Skip to Content

Proxecto Falemos: exposicións e instalacións artísticas

Maruxa Mallo

Na mañá do luns 13 as exposicións e instalacións artísticas vinculadas ao Proxecto Falemos de ti e min tomaron os corredores e os espazos comúns do instituto para saír ao encontro da comunidade educativa e mostrar o resultado do traballo desenvolvido ao longo destes meses en diferentes cursos e materias.

Na páxina web de Falemos podedes achegarvos a estes proxectos cooperativos e transversais que, máis alá do carácter temporal do Programa da Semana das Letras Galegas, quedarán expostos de maneira permanente en versión dixital, impresa ou nas propias paredes do centro como fonte de coñecemento e futuras iniciativas e como mostra do bo facer investigador e artístico do alumnado e o profesorado participante. Moitos parabéns a todos/as eles/elas!

O alumnado de 1º Bacharelato visitou Galiciencia

O pasado xoves 9 de maio os Departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química organizaron a visita do alumnado de 1º Bacharelato A a Galiciencia 2019, a maior feira tecnolóxica de Galicia, que ten lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense).

O noso alumnado asistiu en primeiro lugar a unha charla sobre como facer unha escolla correcta das nosas fontes de enerxía que, xunto co exercicio e o descanso, é a clave dunha boa saúdae. Logo, acudiron a un obradoiro sobre os mitos do cerebro impartido por Manuel Vicente, condutor do programa Efervesciencia da Radio Galega. Finalmente, o grupo deu un paseo pola carpa, que acolleu 79 proxectos científicos de centros de ensino secundario e primario, a maior parte deles orientados á alimentación saudable, á mellora da calidade de vida, á seguridade viaria e á redución do impacto ambiental, temáticas que centraron a XIV edición deste evento.

Programa de actividades da Semana das Letras Galegas

logoO Proxecto Interdisciplinar de Centro Falemos de ti e min eclosionará na Semana das Letras Galegas cun completo programa de actividades que aborda a cultura galega dende unha perspectiva integradora en torno a catro eixos vertebradores: lingua, cultura, perspectiva de xénero e diversidade sexual, funcional e cultural.

Teatro, exposicións, proxectos de investigación, actividades lúdico-deportivas e xogos populares, literatura, moita música..., e aínda máis, encherán as aulas e corredores do centro e mesmo a nosa contorna. Para coñecer máis polo miúdo o proxecto, convidámosvos a achegarvos á súa páxina. E non deixedes de visitar o seu blog, no cal poderedes seguir os preparativos e outras actividades que se foron realizando dende o comezo do curso.

Falemos de ti e de min, falemos dun nós-outr@s inclusivo, diverso e plural.

Presentación pública do Proxecto Roma

A viaxe a Italia do alumnado de 4º ESO chegou definitivamente á súa fin coa presentación pública do traballo que se realizou ao longo dos últimos meses no marco do Proxecto Roma.

Paula Canosa, David Alján, Laura Fresneda, Marco Campos e Sabela Lorenzo foron os encargados de lles dar voz ao grupo de alumnos e alumnas que durante semanas compartiron horas de aprendizaxes, sorrisos e bromas e moito compañeirismo. Clases e tardes "libres" no instituto que forxaron e estreitaron amizades que irán unidas xa para sempre a unha ilusión compartida, a excursión a Roma e Florencia, o soño da promoción que remata etapa neste Curso 2018-2019. 

Xa fora nun Obradoiro de Mosaicos, paseando por unha cidade de película, admirando e coñecendo os monumentos que os agardaban nas rúas e prazas romanas e florentinas, elaborando as infografías que logo formaron parte dunha fermosísima e moi profesional Guía de Viaxe ou probándose diante das cámaras para realizar moitas das tomas que forman parte deste vídeo, hai que destacar o compromiso do alumnado, que converteu este proceso educativo e a viaxe nunha experiencia enriquecedora e irrepetible. Moitos parabéns polo traballo feito! Foi un pracer acompañarvos!

Ci vidiamo presto, ragazzi e ragazze!

presentación 3 presentación 4

Máis imaxes do acto neste álbum de fotos.

Completo programa de actividades para comezar o terceiro trimestre

Cartaz do Programa Somos Artistas

No mes de abril desenvolveuse un intenso programa de actividades extraescolares e complementarias que marcou o paso do segundo ao terceiro trimestre no noso instituto. Organizadas por diferentes departamentos, alcanzaron a todos os cursos e serviron para traballar diferentes contidos curriculares, temas transversais e a educación en valores.

Para coñecelas máis polo miúdo, premede nos diferentes títulos das charlas, saídas e programas realizados neste mes:

Así mesmo, desenvolveuse o proxecto Somos Artistas para o alumnado de Educación Plástica e Visual de 4º ESO e de Debuxo Artístico de 1º de Bacharelato. Os obradoiros, promovidos pola OMIX en colaboración co Departamento de Educación Plástica e impartidos por Itziar Ezquieta e Begoña Paz, decana e vicedecana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (UVigo), teñen agora a súa continuación nas aulas e en breve coñeceremos as intervencións artísticas do noso alumnado.

Concurso de maquetas de células animais e vexetais

celu
Para ver máis fotografías, accede á galería de imaxes

Encantoume participar na maqueta da célula porque traballamos en equipo, aprendemos a confiar nos demais e estudamos facendo a célula.

Pareceume sorprendente que nós gañáramos porque a nosa célula, segundo o que eu penso, non era a mellor. Pero estou moi contenta polo premio.

Gustaríame moito volver a facer máis maquetas e máis traballos en grupo.

Zaida Leiro Otero (1º ESO B)

Gústanme moito este tipo de concursos, xa que nos axuda a aprender e profundizar máis nas materias que estamos dando.

Sorprendeume moito haber gañado o primeiro premio xa que habían células moi ben feitiñas, por exemplo, a célula que quedou en segundo posto, a de Ana, Carmen e Valentina; sen dúbida foi a que máis me gustou.

Tamén me pareceron xeniais os premios que nos deron aos tres primeiros grupos.

Espero que se fagan máis actividades deste tipo.

Miriam Martínez Lorenzo (1º ESO B)

Listaxe provisional de alumnos admitidos no curso 2019-2020

Publicación da listaxe provisional de alumnos admitidos para o curso 2018-2019.

Para consultar a listaxe pulsa aquí: listaxe provisional.

Publicación da lista definitiva antes do 15 de maio

Siamo arrivato a Roma

O alumnado de 4º da ESO comezou hoxe a súa viaxe de fin de etapa a Roma e Florencia. Teñen por diante cinco días moi intensos para vivir unha experiencia única e merecida.

Xa vos seguiremos contando como lles vai na súa visita a terra italianas.

XXVI Concurso Canguro Matemático 2019

O xoves 21 de marzo tivo lugar no noso instituto a proba Canguro matemático 2019. Trátase dun concurso de problemas de lóxica matemática por niveles no que pode participar calquera alumno ou alumna sen ter en conta as súas notas. É un reto persoal de cada un para tratar de saber ata onde podemos chegar.

A proba realizouse na clase de 1º ESO C e estaban presentes dúas das profesoras de matemáticas: Dolores e Silvia. Todos eramos alumnos e alumnas de 1º ESO, excepto un rapaz que era de 2º. Ao comenzar entregáronnos un agasallo: un bolígrafo de varias cores e, máis tarde, entregarannos un diploma por participar.

As primeiras preguntas eran bastantes sinxelas pero a medida que avanzabamos nos 30 exercicios dos que constaba a proba, ían sendo máis complicados. De feito, algunhas preguntas eran difíciles de entender pero fáciles de resolver e outras eran complexas de entender e responder.

Pareceume unha experiencia divertida e moi interesante para practicar a axilidade mental e gustaríame repetir o ano que vén.

Sabela Magariños Pereira (1º ESO A)

Para min, foi unha experiencia inolvidable e chea de emocións: nervios, dúbidas, estrés.... Espero que se repita e poder volver a participar nela.

Lucía Castrillo (1º ESO B)

Así mesmo, o Departamento de Matemáticas organiza a participación do alumnado do centro no certame Matemáticas na Raia (martes 26 de marzo) e na Olimpíada Matemática, á que acudirán dous alumnos á volta das vacacións de Semana Santa.

Guía de viaxe do Proxecto Roma

guía

Está mañá repartiuse entre o alumnado de 4º ESO a Guía de viaxe a Roma e Florencia, o primeiro produto do Proxecto Roma, un proxecto interdisciplinar que procura dotar de contido didáctico á saída de fin de etapa traballando dentro e fóra das aulas sobre os monumentos, a historia, a arte, a literatura e o cinema como forma de achegamento á realidade que o alumnado vai coñecer.

Para coñecer mellor o desenvolvemento do proxecto, visitade o blogue da biblioteca e esta galería de imaxes, que dá boa conta das horas de traballo voluntario nas tardes de febreiro e marzo dos 28 rapaces e rapazas participantes.

Non será o único traballo que verá a luz nas próximas semanas, mais teñamos paciencia e agardemos ao regreso para ver as novas producións do alumnado e o profesorado colaborador (Cris, Eloi, Marta, María, Bea e Román). Agora, toca gozar da viaxe!

Distribuir contido


by Dr. Radut