Skip to Content

Proxectos

Openscience 2023

Esta pasada fin de semana , do 15 ao 17 de septembro, Breixo Cernadas e Lucía Castrillo tiveron a oportunidade de presentar na Openscience de Cambre o seu proxecto (Compost IA), gañador do Premio de Rigor Científico na pasada Feira da Ciencia organizada polo Concello de Soutomaior.

Dende as 12:00 do sábado ata a 13:00 do domingo, os dous participantes ocupáronse de explicar as características do seu innovador traballo á xente que se ía achegando ao seu posto.

Despois de tanto esforzo, os nosos alumnos tiveron unha recompensa ben merecida gañando o primeiro premio na categoría de bacharelato.

 

Dende o IES de Soutomaior queremos expresar o noso orgullo polo traballo realizado e pola idea tan orixinal. Tamén queremos agradecer o traballo feito pola súa titora do proxecto, Saínza Martínez López e pola OMIX do Concello de Soutomaior que organizou e facilitou a nosa participación no evento. Tampouco nos queremos olvidar de Sofía Martínez Braña, integrante inicial do grupo que finalmente non puido ir á Openscience este ano.

II Feira da Ciencia de Soutomaior

Un ano máis, a OMIX do Concello de Soutomaior e o IES de Soutomaior veñen colaborando para que un dos acontecementos máis importantes do curso teña lugar. A Feira da Ciencia.

O xoves 4 de maio, o alumnado que estivo a traballar dende as diferentes materias en proxectos relacionados coa investigación e o método científico, puideron saír á Alameda de Talo Río onde o Concello dispuxo unha gran carpa e stans onde o alumnado puidose situar. O obxectivo deste acontecemento e dar á rapazada a oportunidade de contar e explicar outros estudantes, pais e calqueira que se achegara as características do seu proxecto.

                                                       Máis fotos da feira na galería.

Na feira participaron ao igual que na primeira edición, o IES de Soutomaior e o Colexo Santiago Apóstol, mais este ano tivemos novas incorporacións sumándose proxectos moi interesantes de institutos de Redondela.

O noso alumnado presentou os seguintes proxectos:

  • Compost IA.                                                                                              
  • ¡¡Descubrindo a tecnoloxía!!
  • O solo como ecosistema. Importancia da vexetación e efectos da contaminación.
  • A estrada dos semáforos tolos.
  • Mito ou realidade: a cocacola e o vinagre estropean os nosos dentes?
  • Espirómetro ALNAUXCAN.

O 21 de xuño, dentro das actividades de fin de curso, o alumnado puido recibir por fin os premios concedidos polo xurado. Noraboa a todos os participantes e, por suposto, unha mención especial tamén ao profesorado que axudou e dirixiu os proxectos.

Fotos da entrega de premios na galería.

Xornada de convivencia do IES de Soutomaior co IES de Pontecaldelas

O proxecto "Polo río vai e ven" está este ano no tellado do IES de Soutomaior, pero participamos nel dous centros: o noso e o IES de Pontecaldelas.

Para celebrar esta colaboración, este luns 5 xuño, o alumnado participante saiu a facer un roteiro no que puideron coñecer os muiños de Daión, protagonistas este ano do noso traballo e, de paso, disfrutar dunha mañá diferente en compañía do alumnado de Pontecaledelas.

                                               Tódalas imaxes do roteiro pódense ver na galería

 

Proxecto Polo río vai e vén

O presente ano, o IES de Soutomaior ven de realizar un proxecto chamado "Polo río vai e ven" con parte do alumnado dos grupos de 3ºESO, 4º ESO e 1º de bacharelato.

Collendo o testigo do IES de Ponte Caldelas, que o ano pasado realizara un gran traballo sobre o uso do wolframio galego na Segunda Guerra Mundial, o profesorado implicado decidiu escoller como eixe diste traballo os Muiños de Daión.

Este lugar, tan preto de nós, chama a atención pola súa beleza e pola mala conservación, puidendo ser un lugar de interese para visitas turísticas e motivo de orgullo para todos os habitantes do concello.

@s profesor@s Montse Escudero Fernández, Gabriel Muñiz Alonso, Damián Otero Suárez, Menchu Bussieres Valcarce e Dolores Ferro Diz foron os participantes máis activos sendo coordinados por Antonio Ricón Rodríguez dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Para acceder ao traballo realizado, basta premer na seguinte imaxe.

Dende o centro queremos agradecer especialmente a Mónica Galiñanes, nai dun dos alumnos do centro, que aportou bibliografía que sería esencial para desenvolvemento da páxina web e a Alejandro Búa, que nos ensinou o lugar e entorno con moito entusiasmo e que ven defendendo a correcta conservación dos muiños durante moito tempo.

 

O IES de Soutomaior na Openscience

             

 

Na fin de semana do 16,17 e 18 de Septembro celebrouse a feira Openscience en Cambre. Un proxecto europeo que busca mellorar a educación en ciencia e tecnoloxía a través de novas formas de ensinanza.

Este acontecemento abriu as súas portas a unha gran diversidade de proxectos  e, tralo éxito do ano pasado da II Feira da Ciencia de Soutomaior, a OMIX e a Concellaría de Educación de Soutomaior, buscou cun dos premios (Premio Innova) a nosa participación. Así, o equipo formado por Sofía Martínez Braña, Lucía Castrillo Sánchez e Breixo Cernadas Soliño, levou o seu traballo "Regulador de luz baseado en Arduino" que fora coordinado polo profesor Manuel Cuervo.

O acontemento foi descrito por Lucía Castrillo, unha das integrantes do equipo:

"A experiencia de vivir de primeira man ser expositoras na V edición do Openscience de Cambre deste ano 2022 foi cando menos incrible.

Chea de innovación, ciencia, proxectos e xente (de Colombia, Portugal e diferentes puntos de Galicia), permitiunos levar o nome do noso instituto a un dos acontecementos científicos máis importantes de Galicia.

Foi unha oportunidade magnífica para expoñer o noso proxecto a xente de todas as idades que acudían ao nos stand para escoitar con interese as nosas explicacións.

Levámonos unha chea de bos recordos e sensacións, entre as que destaca asatisfacción de telo conseguido".

Dende o IES de Soutomaior queremos agradecer e saudar a Sabela Margariños Pereira, participante do equipo o curso pasado, que non puido participar e que de poder, estaría sen dúbida tamén no stand.

 

Galería de imaxes

 

Con orgullo!

Comando Igualdade do IES de Soutomaior no 28 de xuño, Día do Orgullo LGTBQI+, que visibiliza e reinvindica o dereito a vivir e sentir a identidade de xénero e a orientación afectivo-sexual dende a diversidade e a liberdade.

Despedida e avaliación dos clubs de lectura

Os mozos e mozas dos clubs de lectura do centro avalían a experiencia e despídense ata o curso que vén. Agora tócalles gozar dunhas merecidas vacacións... e das lecturas do verán!

E lembremos que non hai mellor recomendación dun libro que a que fan os propios lectores, así que non deixedes visitar o blogue da biblioteca e de inculcar o hábito da lectura no seo das familias.

Vive a túa pluma, vivamos a nosa pluma

Ter pluma (frase coloquial): afeminamento na fala ou nos xestos dun varón. 
Fonte: Dicionario da RAE.

Preguntámonos algunha vez pola orixe e o significado da expresión "ter pluma" que se lle aplicou historicamente aos homosexuais? Pois é unha expresión homófoba, ao igual que "machorro" e outros moitos termos despectivos, froito dos prexuízos que estigmatizan as persoas pola súa orientación sexual e identidade de xénero e revelan unha historia de desigualdade e discriminación social. 

Fronte a estas mostras de odio, o Comando Igualdade do instituto aprópiase da pluma para convertela nunha arma para rachar cos esteriotipos sociais e reinvindicar o dereito a vivir e expresar libremente como nos sentimos. Esta é a mensaxe que quixeron partillar con motivo do 17 de maio, Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia.

Porque paga a pena!

PaP

 

Descubride vós mesmos porque paga a pena entrando aquí.

Clube da Lingua do IES de Soutomaior.

Fin dos proxectos do curso 2019-2020

Durante este curso académico 2019-2020 o IES de Soutomaior estaba a ser un fervedoiro de proxectos, ideas e traballo en equipo. A pandemia e a situación de confinamento que nos tocou vivir levaron consigo as nosas ganas de aprender, de traballar xuntos e tamén moitas ilusións.

O Proxecto da viaxe de fin de etapa de 4º da ESO (Contratos - programa) estaba a piques de chegar ao seu punto final, coa elaboración da guía de viaxe e a excursión a París, que non puido ser. Todo o que fixemos polo camiño pagou a pena: investigamos, lemos, tivemos sesión de cine, traballamos coas infografías e tivemos unha tarde fantástica dedicada á arte contemporánea que ningún de nós esquecerá, mais, sobre todo, compartimos risos e momentos que gardaremos na memoria como unha experiencia marabillosa que non puidemos culminar. Outra vez será!

O Proxecto Vívete, sobre igualdade de xénero e visibilización do colectivo LGTB+ (Contratos-programa), comezou a súa andaina alá por outubro, cando se configurou o Comando Igualdade. O alumnado participante levou a cabo intervencións co gallo do 25N e o 8M, que serviron para facernos críticos, creativos e sensibles ás problemáticas sociais que nos rodean. Para a memoria do noso centro quedan tamén as imaxes, vídeos, investigacións, performances e intervencións dun alumnado comprometido co futuro. No tinteiro fican actividades que trataremos de recuperar, como a Semana da diversidade afectivo-sexual, o ciclo de cinema LGTB+ e o obradoiro de fanzine, no que tanta ilusión puxeramos.

O Proxecto de educación patrimonial, titulado Miña casiña, meu lar (Plan Proxecta), acababa de dar comezo. Moitos plans e un traballo ambicioso por diante que se viron truncados. Aínda así, tempo tivemos de gozar dos recursos patrimoniais da nosa contorna, e de ler sobre unha das mulleres máis emblemáticas do feminismo e da nosa vila: María Vinyals. Tamén, no marco deste proxecto, o alumnado de 1º ESO traballou arreo para concienciarnos sobre a necesidade de coidar a nosa contorna inmediata, coa limpeza e a reciclaxe.

A celebración da Semana polo Clima, en setembro, espertou en nós a iniciativa de nos converter nunha Escola Verde (Plan Proxecta). Foron moitos os profesores que se implicaron en incluír a educación ambiental nas súas ensinanzas; desfrutamos de actividades como roteiros ambientais, visita ao Centro de Investigación Agroforestal de Lourizán, plantación e sementeira de árbores, charlas sobre residuos, xestión do monte… Participamos activamente na xestión sostible dos nosos residuos e iniciamos outras accións como unha ecoauditoría do centro, a plantación dun xardín silvestre, e outras que sen dúbida haberá que continuar.

E, finalmente, os Clubs de lectura, que reuniron preto de corenta alumnos e alumnas e que foron toda unha experiencia. Petiscos de arte acolleu alumnado de 1º e 2º de ESO que traballou con lecturas sobre artistas da arte contemporánea, facendo verdadeiras homenaxes coas súas creacións. O Club de lectura pola igualdade ofreceunos un excepcional espazo para o debate e a lectura de obras que nos encantaron, tanto aos participantes como aos profesores implicados. O Club Historias da historia abriunos os ollos a outras épocas e a outras realidades, e converteuse nun lugar de encontro entre profesorado e alumnado.

Nunca choveu que non escampara, e o alumnado e o profesorado do IES Soutomaior voltará o curso próximo con máis ganas de facer do noso centro un lugar mellor, comprometido coa realidade e coa nosa contorna.

Grazas a todos e todas, profesorado, equipo directivo, alumnado e o persoal non docente, pola vosa colaboración e ganas de facer!

Distribuir contido


by Dr. Radut