Skip to Content

Complementarias

A RUTA DA AUGA, 2018-19

25/10/2018

 

 

O luns, nun soleado día de outono, o alumnado do ciclo guiou 80 rapaces e rapazas de 1º de ESO dende o IES ata Cans! Non é tarefa fácil, os mozos e mozas do ciclo estréanse nunha das actividades que han desenvolver no seu futuro: conducir grupos no medio natural e facelo dende o respecto e a posta en valor da paisaxe, o patrimonio e a memoria. E fano ao grande! Agradecemos o seu esforzo e o compromiso de Alejandra, a súa profe. Sen eles esta actividade non sería posible. 

Esta iniciativa, que comezou no curso 2016-17 e continuou no 2017-18, forma parte das actividades de acollida ao alumnado máis novo do centro, enmarcada no Plan de Convivencia e no Plan de Acción Titorial e asenta unha das liñas de proxectos do centro. os roteiros. Na páxina do centro podedes ver o que se foi traballando sobre os puntos de interese da ruta. O entorno, un entorno de excepción, transformado en aula. No camiño, exercicio físico, recoñecer marcas de ruta, recoller lixo, a paisaxe, o EDAR (sempre tan agradables connosco), a auga, a natureza, o patrimonio, a memoria, botellas con mensaxes, xogos...!!!

 

Desta volta houbo tamén caras novas entre os profes: Juan, Sandra, Amy, Carmen, Nuria... Antón, sempre tan próximo e xeneroso, contándonos da importancia do EDAR. Fernando, aínda que non está no centro e anda enredado con angueiras no CAFI, achéganos no vídeo o cerne da ruta: "un proxecto para coñecer e coñecerse".

Comezamos!!!

 

 

RUTA DA PRAIA DO DIQUE ATA O IES

03/01/2018

O xoves 20 de decembro o alumnado de 2º de ESO fixo a súa segunda ruta para o traballo por proxectos: a RUTA DO MAR, A PEDRA E A MEMOIRA, dende a praia do Dique ata o IES . O ano pasado, A RUTA DA AUGA, do IES ata Cans, pasando pola Aguieira, como veñen de facer os rapaces e rapazas de 1º de ESO. 

Foi unha xornada luminosa, o sol foi espallando a néboa da mañá. Esa luz especial que xorde da proximidade do mar e o Barbanza. Un agasallo para rematar o trimestre. 

Comezamos no Dique. A experiencia de Pepe, o profesor de Educación Física, ía abrindo o grupo. 78 rapaces e rapazas que traballarán en varias materias esta ruta. Pouco a pouco, será un proxecto que irá enriquencéndose cos anos (se vai callando, claro). O entorno tranfórmase en aula na que traballar a natureza, o respecto e a responsabilidade que temos con ela e coas xeracións vindeiras (os efectos devastadores do lume saen ao encontro, inevitablemente. A memoria. O mar que é memoria, alimento, inspiración, temor, pero tamén traballo e futuro. A pedra conta lendas, conta arte, conta xeitos de vivir. Por aí andamos e andaremos en 2º de ESO neste 2018. Aquí vos deixamos algunhas imaxes:

 

A RUTA DA AUGA EN CÓMIC!

21/06/2019

O alumnado de 1º de ESO, na materia de Plástica, traballou o proceso de creación de cómics. E claro, que mellor tema para levar á banda deseñada que a nosa Ruta da Auga! Mirade que chulos estes traballos, alegres, sostibles, asisados, divertidos, con xogos narrativos ben interesantes... Ata a píllara toma voz para contalo! 

Achégate a coñecer a RUTA DA AUGA!

 

A RUTA DA AUGA EN CÓMIC

More presentations from etikeles

PUBLICITANDO A RUTA DA AUGA. PROXECTO INTEGRADO DE LINGUAS

21/06/2019

A Ruta da Auga é xa unha das actividades estables no noso centro. Supón levar o entorno ás aulas, supón entender o entorno como espazo de aprendizaxe. Nela traballamos convivencia, acollida, integración e tamén paisaxe, patrimonio material e inmaterial, sostibilidade, comunicación, educación para a saúde... Grande parte do currículo podería ser desenvolvido da man deste roteiro. Así que..., que mellor que contalo e convidar a que se coñeza!  

Nas materias de Lingua Galega, Lingua Castelá e Inglés, o alumado traballou a linguaxe publicitaria e a importancia da imaxe neste tipo de textos. Logo aplicárono á Ruta da Auga e elaboraron trípticos para facer contar por que paga a pena vir a Porto do Son e facer esta andaina. Únense ao tríptico sobre a arquitectura patrimonial da ruta, resultado da investigacións que realizaron na materia de Lingua Galega, que levarán ás súas casas a final de curso. 

Coñecer para respectar, para manter, para potenciar e xerar dinámicas de progreso sostible. 

 

A ruta da auga

More presentations from etikeles
 
 
 

Tríptico publicitario La Ruta del Agua

More presentations from etikeles
 
 
 

the water route

More presentations from etikeles

PREMIADOS NO VII CONCURSO ESCOLAR DE POESÍA ROSALÍA DE CASTRO

08/06/2019

 

Onte á tardiña, na Fundación Rosalía de Castro, Clara Tomé Mariño, de 4º de ESO, e Jesús Vázquez Pajares, de 1º de Bacharaelato, recolleron o galardóns do VII Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro, que convocan a Fundación e O Corte Inglés. Nos seus poemas ofrecen unha nova mirada dos cadros de Seoane. Palabra e cor unidos. 

Podedes ler máis sobre a Xornada no blog da biblioteca

"NON TE RALLES", ESTREA DO GRUPO DE TEATRO DO INSTITUTO, SONDOSON

04/06/2019

 

O luns pola tarde, na Casa de CULTURA, os mozos e mozas do grupo de teatro do noso instituto, Son do Son, dirixido pola nosa compañeira Ánxela Doval, estrearon a obra "Non te rallles" para os compañeiros de 3º e 4º d eESO.  Trátase dunha adaptación que eles mesmos fixeron do musical americano Be more chill e do cómic do mesmo título. Un rapaz con problemas, un instituto, un chimpo ou pastilla que leva un ordenador cuántico... Ata onde es capaz de chegar para ser popular!!!

Foi un éxito!!!! Ben que rimos! PARABÉNS, pagou a pena o tempo adicado fóra das clases!!!

 

 

 

EXCURSIÓN DE 1º DE ESO A NEIXÓN E ÁS MÁMOAS DO BARBANZA

05/06/2019

O venres 31 de maio o alumnado de 1º de ESO, nunha saída de todo o día organizada polo departamento de Xeografía e Historia como complemento ao currículo deste nivel, visitou o Castro de Neixón e as mámoas da serra do Barbanza.

No Castro de Neixón o arqueólogo que dirixe o centro, Víctor Barbeito, impartiulles unha charla e moustrolles un vídeo sobre a prehistoria na serra do Barbanza; logo ensinoulles e comentoulles o castro de Neixón.

Despois de comer, o autobús deixounos no monte Iroite e fixemos unha ruta ata aldea de Balteiro, por onde puidemos ver varias mámoas da necrópole megalítica. Polo camiño, os rapaces situáronse no mapa e localizaron as súas parroquias e algúns outros lugares da península do Barbanza.

 

 

A LITTLE ENGLISH CHALLENGE

31/05/2019

Os días 24 e 25 de abril tivo lugar no noso centro a actividade titulada A Little English Challenge. Esta actividade estivo organizada polo profesor Héctor Agrafojo Blanco, do Departamento de Inglés, e estaba destinada aos grupos cos que traballa este curso: 4º da ESO A-B-C e 1º de Bacharelato A-B. Esta era unha actividade voluntaria para mellorar o nivel de inglés na que os alumnos debían facer un exercicio do seu libro de texto que consistía en dar os seguintes pasos: en primeiro lugar, os estudantes tiñan que buscar en internet e no seu tempo libre información sobre un tema que se lles propoñía. En 4º da ESO, o tema era unha película importante de próxima aparición; en 1º de Bacharelato, tratábase dun movemento que loite por unha boa causa. A continuación, os alumnos tiñan que expoñer oralmente no instituto un resumo da súa busca de información e entregarlle ao profesor unha copia da versión escrita do seu traballo. Neste traballo eran importantes aspectos como a corrección léxica e gramatical e a boa pronunciación.

 

 

Finalmente, os mellores alumnos recibiron, a semana pasada, como premio un libro en inglés, que lles regalou o centro. Os gañadores, xunto cos temas que abordaron e os libros que elixiron, foron os seguintes:

Laura Lojo Romero (4º ESO A)

  • Tema: Avatar 2
  • Libro: The Princess Bride, de William Goldman

Laura Pego Sampedro (4º ESO A)

  • Tema: Fast & Furious 10
  • Libro: Darkly Dreaming Dexter, de Jeff Lindsay

Clara Tomé Mariño (4º ESO B)

  • Tema: Avengers: Endgame
  • Libro: Hippie, de Paulo Coelho

Javier Dios Santos (1º de Bacharelato A)

  • Tema: The Spanish Association Against Cancer
  • Libro: Black Man in a White Coat: A Doctor’s Reflections on Race and Medicine, de Damon Tweedy

Jesús Luis Vázquez Pajares (1º de Bacharelato B)

  • Tema: The Palestinian cause
  • Libro: Animal Farm, de George Orwell

Desde o instituto felicitamos a estes alumnos polo seu bo traballo nesta actividade e polo seu bo rendemento e comportamento habituais na materia de Inglés. Esperamos, tamén, que no futuro o libro en inglés lles quede como un agradable recordo a estes estudantes do seu paso polo IESON. Grazas e parabéns!

INTERCAMBIO DE FRANCÉS. ACOLLIDA DO ALUMNADO DE QUIMPER

30/05/2019

Chegaron o xoves pasado, despois de 24 horas en autobús!!! Hoxe marchan estes 25 mozos e mozas de Quimper, coas súas profesoras Sandrine e Caroline.

Para o noso alumnado foi unha magnífica experiencia tanto a nivel cultural como humano. Sempre o é. Abrirse a novas culturas e mellorar a competencia no idioma. Eles, o castelán, nós o francés. 

O programa foi intenso. Houbo excursións, roteiros, praia... Fixéronse xa amizades!

Pois iso, foi un pracer coñecervos! Vémonos a finais de setembro na Bretaña! Boa viaxe de volta!

Grazas ao departamento de Francés por organizar a actividadeSorriso

 

FESTA DE GRADUACIÓN DO CURSO 2018-19!

27/05/2019

Despois dun curso intenso, unha nova promoción pecha a súa etapa no IES de Porto do Son. Forman parte da comunidade educativa que integran os alumnos e alumnas, o  profesorado e o persoal non docente que viviu parte da súa vida formativa e laboral no noso centro. O centro son esas persoas. Non os espazos, ou non só. A carón deles, están as vivencias compartidas nestes anos. Bos momentos e momentos difíciles. Todos eles conforman o que son, o que é o centro. Estudo, Entroidos, excursións, celebracións, amizades, amores, risos...

Música para abrir un acto que presentaron, simpáticos e emocionados, Ricardo e Ismael:

 

Houbo tamén discursos de profes e alumnado que falaron do tempo pasado no centro e dos novos camiños que agora comezan...

...

Recibiron os diplomas que os recoñecen como membros da comunidade do IES de Porto do Son. Como non, o merecido certificado de Matrícula de Honra para Clara Miranda e Adriana Pouso:

Dende o público, a alegría dos convidados, das familias, o profesorado e os compañeiros e compañeiras:

 

Felices, pecharon tamén cantando. Despois, pinchos na cafetería, charla, fotos de recordo... BOA SORTE!!!

 

 

 

 

Distribuir contido


EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA

by Dr. Radut