Senín, Isabel Soto e Alejandro Tobar e editado por Xerais. 

Foi unha obra do interese do alumnado, xa que moitos dos contidos que coñecen por  materias diversas, como historia ou latín, se visualizan e tratan neste magnífico libro gráfico.

CLUBS DE LECTURA

Neste curso 2024-2025 seguimos a contar  con varios Clubs de Lectura, tanto de ESO como Bacharelato, nos que se van consolidando hábitos de lectura e reflexión moi interesantes. 

Por outra banda tamén temos un Club de Lectura de persoas maiores, que chamamos Soutomaiores, que está a seguir coas súas lecturas e encontros con autores.

ACTIVIDADE NESTE TRIMESTRE DO CLUB DE LECTURA DE 1º BACHARELATO

O Club de LECTURA de 1º bacharelato realizou unha intensa actividade neste primeiro trimestre do curso 2023-24. Deron conta de dous textos moi interesantes, segundo a súa opinión: A vida na Grecia clásica e a separata publicada polo "Diario Nós" sobre o castelo de Soutomaior, que o Concello donou á Biblioteca.

A primeira, sobre Grecia, é obra de Alfonso Blanco, e resulta ser unha atractiva síntese ilustrada sobre os aspectos máis destacados da historia e cultura grega: as cidades, a sociedade, o traballo e o lecer, a comida e a bebida, o vestiario, a relixión... e, de forma  especial, as pegadas que o mundo helénico nos deixou a moitos niveis. Lembremos que en Grecia naceu o alfabeto, a filosofía, o urbanismo, a política, a literatura, o teatro, a medicina, as olimpiadas etc. Estes aspectos e a súa importancia foron obxecto de atención e comentario: ata que punto o mundo contemporáneo é debedor daquel e como moitas cousas cotiás teñen a súa orixe alí.



A segunda, o monográfico sobre o castelo de Soutomaior, escrito polo historiador Suso Vila, conecta coa contorna do alumnado e é un bo xeito de descubrir a significación que o castelo tivo non so na historia local, senón tamén na historia de Galicia, como bo exemplo do que foi o reino galego medieval. Esta lectura fai un percorrido ao longo do tempo polo monumento, recollendo personaxes tan significativos como Pedro Madruga ou María Vinyals, entre outros, ademais de tratar temas de antropoloxía e cultura. Esta obra conta con fotografías, imaxes históricas e reproduccións documentais que fan dela algo moi ameno.

O CONCELLO DE SOUTOMAIOR ENTREGA Á BIBLIOTECA EXEMPLARES SOBRE O CASTELO

Os concelleiros Diego Moreira e Silvia Cernadas achegáronse onte á Biblioteca do Instituto para faceren entrega de varios exemplares da publicación sobre o Castelo de Soutomaior que o Diario Nós acaba de sacar.

Esta publicación, realizada polo historiador Suso Vila, que conta con diversos textos e ilustracións, servirá para o seu uso e lectura por parte do Club de Lectura de 1º de Bacharelato, así como por parte das persoas interesadas.

 

Agradecemos ao Concello de Soutomaior esta entrega.

 

 

Club de Lectura. Soutomaiores

 

ANÓTATE!

 

  • Constituimos un Club de Lectura para persoas adultas, que denominamos “Soutomaiores”, aberto á Comunidade Educativa (profesorado, exalumnado, nais, pais, titoras/es legais, persoal de administración e servizos…). Animámosvos a quen queira participar a que vos anotedes canto antes (podemos poñer como data límite o venres 10 de novembro).

 

  • A idea é lermos por trimestre un libriño interesante e comentármolo entre todas e todos, de ser posíbel coa autora e autor: isto supón un mellor coñecemento tanto de quen o escribiu como da obra en si. A obra, data e momento deste encontro están por determinar, mais nada máis sabelo o comunicaremos ao Club.

 

  • Así que so desexamos que vos animedes a participar: a lectura e o encontro de fala entre todas e todos (incluído quen escribiu o libro) sempre resulta moi gratificante.

Gratísimo encontro co escritor Xosé María Álvarez Cáccamo

O martes 30 de maio visitounos un dos autores máis importantes da literatura galega: Xosé María Álvarez Cáccamo.

O Club de Lectura "Soutomaiores" gozou coas súas palabras. Recitounos poemas dunha antoloxía que tiñamos realizada para a ocasión e foinos comentando moitas das claves que explican os seus textos. Explicounos moitos dos temas que son centrais na súa literatura: o mar, a liberdade, a infancia, a familia, a memoria, o amor ... Evocou episodios da súa vida, na dimensión individual e social, e como eran recollidos nas súas composicións.

De paso fixemos na biblioteca unha pequena exposición das súas obras que temos no noso centro. Cáccamo, asemade, agasallou á nosa biblioteca con outros exemplares de diversos xéneros.

Alegrámonos moitisimo desta visita e do pracenteiro momento que pasamos. Agardamos que volva!

O resto de imáxenes pódense ver na nosa galería

 

 

O clube de lectura de 1º de Bacharelato tivo un encontro coa poeta Rebeca Fariña

A partir da lectura do seu primeiro libro de poesías, titulado "Museo de Tormentas", publicado pola editorial Talón de Aquiles, os asistentes cambiaron impresións sobre os textos. Comentaron, nun diálogo ameno e entretido, algúns dos poemas da obra. Mantiveron unha conversa centrada no significado que para Rebeca, a autora, tiña o concepto de "poesía" como canle expresivo das emocións e sentimentos humanos, do cal é unha boa mostra o seu libro. Tamén se expuxo a necesidade da literatura para a vida e a importancia da lectura gozosa e pracenteira, libre e consciente.

Agradecemos a Rebeca que viñera compartir con nós os seus soños, a súa mirada, os seus desacougos. Desexámoslle moita sorte nos eidos literarios e vitais.

Recital poético-musical de Trobar-dos no instituto

O pasado martes 16 os Clubs de Lectura de 1º e 2º bacharelato e o alumnado de 3ºE asistiron a un recital poético-musical a cargo do dúo TROBAR-DOS.

Foi unha interesante actividade a nivel educativo: un percorrido, de pouco máis dunha hora de duración, por poemas moi coñecidos da literatura, sobre todo a galega, mais tamén a grega (cun texto da poeta Safo) e da latina medieval (algunha canción dos goliardos). Enmarcouse no contexto da Semana das Letras Galegas, de aí o predominio de temas da nosa literatura, desde a época medieval, coa interpretación dalgunha cantiga, ata composicións contemporáneas. Cada un dos temas contou cunha pequena presentación didáctica en verso na voz rimada de Alfredo Pérez, profesor de Lingua e Literatura Castelá, como se fose unha diminuta clase de literatura onde se sintetizaban aspectos referidos co autor ou autora, a súa obra literaria, etc. A fermosa interpretación musical , con voz e guitarra, correu a cargo de Anxo Abalde, profesor de Música e bo coñecedor da literatura.

En definitiva, pasamos un bo momento de aprendizaxe/lecer.

 

 

Para ver máis imaxes do acto, no seguinte enlace pódese entrar na galería.

 

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

O noso centro sumouse á celebración este martes 21 de marzo do Día Mundial da Poesía. O equipo da biblioteca escolleu diversos poemas de varios autores e autoras, de distintas literaturas, e convidouse ao alumnado para que os lese, seleccionase o seu favorito e o levase consigo. Nalgunhas aulas tamén se fixeron actividades relacionadas con este fermoso evento. Agradécese a colaboración do profesorado dos departamentos de Lingua Galega, Lingua Castelá e Linguas Clásicas; tamén ao alumnado de grego e latín de 2º bacharelato e de 3ºE.

Reivindiquemos a poesía. Como dicía o poeta Gabriel Celaya, a "poesía é necesaria coma o pan de cada día".

 

              

Máis fotos na galería.

ENCONTRO DO CLUB DE LECTURA “SOUTOMAIORES” CO ESCRITOR XESÚS CONSTELA

O martes 20 de decembro tivemos o Club de Lectura de adultas/os “Soutomaiores” un pracenteiro encontro co escritor Xesús Constela co pretexto do seu libro As humanas proporcións, que conta cos Premios Torrente Ballester de narrativa e da Asociación da Crítica.

A grata conversa permitiunos afondar máis no escritor e na súa xa ampla obra. Abordáronse claves da súa obra: o feito literario en si, a elaboración e comentarios sobre os doce relatos do libro lido, os temas presentes (as etapas da vida, o amor, as viaxes, as lembranzas, a liberdade...), a configuracións dos personaxes, as anécdotas e detalles da propia realidade e experiencia como fonte ou motivo para a materia literaria, a tarefa de escribir en galego, a necesidade de avanzar coa normalización lingüística...

Este encontro tan produtivo e ameno serve tamén de óptimo aliciente para lermos as outras obras de Xesús Constela, como O libro das alquimias, Shakespeare destilado, Lisa deitada, O peso do cerebro, etc.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut