Skip to Content

Porque paga a pena!

PaP

 

Descubride vós mesmos porque paga a pena entrando aquí.

Clube da Lingua do IES de Soutomaior.

Información sobre a avaliación do alumnado (actualización: 19-05-2020)

Seguindo as Instrucións da Consellería de Educación sobre a 3ª avaliación, propuxéronse actividades de recuperación e profundización en contidos do curso. A avaliación considera as notas das primeiras avaliacións e o traballo feito desde o 14 de marzo para establecer unha nota final do curso. Cada Departamento establece tarefas, probas, prazos e criterios de cualificación nesta liña, que foron publicados na páxina web do centro nos apartados adicados a cada Departamento.
 
Os criterios acordados no centro, e comunicados á inspección, para avaliar o traballo do alumnado nas distintas materias serán os seguintes:
  • Media das dúas primeiras avaliacións para o alumnado que non realiza as tarefas que se están enviando:
    • 50% (1ª aval.) + 50% (2ª aval.).
  • Media das dúas primeiras avaliacións para o alumnado que está traballando:
    1. Poderá obter unha mellora, acorde ao traballado, de ata 1,50 en cada unha das anteriores avaliacións antes de aplicar a seguinte fórmula:
      • 45% (1ª aval.) + 40% (2ª aval.) + 15% (3ª aval.).
    2. Algúns departamentos poden establecer algún outro mecanismo de mellora polo traballado, pero sempre que beneficie o alumnado, e que se valore sobre 10 puntos.

Restablécese o proceso de admisión do alumnado de ESO e Bacharelato para o curso 2020-2021

Restablécese o prazo para a presentación das solicitudes de admisión (RESOLUCIÓN 5 de maio 2020, DOG 6 de maio), polo tempo que restaba cando se declarou o estado de alarma, de xeito que se iniciará o día 11 de maio de 2020 e rematará o día 18 deste mesmo mes.O impreso de solicitude pode descargarse aquí.

Por motivos de seguridade, procuraremos establecer quendas para a entrega da documentación, co fin de non concentrar as familias no centro. Por esta razón, pedimos que chamedes ao 886159802 a partir do luns 11 para acordar día e hora, e así poder ser atendidos con maior seguridade sanitaria.

1. Novos prazos do procedemento.

De conformidade co artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os demais prazos do procedemento de admisión reduciranse á metade.

2. Novos prazos do proceso:

  • Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: ata o día 26 de maio de 2020.
  • Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020.
  • Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.
  • Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020.
  • Formalización da matrícula ordinaria en educación secundaria obrigatoria e bacharelato: do 1 ao 10 xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro de 2020.

3. Adxudicación subsidiaria de postos escolares.

Con carácter excepcional, non se constituirán as comisións de escolarización. Todas as funcións para a adxudicación subsidiaria de postos escolares que se atribúen ao dito órgano do proceso de admisión serán asumidas e desenvolvidas polos servizos territoriais de Inspección educativa de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería.

Comunicado do centro: inicio provisional da 3ª avaliación

Logo destas anómalas vacacións de Semana Santa, iniciamos o terceiro trimestre coa reanudación da actividade lectiva non presencial retomando rutinas escolares.
 
A falta de que se diten instrucións por parte da Consellería, que concreten medidas específicas para o desenvolvemento do que resta de curso, de momento retomaremos a actividade mediante tarefas fundamentais dos contidos das materias
 
Este mércores, 15 de abril, reúnese a Conferencia Sectorial de Educación, polo que esperamos ter un comunicado oficial sobre medidas que se deben adoptar. Seredes convenientemente informados/as de calquera novidade en canto teñamos coñecemento.
 
Non queda máis que animarvos nestes difíciles momentos, e nestas peculiares circuntancias, nós trataremos de seguir prestando a mellor axuda posible.

Servizo gratuito para imprimir as tarefas escolares

O Concello de Soutomaior pon en marcha o servizo de impresión das tarefas escolares para as familias que o precisen.

Deberán enviar a documentación ao email educación@soutomaior.com, indicando o nome, enderezo e número de teléfono de contacto para a entrega.

Ánimo! Vémonos axiña!

Boletín de notas da 2ª avaliación

Prezadas familias,

O venres 27 de marzo a Consellería de Educación ditou instrucións polas cales se debe realizar a avaliación do 2º trimestre valorando o traballo feito polo alumnado ata o día no que se decretou o Estado de alarma, isto é, ata o 13 de marzo.

Por este motivo, este venres día 3 de abril o centro publicará a través de abalarMóbil (descarga da aplicación e manuais de uso) o boletín das notas da 2ª avaliación. Agás en 2º de Bacharelato, nivel no que si se completaron todas as probas de avaliación, no resto de cursos valorade estas cualificacións tendo en conta a peculiar e anómala situación que vivimos. Considerade que só estamos valorando unha parte dos contidos previstos e que faltarían probas, traballos e actividades para poder concretar unha nota máis completa.

De cara á 3º avaliación, agardamos ter canto antes indicacións claras da Consellería de Educación para poder proceder nas póximas semanas.

Acceso libre aos recursos de Galiciale

Nestes días #quedanacasa e, se tes ganas de ler e de ver cine de xeito gratuíto, podes acceder a Galiciale, a plataforma dixital das Bibliotecas Públicas de Galicia.
 
En Galiciale atoparás moitas das lecturas de aula, e tamén moitas novidades de literatura xuvenil. Bótalle un ollo! A nosa Biblioteca fai as seguintes recomendacións.
 

Confinamento creativo. Actividades para facer dende a casa

O Concello achega unha completa guía de recursos educativos para todo o alumnado: Confinamento creativo. Actividades para facer dende a casa. A guía actualízase constantemente e tamén se pode descargar en versión PDF.

Distribuir contido


by Dr. Radut