Skip to Content

Convocatorias

A exposición "Rompe. Xoga en Igualdade" chega ao Multiúsos de Arcade

Este xoves ás 12h inaugurarase no Multiúsos de Arcade a exposición Rompe. Xoga en Igualdade, promovida pola Deputación de Pontevedra e acollida pola Concellería de Igualdade do Concello de Soutomaior.

Esta proposta de Isabel Blanco e Irene Silva reivindica a igualdade entre homes e mulleres e promove a concienciación social visualizando a posición de discriminación da muller, que é o xerme da violencia machista. Trátase dunha exposición de poesía visual na que o obxecto fala por si mesmo precisando apenas un texto explicativo. As bonecas elixidas para o proxecto interviñéronse para amosar situacións de desigualdade, violencia e discriminación e recalcar a importancia do xogo na educación e a formación de nenas e nenos así como na transmisión de valores. 

A mostra poderá ser visitada ata o 11 de decembro en horario de luns a venres, entre as 10h e as 14h, e martes e xoves pola tarde entre as 16h e as 20h.

XVIII Concurso de Postais e Felicitacións de Nadal

O Concello de Soutomaior convoca unha nova edición do Conncurso de Postais e Felicitacións de Nadal co que se pretende promover a reflexión sobre o significado desta celebración e os seus valores na sociedade actual, apoiar a participación da mocidade no ámbito artístico e creativo e fomentar o uso da lingua galega.

O prazo de presentación remata o luns 16 de decembro ás 13:00 e os traballos deben ser entregados na OMIX.

RESUMO DAS BASES (para descargar as bases completas, preme aquí)

- Temática: o Nadal en sentido amplo (felicitacións, imaxes propias destas festas, entrada no novo ano, mensaxes solidarias,... Interpretación libre, creativa e orixinal).

- O texto e o audio deberán ser en galego.

- Cada persoa presentará unha única postal ou felicitación, que deberá ser inédita e non estar suxeita a dereitos de autoría.

- A técnica será libre pero deberá encaixar nalgunha das modalidades propostas.

- Modalidades e idades:

  • POSTAIS- MODALIDADE SIMPLE (sen volume):
    • Categoría A: idades de 2 a 4 anos
    • Categoría B: idades de 5 a 8 anos
    • Categoría C: idades de 9 a 12 anos
    • Categoría D: idades de 13 a 17 anos
    • Categoría E: a partir de 18 anos
  • POSTAIS- MODALIDADE TRIDIMENSIONAL - VOLUMINOSA (con volume, altura, anchura e profundidade).
    • Categoría T1: 5 a 8 anos
    • Categoría T2: 9 a 12 anos
    • Categoría T3: 13 a 17 anos
    • Categoría T4: a partir de 18 anos
  • FORMATO FELICITACIÓN AUDIOVISUAL (poden conter: imaxes, son, textos, animacións, etc.).
    • Categoría AUDIOVISUAL1: 9 a 12 anos
    • Categoría AUDIOVISUAL 2: 13 a 17 anos
    • Categoría AUDIOVISUAL 3: a partir de 18 anos

Requisitos DOS VÍDEOS

  • Duración máxima 3 minutos.
  • No caso de ter texto ou audio estará en lingua galega.
  • Os  contidos deben facer referencia á temática deste concurso “Felicitación de Nadal/Aninovo desde Soutomaior”.
  • Pode presentarse de xeito individual ou grupal

Para calquera dúbida poden contactar coa OMIX, omix@soutomaior.com ou no tlfno. 986 700 822.

Fenómenas do rural

Con motivo do Día Internacional da Muller Rural do pasado martes 15, o CIM do Concello desenvolve un programa de actos que, tras a proxección do documental "Fenómenos no rural" e o coloquio que tivo lugar no propio día, traerá ao noso concello ao artista Yoseba Muruzabal, que pintará nunha medianeira outra das súas supermulleres do rural.

Ademais, os martes e o xoves, en horario de mañá e tarde, poderá visitarse a súa obra exposta no Multiúsos de Arcade e o o día 30 haberá unha charla-coloquio co artista para poder conversar sobre este proxecto.

Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais contra a violencia de xénero

Convoca: Secretaría Xeral de igualdade e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
Tema: reflexión contra a violencia de xénero.
Lema obrigatorio: 25 de novembro. Día Internacional contra a Violencia de Xénero [mantendo as maiúsculas e minúsculas tal e como figura nas bases].
Destinatarios: centros de ensino públicos e concertados, que impartan ensinanzas de infantil, primaria, secundaria e formación profesional.
Participación: equipos constituídos por 1 docente e ata 5 alumnos/as; procurarase o equilibrio na participación de alumnas e alumnos en cada equipo.
Categorías:
- 1ª categoría: alumnado de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO.
- 2ª categoría: alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato, FP básica, ciclos de grao medio, ciclos de grao superior.
Modalidades:
- Imaxe gráfica (formato DIN A3)
- Pezas audiovisuais (curtas, videoclips, performances, flashmob, danza, videopoemas, textos recitados etc.).
Prazo de presentación dos traballos: ata o 11 de novembro de 2019 (ás 15.00 h).

Máis información en: http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/content_type/learningobject/2019/09/26/3fe364282248bb12a825e28d433a8032.pdf

Obradoiro de Iniciación á Narración Oral con Federico Pérez

Os próximos venres 18 de outubro e 8 de novembro o actor e guionista Federico Pérez impartirá un Obradoiro de Iniciación á Narración Oral para o alumnado da materia optativa de 1º de Bacharelato "Obradoiro de Habilidades Comunicativas".

O alumnado poderá traballar nas diferentes fases de creación dunha historia, dende darlle a xestación da idea inicial ata darlle forma e presentala diante dun público. E quen sabe? Se cadra é o público que ateigará o teatro Principal de Santiago na fase final do XVIII Concurso Tíralle da Lingua que organiza a AS-PG, a quen lle agradecemos a colaboración na organización deste obradoiro.

Animádevos a participar nos clubs de lectura!

Os Clubs de Lectura do instituto xa están en marcha. Preguntade na Biblioteca e sumádevos. Que que é un club de lectura? Todo un mundo por descubrir! Botádelle unha ollada ao blog da biblioteca e xa veredes todo o que se fixo no curso pasado.

III Concurso de debuxo e relato curto contra a violencia de xénero

 
A Subdelegación do Goberno, dende a Unidade de Loita contra a Violencia sobre a Muller, convoca unha nova edición deste concurso que ten como obxecto para fomentar a creatividade artística e literaria do alumnado da provincia e fomentar a concienciación do alumnado ante a violencia de xénero e as desigualdades entre homes e mulleres.

O concurso establece dúas categorías distintas. Unha para os alumnos de Formación Profesional, básica e ciclo medio e o alumnado de ESO. A outra categoría é para a FP superior e o alumnado de Bacharelato.

O prazo para presentar os traballos finaliza o próximo 8 de novembro ás 24.00 horas a través do rexistro electrónico e ata as 17,30 horas de maneira presencial. Os premios entregaranse nunha gala que se celebrará en Pontevedra o próximo día 21 de novembro.

Plan Proxecta 2019-2020

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convoca unha nova edición do Plan Proxecta para os centros educativos públicos.

A inscrición permanecerá aberta entre o 25 de setembro e o 16 de outubro, agás o programa Cidadanía dixital do CGAI, que pecha o prazo o 30 de setembro, e os programas Cinema en curso e Fotografía en curso, tamén do CGAI, que pechan o prazo o 1 de outubro.

Máis información sobre a convocatoria aquí.

Ficha-resumo dos programas.

XVIII Concurso de Relato Oral “Tíralle da lingua”

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza o XVIII Concurso de Relato Oral “Tíralle da Lingua”, dirixido á comunidade educativa co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias. Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia. O prazo de inscrición remata o vindeiro 19 de novembro de 2019. A fase final do concurso celebrarase o xoves 28 de novembro en Santiago.

Xornada 'Recursos educativos en galego: a educación científica e a conexión coa natureza"

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela organiza a XII Xornada "Os recursos educativos en galego”, que nesta edición se centrará na educación científica e a conexión coa natureza. O obxectivo é dar a coñecer os recursos educativos existentes en lingua galega nesta área temática e promover a creación doutros novos adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia. A xornada terá lugar o 8 de outubro de 2019 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte). O prazo de matrícula remata o 7 de outubro.

Distribuir contido


by Dr. Radut