Skip to Content

Admisión de alumnado para o curso 2021-2022

Publicada a ORDE do 18 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (DOG 22/12/2020).

Os trámites poderán facerse de xeito telemático a través da aplicación admisionalumnado que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación.

Prazos:

- Reserva de praza para alumnado de centros adscritos (CEIP Manuel Padín Truiteiro e CEIP de Ponte Sampaio): do 11 de xaneiro ao 8 de febreiro de 2021

- Admisión para alumnado de centros non adscritos: do 1 ao 20 de marzo de 2021

Información de interese para as familias: uso de redes sociais, imaxe e equipos EDIXGAL

O centro educativo cre conveniente trasladar a seguinte información ás familias ante os posibles usos incorrectos das redes sociais, da imaxe e dos equipos EDIXGAL que se puidesen dar entre os menores. 

Aínda que os ordenadores do Proxecto Edixgal son empregados polo alumnado de 1º e 2º da ESO, esta información é de interese para as familias do alumnado dos diferentes cursos da ESO e BACH.

Felicitación de Nadal do IES de Soutomaior

O IES de Soutomaior quere desexarvos a todos/as unhas felices festas e unha boa entrada no 2021. Moito ánimo e moita forza!

Os nosos heroes e heroínas con máscara

A Concellería de Xuventude de Soutomaior púxolle o ramo á campaña "Heroes e heroínas con máscara" co sorteo e a entrega de premios ás persoas participantes nun certame que tiña como finalidade reforzar a sensibilización entre a xente nova sobre o uso da máscara en todos os contextos e momentos das nosas vidas cando partillamos espazos con outras persoas e non podemos manter a distancia de seguridade. Non é o único é elemento preventivos fronte á pandemia COVID-19 pero é moi importante para evitar contaxios e que se siga propagando.

Podedes ver todos os vídeos presentados na páxina da campaña, na que podían participar persoas de 10 a 35 anos. Entre elas, atopamos alumnos e alumnas de diferentes cursos do noso centro e, ademais, a sorte quixo que os dous ordenadores portátiles fosen para Manuel del Río (1º BACH) e María del Mar Ruíz (2º BACH). Parabéns a ambos polo premio e a todos e a todas polas vosas achegas.

Resolución do XIX Concurso de Postais e Felicitacións de Nadal do Concello de Soutomaior

Postal de Lucía Castrillo (3º ESO), 2º premio na Categoría Simple D

O Xurado desta nova edición do Concurso de Postais e Felicitacións de Nadal fixo pública a relación de traballos premiados nas diferentes categorías (simple, tridimensional e audiovisual).

Entre os preto de 200 traballos presentados hai unha boa representación do alumnado do instituto, ao que felicitamos pola calidade e a mensaxe das súas postais e felicitacións. Á volta das vacacións recibiredes un agasallo do Concello, que repartiremos no centro, mentres que as persoas premiadas xa foron avisadas do acto de entrega que terá lugar mañá no Multiúsos de Arcade. 

Por mor das restricións de seguridade, será un acto moi diferente aos dos anos pasados, mais podedes ver os traballos premiados nas diferentes modalidades premede aquí.

Obradoiro de Sketchnoting no club de lectura "Narrando con imaxes"

Conseguir que unha actividade, unha clase, unha experiencia concreta... deixe pegada no alumnado é ben difícil pero tamén é o máis fermoso da escola. Onte iso aconteceu no obradoiro de sketchnoting impartido por Javier Alonso para a rapazada do Clube de lectura Narrando con Imaxes.

Non deixedes de ler a crónica da actividade no blogue da biblioteca.

Quen vive aí?

Comecemos por fixarnos no chan que pisamos. Esa é unha terra viva. E así, os amigos e amigas de Teixugo S. Coop Ambiental voltaron ao noso instituto para, no marco do Plan Revitaliza da Deputación e grazas ao Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, seguir formando o alumnado de 1º ESO na compostaxe, unha estratexia colectiva que procura reducir a cantidade de residuos que acaban no colector e precisa de todos e todas nós coa finalidade de pechar o ciclo da materia orgánica, ademais de axudar a frear o cambio climático.

En concreto, os rapaces e rapzas identificaron os invertebrados presentes no composteiro, sinalando a súa función no proceso da compostaxe, a través de sinxelos capturadores de fauna e material de aumento e chaves dicotómicas.

Ademais, o alumnado de 1º ESO tamén está a coñecer mellor o mundo dos fungos grazas á plantación de cogomelos e shiitake en alpacas que temos no IES. Moito che nos presta esta colleita! A que si?

Participación no certame Tíralle da Lingua de Narración Oral

A crise sanitaria impediunos participar en vivo no Certame Tíralle da Lingua de Narración Oral, como fixeron o ano pasado os alumnos Isaac Abegonza e David Alján e a alumna Sabela Lorenzo. Malia todo, este ano o instituto estivo moi ben representado por Sabela Magariños Pereira e Lucía Castrillo Sánchez (3º ESO) e David Gallego Couñago (4º ESO), que enviaron as súas historias gravadas, relatos que agora queren partillar con todos e todas nós.

Parabéns aos tres polas súas historias e a María, a súa profesora de Lingua Galega, por guialos e animalos.

Convidámosvos a escoitar os seus relatos premendo nas imaxes:

Distribuir contido


by Dr. Radut