Skip to Content

Accións

Accións que impulsa ou nas que colabora o Equipo de Dinamización da Lingua Galega

PREMIOS CERTAME LITERARIO

31/05/2024 08:54

“HAIKUS, PALABRAS INGRÁVIDAS PARA UN ALMANAQUE”

O 30 de maio no IES de Porto do Son vivimos un gran día para a lingua e a literatura sonense a través das creacións poéticas do alumnado. Realizamos a entrega dos premios do Certame Literario “Haikus, palabras ingrávidas para un almanaque” en conmemoración de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2024.


O xurado tivo moi difícil a escolla debido á gran calidade literaria dos poemas e indicou que, sen lugar a dúbidas, “Porto do Son é terra de poetas”.
A entrega dos premios das diferentes categorías levouse a cabo na biblioteca durante o segundo recreo.

Moitos parabéns a todas as persoas participantes, finalistas e premiadas!! Felicitacións por tanta orixinalidade e agardamos que a creatividade literaria continúe convosco.

LETRAS GALEGAS 2024: SERAFÍN MARCOS

23/05/2024 20:33

Este xoves, o alumnado de 2ºESO asistiu á representación de Serafín Marcos sobre Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2024.

LETRAS GALEGAS 2024 – LUÍSA VILLALTA

17/05/2024 19:01

No IES Porto do Son celebramos o DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024 dedicado a LUÍSA VILLALTA por todo o alto.

Levamos a cabo moitas actividades ao longo do mes de maio para poñer en valor o súa gran obra e o seu legado. Realizamos varias exposicións de carteis con mostra da biografía, das obras e da poesía da autora; desfrutamos dun recital poético da man do alumnado e do profesorado; proxectamos nos recreos na entrada do centro varios vídeosclips creados sobre poemas de Villalta; proxectamos documentais e realizamos actividades nas aulas; contamos cun obradoiro de baile tradicional; gozamos coa música e o baile galegos nos recreos. Ademais enchemos o mes das nosas letras cos poemas de Luísa Villalta e do noso alumnado a través do certame poético “Haikus, palavras ingrávidas para un almanaque”.

Consulta aquí as bases do certame literario:

https://etikeles.wordpress.com/

Máis fotos AQUÍ

MÚSICA E BAILES TRADICIONAIS

16/05/2024 19:37

Foliada! Celebración do Día das Letras Galegas a través da posta en valor dos bailes e músicas tradicionais. Despois de varios días de ensaio, hoxe tivemos día de estreo, nos recreos: baile libre e a última hora: sesión de práctica de baile tradicional co alumnado de 1º da ESO, como culminación da UD de baile.

Todo coa música en directo de Aida, Marta, Lidia, Mari Gabi e Julia. Moitas grazas artistas!

 

CHARLA MANUEL NÚÑEZ SINGALA

03/05/2024 16:57

O mes de maio convidamos o escritor Manuel Núñez Singala ao IES de Porto do Son para manter dous encontros: Un co alumnado de 1º de Bacharelato e outro co de 2º da ESO. Agradecemos a súa presenza no noso centro e a colaboración da Editorial Galaxia.

No primeiro encontro Manuel Núñez Singala conversou co alumnado de 1º de Bacharelato sobre a súa novela Camiños na auga.

No segundo encontro, co alumnado de 2º de ESO, o escritor falou sobre a súa obra dramática O achado do castro.

Foi un privilexio para nós poder achegarlles a obra de Singala aos nosos estudantes da man do propio autor.

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

09/03/2024 20:12

 

No IES Porto do Son celebrouse o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller Traballadora, un día para recordar o papel e a dignidade das mulleres no proceso de conciencia do seu valor humano dentro da sociedade. Ademais no noso centro celebrouse o 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Realizamos varias exposicións para poñer en valor o papel chave que desempeñan as mulleres na comunidade científica e tecnolóxica; para recoñecer ás pioneiras, tanto galegas coma internacionais, referentes indispensables na historia para acadar a igualdade e o recoñecemento dos dereitos das mulleres.

O alumnado dispón dunha ampla colección de literatura da biblioteca con obras que nos permiten achegarnos ás grandes figuras femininas, a cambiar o mundo, a facer historia e a desfrutar da lectura!!

 

 Máis fotos AQUÍ

 

DÍA DE ROSALÍA

24/02/2024 16:21

 

No IES Porto do Son celebramos o DÍA DE ROSALÍA, a conmemoración do 187 aniversario do seu nacemento, o 23 DE FEBREIRO de 1837. Levamos a cabo moitas actividades para poñer en valor a gran figura das nosas letras, referente indispensable da nosa cultura. Realizamos varias exposicións, recreacións de poemas de Rosalía do alumnado de 3ª da ESO, mostra de obras da autora e de poetas que seguen o ronsel rosaliano etc. Durante os dous recreos, na entrada do centro e na biblioteca, puidemos escoitar a varios artistas que musican a Rosalía. Ademais, fixemos chegar a autora a todas as aulas a través de actividades e dispuxemos dunha sección de poemas para levar, facendo deste xeito que Rosalía acompañe o noso alumando alén do noso centro.

Máis fotos AQUÍ

NO IES DE PORTO DO SON TAMÉN SE FALA GALEGO!!

04/02/2024 16:54

O IES de Porto do Son participa na Campaña de Dinamización Lingüística da mocidade estudantil, con accións directas na contorna do alumnado:

AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO! https://aquitamensefala.com/

Durante o mes de xaneiro o alumnado e o profesorado colaboraron na difusión da campaña do noso centro. Actualmente os/as alumnos/as participan de forma activa coma normalizadores/as lingüísticos/as levando os carteis do IES de Porto do Son por toda a súa contorna.

Moitas grazas a todos e todas pola vosa implicación e pola boa acollida desta campaña en todo o Concello!!

ENLACE PARA FOTOS

ENLACE PARA VÍDEOS

SAN VALENTÍN

08/02/2024 22:51

O IES de Porto do Son preparouse para recibir a San Valentín!

O alumnado dispón dunha ampla colección de literatura e cine na entrada da Biblioteca. 

Ademais puido escribir as súas cartas de amor ou amizade. Estas atópanse ao carón da furna que está na conserxería, onde se poideron depositar o 7, 8 e 9 de febreiro; e que foron entregadas o 15 e 16 de febreiro.

Máis información e fotos AQUÍ 

 

EXPOSICIÓN E ACTIVIDADE SOBRE O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGO

05/02/2024 00:09

Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, o Equipo da Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega e Literatura organizamos unha exposición no noso centro sobre O Seminario de Estudos Galegos, dentro dos actos de conmemoración do centenario da creación desta institución de alta cultura.

O alumnado da ESO realizou unha actividade de busca de información sobre o SEG a través do labor colaborativo, aprendendo a traballar en equipos.

Con esta actividade pretendemos mostrarlle ao alumando da ESO o labor determinante do Seminario de Estudos Galegos na construción da identidade galega e na modernización cultural e científica de Galicia.

 Para ver máis fotos pulsar AQUÍ

Distribuir contido


by Dr. Radut