Skip to Content

Lingua Galega

PROGRAMACIÓN

01/09/2016 23:22

ARQUIVO ADXUNTO

Lingua e Literatura Galega: Criterios de cualificación, promoción e recuperación/ Contidos mínimos

No arquivo adxunto podense consultar os criterios de cualificación, promoción e recuperación, xunto cos contidos mínimos establecidos polo Departamento de Lingua Galega para o curso 2015-2016.

CRITERIOS DE CUALIFICACIÓN, PROMOCIÓN E RECUPERACIÓN Curso 2014-15

 

 

 

 

 

CRITERIOS

DE CUALIFICACIÓN, PROMOCIÓN

E RECUPERACIÓN

 

 

 

LINGUA GALEGA

E LITERATURA

 

IES DE PORTO DO SON

 

Curso 2014-15

 

 

CRITERIOS DE CUALIFICACIÓN, PROMOCIÓN E RECUPERACIÓN

 

 

  1. CUALIFICACIÓN

 

O Departamento decidiu manter no esencial os valores dos distintos tipos de contidos, diferenciando a ESO do Bacharelato, tal como se especifica nos apartados correspondentes dos distintos bloques (ESO e BAC) desta programación.

Insistimos na posibilidade de que o alumnado perda o dereito á avaliación continua ao acumular máis de 12 faltas sen xustificar en 1ESO e 9 horas nos cursos restantes. De ser así, e previa información aos pais e ao alumno/a, realizarase unha proba única final na que terá que dar conta dos contidos mínimos da materia e que só se superará demostrando un dominio suficiente destes.

O peso dos distintos instrumentos de avaliación é o seguinte:

a) Notas de probas (exames e/ou traballos). Suporán entre o 50% e o 70% do total da nota, na ESO, e o 70% ou o 80% no BAC, dependendo do tipo de contidos que se inclúan neles. Estabelecese un mínimo para poder facer media que sería un terzo da nota total.

b) Notas por libros de lectura. Estabelécese unha lectura mínima por trimestre –con opcionalidade na escolla cando se considere oportuno- que será avaliada a través dun traballo ou unha proba e suporá entre un 10% ou un 20% da nota da avaliación (dependendo das tarefas parellas: traballos, exposicións, reseñas, presentacións power point,..., que poderán ter maior ou menor peso nos obxectivos da materia). En caso de incumprimento das lecturas propostas e das posibles tarefas a realizar sobre as mesmas, estudarase cada caso en particular, pero a non realización das mesmas sen motivos xustificados suporá a non superación da avaliación trimestral ou global.

As lecturas voluntarias (de libros recomendados) poden incrementar a nota ata un punto no BAC e na ESO.

O profesor David Iglesias Pérez non establecerá lecturas por trimestre e facilitará aos alumnos a escolla das mesmas supervisando os criterios de elección. Apunta o éxito que esta forma de traballo e valora o afondamento na formación do hábito lector que esta medida conleva.

O departamento en xeral resérvase a posibilidade de encarar este ámbito con diferentes metodoloxías ao longo do curso, dependendo sempre das necesidades pedagóxicas do grupo ou curso en cuestión.

 

c) Nota por traballos (cando non suplan os exames e se engadan a estes na cualificación). A suma dos resultados das actividades e/ou a realización dun traballo de trimestre, elementos fundamentais na avaliación dos procedementos fóra das probas obxectivas, encherán o 10-20% da nota media. Tamén se terá en conta neste apartado a calidade do caderno e a resposta ás propostas de creación (propostas de aula, a colaboración coa revista do centro e en xeral con Normalización, a participación en actividades propostas pola Biblioteca,…). A data de presentación de traballos ou cadernos será inaprazábel e a demora restará boa parte da puntuación ou toda, segundo a gravidade.

d) Notas diarias ou semanais de actitude. A constancia e o esforzo, o respecto aos compañeiros, o/a profesor/a e a materia, a participación e o interese ou a práctica habitual, desprexuizada e en progresión do uso do galego contarán ata un 20% da nota na ESO e un 10% no Bacharelato.

  1. PROMOCIÓN

 

-Atendendo á lexislación vixente que emana de documentos oficiais como son o DOG e o PEC, e a organismos colexiados como a Xunta de Avaliación e o Departamento de Orientación.

-Superando dun xeito positivo os requisitos que se recollen nos criterios de avaliación e cualificación xunto cos mínimos esixibles.

 

  1. RECUPERACIÓN

 

RECUPERACIÓN DURANTE O CURSO

 

Suspensos na ESO

Serán precisas actividades de recuperación sempre que nunha avaliación calquera (de unidade, grupos de unidades ou de trimestre) se atope alumnado motivado ou traballador que non acade bos resultados -nalgún aspecto particular ou no conxunto da materia- ou alumnado desmotivado pero cun mínimo de vontade de recuperación. Por suposto, deberán ser de obrigada aplicación no caso dun fracaso xeneralizado, cunha moi alta porcentaxe de suspensos na aula.

É conveniente que a concreción destas actividades sexa negociada e acordada cos implicados e que conxugue a obrigatoriedade coa voluntariedade. En todo caso, deberán partir do nivel de desenvolvemento efectivo daqueles, no camiño da motivación e da significatividade. Así mesmo, deseñaranse, organizaranse e avaliaranse dentro do marco de valoración de contidos establecido polo Departamento.

As actividades máis individualizadas haberá que tiralas das seguintes fontes:

a)As propostas realizadas pola editoriail empregada ( Anaya ) para adaptación curricular, para reforzo e ampliación ou para revisión e/ou avaliación de contidos, segundo o nivel e as necesidades de recuperación. Dispoñemos, para o caso, de cadernos de exercicios adaptados obxectivo a obxectivo, de guías de profesor/a con ampliación procedemental e suxestións e mais dos suplementos gramaticais e de síntese dos propios libros de texto. A opción de propostas ofrecidas na rede debería contemplarse como posible medida de reforzo. Se ben non todo o alumnado conta con este recurso nas casas, prevese que o centro o amplíe a novos ámbitos como a biblioteca.

b) Actividades de materiais complementarios que permiten traballar aspectos concretos polo miúdo. É o caso da colección Texto / Léxico / Gramática, etc., de Anaya ou da serie Traballando co léxico, de Xerais, Texto / Léxico / Gramática, etc, de Rodeira, entre outras.

c) Exercicios elaborados polo profesorado do Departamento.

d) Recursos da rede recollidos no apartado de Recursos do blog da biblioteca do centro Etikeles.

 

Os obxectivos a acadar serán a mellora da expresión escrita (ortografía, acentuación, puntuación...), a fixación da gramática normativa (asimilación de paradigmas, regras...), a ampliación e depuración do léxico, a reorientación -ou formación- do labor analítico (morfolóxico, sintáctico, textual...), a comprensión dos conceptos fundamentais, así como calquera outro recollido nesta programación. No primeiro ciclo farase fincapé nos tres primeiros.

As actividades globalizadoras supoñen xa unha adaptación metodolóxica e de contidos. Por exemplo, realizar ou incrementar o traballo en grupo, especialmente de tipo cooperativo; levantar propostas de creación e traballos voluntarios; incentivar a lectura ampliando o abano de escolla, presentando os libros, etc.; achegar todo o traballo no posible ás capacidades e intereses do alumnado; ou ofrecer sesións (por exemplo, nalgún recreo) para preparar o estudo dos contidos.

Estas actividades, realizadas segundo as indicacións do/a profesor/a, poden facer recuperar efectivamente, non só o dominio mínimo esixible das capacidades e destrezas, senón o suspenso do trimestre; e, posto que a nosa materia é progresiva e con avaliación continua, o curso.

 

Suspensos no BAC

A recuperación na ESPO debe realizarse a través de probas obxectivas que se poden fixar antes de cada avaliación ou en xaneiro, marzo-abril e nun exame final.

Así e todo, poden deseñarse actividades de recuperación, avaliadas tamén dentro do marco de valoración de contidos, coas adaptacións que os parámetros e modelos da CIUG impoñen neste ciclo. Terán como obxectivo a mellora do dominio de contidos curriculares frouxos, ben por parte de toda a clase por falta de base, ben por parte do alumnado que amose certas carencias.

Consistirán no seguinte:

a) actividades propostas pola editorial empregada (Anaya) como complemento, reforzo ou ampliación na guía do profesorado;

b) actividades tiradas de materiais complementarios (Prácticas de Lingua,Método activo de Do Cumio, Cadernos de lingua de Anaya, etc.) ou elaboradas polo Departamento, así como recursos da rede recollidos no apartado de Recursos do blog da biblioteca do centro Etikeles.

c) repetición ou ampliación do traballo do trimestre.

d) preparación da asimilación dos contidos en sesións extra.

 

ACTIVIDADES DE RECUPERACIÓN PARA O ALUMNADO CON PENDENTES, E REFORZOS PARA LOGRAR A RECUPERACIÓN DAS MESMAS.

 

Pendentes na ESO

De acordo coa Orde do 30/09/04, cómpre que a avaliación das aprendizaxes do alumnado coa materia pendente siga un plan de traballo e sexa coordinada para que non se reduza á realización das probas establecidas. Para iso, este Departamento fixa as seguintes pautas de actuación:

 

1. O alumnado afectado será informado por escrito sobre:

- quen van ser os responsábeis da avaliación,

- que contidos se van esixir,

- que actividades concretas debe realizar e en que prazos,

- se hai posibilidades de clases de recuperación fóra do horario lectivo xeral,

- que implica a cualificación positiva da materia (con contidos progresivos) no seu curso actual,

- e cales son as datas previstas para a realización das probas.

Tamén será consultado para captar as súas principais dificultades e poder, a partir de aí, adaptar as actividades.

2. Contidos exixibles : Os contidos a traballar e avaliar serán os estabelecidos como mínimos -para o curso da pendente- nesta programación. Prestaráselles especial atención aos non presentes no curso seguinte.

3. Actividades de avaliación : As actividades a realizar serán determinadas polo conxunto do Departamento, indicadas e recollidas polo/a profesor/a actual do alumno ou alumna e corrixidas do xeito acordado entre aquel/a e a/o xefa/e do Seminario. Consistirán en:

» traballos que inclúan documentación, análise, creación, etc.

» calquera das actividades individualizadas presentadas no apartado i) deste punto para os suspensos na ESO.

A primeira entrega faráselle ao alumno, como moi tarde, antes das vacacións de Nadal.

4. Dada a improbabilidade da organización de clases de recuperación fóra do horario lectivo xeral, estudarase a posibilidade de realizar apoios nos recreos. De non ser posíbel, será o propio profesorado do curso quen informe e oriente sobre os resultados das actividades de recuperación.

5. Os criterios de avaliación específicos da materia pendente penéiranse entre os do curso correspondente.

6. A avaliación adecuarase no posíbel aos criterios xerais de cualificación, de modo que a realización das actividades antes citadas suporá ata un 50% da nota final, que se completará coa realización dos exames parciais (xaneiro/febreiro e abril) ou final (maio / setembro). A falla dalgún destes instrumentos de avaliación impediría conseguir o aprobado.

7. Posto que esta materia ten, aínda que non plenamente si maioritariamente, contidos progresivos e a avaliación é continua, aquel alumnado que supere Lingua galega e literatura do seu curso actual na avaliación segunda o considerarase que, cumprindo coas esixencias dos anteriores puntos, tamén alcanzou os obxectivos fixados para a pendente, da que xa non terá que se examinar en adiante.

 

De xeito esquemático:

En base a estes resultados,

a) realización satisfactoria das actividades entregadas ao alumnado

b) superación do 1º parcial (xaneiro)

c) 2º avaliación do curso actual aprobada (marzo)

d) superación do 2º parcial (abril)

e) superación do exame final (maio)

f) ) superación do exame final extraordinario (setembro)

 

O aprobado pode conseguirse por medio destas diferentes vías:

a) + b) + c) Así evítase xa o segundo parcial e o final

a) + b) + d) Evítase o exame final

a) + e)

f)

Reforzos e actividades de recuperación . De ser posíbel trataríase de atender a este alumnado durante algún recreo.

 

Pendentes no BAC

Realizaranse dúas probas: a 1ª no mes de xaneiro ou febreiro, onde o alumnado terá a opurtinidade de liberar toda a materia, e, de non superar esta, realizarase unha final no mes de maio, así como un exame final extraordinario en setembro.

 

Contidos esixibles : Os contidos a traballar e avaliar serán os establecidos como mínimos -para o curso da pendente- nesta programación. Prestaráselles especial atención aos non presentes no curso seguinte.

 

Reforzos e actividades de recuperación . De ser posíbel trataríase de atender a este alumnado durante algún recreo, en consenso co alumnado, e no día a día coa coordinación do profesorado dos niveis implicados (1º e 2º).

 

Alumnos participantes no Programa de Reforzo de 2º de ESO:

 

En base á circular 8/2009 que regula as medidas de atención á diversidade, o programa de reforzo que impartiremos en 2º de ESO, en catro horas semanais, avaliarase do seguinte xeito:

  • Atención individualizada.

  • Contidos exixibles : os contidos a traballar e avaliar serán os estabelecidos

como mínimos -para o curso da pendente- nesta programación.

- Actividades de avaliación : as actividades a realizar serán determinadas e corrixidas polo profesor/a que imparta o reforzo, de acordo co xefe de departamento. Consistirán en:

» traballos que inclúan documentación, análise, creación, etc.

  • Os criterios de avaliación específicos da materia pendente penéiranse entre os do curso correspondente.

  • A avaliación adecuarase no posíbel aos criterios xerais de cualificación e baearase na observación e revisión do traballo diario. En caso de ser positivo, evitaría ter que realizar as probas de pendentes ordinarias, citadas enriba. Se a avaliación do profesor de reforzo fose negativa, o alumno/a tería que superar a proba de pendentes de xuño ou setembro.

  • Ao longo do curso, de forma periódica, o profesor/a que imparta o reforzo, deberá informar ao responsable do departamento e ao tiror/a da evolución do alumnado, así como á persoa que imparta a materia de lingua galega no grupo de referencia do mesmo.

 

 

 

 

 

Contidos Mínimos ESO e Bacharelato 2014-2015

 

 

 

 

 

 

 

CONTIDOS MÍNIMOS

ESO E BACHARELATO

LINGUA GALEGA E LITERATURA

 

Curso 2014-15

 

 

 

 

 

 

 

 

IES de Porto do Son

CONTIDOS MÍNIMOS PARA A ESO

 

 

CONTIDOS MÍNIMOS PARA 1º de ESO

 

  • Elaboración, dentro do seu nivel, tanto na oralidade como na escrita, distintos tipos de textos / discursos (descricións, narracións, argumentacións...) atendendo ás súas diferentes estructuras formais.

 

  • Coñecemento, máis ou menos básico, da situación lingüística no mundo,

na Península e en Galicia, da situación do galego e da lexislación lingüística.

 

  • Coñecemento das regras básicas de ortografía.

 

  • Uso lingüístico adecuado á situación comunicativa coa aplicación das propiedades textuais (coherencia, cohesión, adecuación e corrección) esixíbeis neste nivel.

 

  • Recoñecemento das clases de palabras e utilización correcta das mesmas dentro do uso esixíbel neste nivel.

 

  • Identificación das ideas clave e xerarquización da información máis relevante dun texto.

 

  • Recoñecemento das características dos xéneros literarios (narrativa, lírica e dramática) e das peculiaridades da lingua literaria.

 

  • Lectura comprensiva das obras escollidas do patrimonio literario galego.

 

 

 

 

CONTIDOS MÍNIMOS PARA 2º de ESO

 

  • Elaboración, na oralidade e na escrita, de distintos tipos de discursos/textos (exposicións, argumentacións...) atendendo ás súas diferentes estruturas formais e aplicando as normas de coherencia, cohesión, adecuación e corrección.

 

  • Identificación das ideas clave e xerarquización da información máis relevante dun texto de cara á súa aplicación na elaboración de esquemas, cadros sinópticos, resumos... como ferramentas de creación textual e aprendizaxe.

 

  • Coñecemento básico da realidade sociolingüística de Galicia e identificación das interferencias lingüísticas.

 

  • Distinción e identificación dos distintos niveis de lingua: estándar, coloquial, culto e científico-técnico.

 

  • Recoñecemento semántico, formal e sintáctico das clases de palabras.

 

  • Identificación dos diferentes tipos de frases e as súas funcións así como dos tipos de oracións, segundo a actitude do falante e segundo a natureza do predicado.

 

  • Identificación nos diferentes tipos de textos literarios (narrativos, poéticos e teatrais) das súas características básicas (voces narradoras, os personaxes, espazo, tempo, linguaxe poética…) e aplicación das mesmas nas súas producións.

 

  • Identificación das principais características dos xéneros xornalísticos.

 

  • Lectura comprensiva das obras escollidas do patrimonio literario galego.

 

 

CONTIDOS MÍNIMOS PARA 3º DE ESO

 

 

  • Comprensión e elaboración, na oralidade e na escrita, de distintos tipos de discursos/textos atendendo ás súas diferentes estruturas formais e aplicando as normas de coherencia, cohesión, adecuación e corrección.

 

  • Identificación das ideas clave e xerarquización da información máis relevante dun texto de cara á súa aplicación na elaboración de esquemas, cadros sinópticos, resumos... como ferramentas de creación textual e aprendizaxe.

 

  • Identificación das características dos textos xornalísticos e aplicación desta na súa interpretación crítica e na reelaboración da información.

 

  • Coñecemento da realidade sociolingüística de Galicia e identificación das interferencias lingüísticas.

 

  • Coñecemento da situación lingüística na Península e en Galicia.

 

  • Coñecemento das principais etapas da historia da lingua ata o século XIX.

 

  • Identificación do tipo de palabras atendendo á súa estrutura.

 

  • Reflexión sobre os mecanismos da lingua e os seus elementos formais (tipos de palabras, estrutura da oración simple, funcións sintácticas...) e integración destes para a comprensión e a produción textuais.

 

  • Identificación nos diferentes tipos de textos literarios (narrativos, poéticos e teatrais) das súas características (voces narradoras, os personaxes, espazo, tempo, linguaxe poética…) e aplicación das mesmas nas súas producións.

 

  • Recoñecemento das características das principais etapas, obras e autores da literatura galega ata o século XIX.

 

  • Lectura comprensiva das obras escollidas do patrimonio literario galego.

 

 

CONTIDOS MÍNIMOS PARA 4º DE ESO

 

 

  • Comprensión e elaboración, na oralidade e na escrita, de distintos tipos de discursos/textos (expositivos, argumentativos, publicitarios, instrutivos, etc.), aplicando as normas de coherencia, cohesión, adecuación e corrección.

 

  • Coñecemento das características principais da linguaxe específica de tipos de comunicación actual (rede, publicidade, radio, cine, televisión, etc.).

 

  • Identificación das ideas clave e xerarquización da información máis relevante nos distintos tipos de textos de cara á súa aplicación na elaboración de esquemas, cadros sinópticos, resumos... como ferramentas de creación textual en distintos e aprendizaxe.

 

  • Coñecemento das principais etapas da historia externa da lingua dende comezos do século XX ata a actualidade.

 

  • Coñecemento da realidade sociolingüística de Galicia na actualidade e do seu marco legal.

 

  • Identificación das principais variantes internas e xeográficas do galego, integrándoas no sistema lingüístico.

 

  • Reflexión sobre os mecanismos da lingua e os seus elementos formais (planos fonético e semántico, tipos de palabras, estructura da oración simple e composta, funcións sintácticas...) e integración destes para a comprensión e a produción textuais.

 

  • Recoñecemento nos textos literarios dos principais recursos estilísticos de cara á interpretación dos mesmos establecendo relacións co contexto, especialmente histórico e persoal do autor ou autora.

 

  • Recoñecemento das características das principais etapas, obras e autores da literatura galega dos séculos XX e XXI.

 

  • Lectura comprensiva das obras escollidas do patrimonio literario galego.

 

 

CONTIDOS MÍNIMOS

PARA O BACHARELATO

 

CONTIDOS MÍNIMOS DE 1BACHARELATO

 

  • Coñecemento da orixe da lingua galega: o proceso de romanización do noso territorio ea influencia dos substratos e superestratos na súa evolución.

  • Coñecemento da evolución histórica da lingua galega: o proceso de formación do galego-portugués, a situación cultural do galego antigo, do galego medio e do galegomoderno, e as súas características lingüísticas.

  • Análise crítica das circunstancias que condicionaron a evolución, o uso e a realidade actual da nosa lingua.

  • Coñecemento dos elementos do acto comunicativo e recoñecemento dos niveis de lingua e os rexistros de fala.

  • Concepción e particularidades das variedades xeográficas e sociais da lingua.

  • Identificación das interferencias lingüísticas entre galego e castelán, valorando a producción correcta do galego.

  • Elaboración dunha exposición dun tema propio do ámbito académico (un traballo monográfico, unha reseña bibliográfica, unha memoria, un informe, unha reseña) utilizando procedementos de documentación e distintas estratexias que faciliten a comprensión e a expresión (fichas, resumos, esquemas, ferramentas TIC, etc.).

  • Reflexión sobre a lingua nos planos fónico, morfosintáctico, léxico-semántico e textual e uso dos conceptos e os procedementos lingüísticos básicos adecuados para a comprensión e a producción de textos, segmentación, conmutación, clasificación, análise, etc.

  • Aplicación correcta das regras de acentuación e dos signos de puntuación, e uso axeitado das grafías conflictivas, prefixos e terminacións e grupos consonántico dubidosos. Corrección fonética e ortográfica nos usos oral e escrito.

  • Coñecemento dos mecanismos da renovación léxica e utilización correcta das palabras patrimoniais, os cultismos, os semicultismos e as terminoloxías específicas.

  • Coñecemento dos autores e comentario das obras máis representativas da literatura galega da Idade Media e dos séculos XVI, XVII, XVIII e XIX, establecendo relacións entre os textos e a etapa na que foron creados.

  • Interpretación de textos e obras literarias tendo en conta a estructura e a técnica empregada e emisión de xuízos fundados sobre aspectos formais e temáticos.

  • Lectura comprensiva das obras escollidas do patrimonio literario galego.

 

CONTIDOS MÍNIMOS DE 2º DE BACHARELATO

  • Análise crítica das circunstancias que condicionaron a evolución, o uso e a realidade actual da nosa lingua.

  • Achegamento á situación do galego nos distintos ámbitos sociais, comprensión da diferencia entre bilingüismo e diglosia e análise do proceso de normalización lingüística.

  • Coñecemento dos factores e recursos que permiten cumprir nun texto coas esixencias da adecuación, da cohesión e da adecuación á situación comunicativa, para producir textos de distinto tipo.

  • Elaboración dunha exposición dun tema propio do ámbito académico (un traballo monográfico, unha reseña bibliográfica, unha memoria, un informe) utilizando procedementos de documentación e distintas estratexias que faciliten a comprensión e a expresión (fichas, resumos, esquemas, ferramentas TIC etc.).

  • Reflexión sobre a lingua nos planos fónico, morfosintáctico, léxico-semántico e textual e dominio dos conceptos e os procedementos lingüísticos básicos adecuados para a comprensión e a produción de textos, segmentación, conmutación, clasificación, análise, etc.

  • Aplicación correcta das regras de acentuación e dos signos de puntuación, e uso axeitado das grafías conflictivas, prefixos e terminacións e grupos consonánticos dubidosos. Propiedade léxica, morfolóxica e sintáctica.

  • Elaboración da información a partir dos medios de comunicacións de masas, diferenciando as características das seccións e dos programas e atendendo ás súas linguaxes específicas.

  • Coñecemento dos autores e comentario das obras máis representativas da literatura galega dos séculos XX e XXI, establecendo relación entre os textos e a etapa na que foron creados.

  • Interpretación de textos e obras literarias tendo en conta a estructura e a técnica empregada e emisión de xuízos fundados sobre aspectos formais e temáticos.

  • Lectura comprensiva das obras escollidas do patrimonio literario galego.

 

 

  

 

 

Blogs Lingua galega de 3º de ESO

Distribuir contido


by Dr. Radut