Skip to Content

Lingua Galega

DO IES AO FARO DE CABEIRO

26/06/2018

Daniela, Saray, Andrés e Xoán cóntannos como foi a ruta ata o faro:

 

"O IES de Porto do Son atópase a carón da praia de Cabeiro:

  • Lonxitude: 1.200m
  • Praia aberta.
  • Tipo de area: fina

O IES está rodeado por eucaliptos e piñeiros.

  • Anexo ao IES podemos atopar:
  • A 300m, a gasolineira da vila.
  • Un merendeiro a poucos metros.

 

 

Saímos do aparcamento do IES Porto do Son e imos ata a xeral. Despois, por un pequeno camiño á esquerda, ao lado da gasolineira, collemos a estrada de Noal, a primeira bifurcación á dereita, a segunda tamén é o primeiro camiño á esquerda. A seguinte bifurcación á esquerda, segues todo recto e xa chegas ao teu destino. Este tramo da ruta consta de 1km."

 

AS PALABRAS DAS REDEIRAS

25/06/2018

Xa van alá cinco anos dende que dende SonCine nos compartiron o traballo audiovisual que o alumnado de 3º de ESO fixo sobre as redeiras da Asociación Virxe do Mar, con sede en Porto do Son e que agrupa a redeiras do Son, Portosín, Aguiño e mesmo Ribeira. Viñan de recibir un premio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, promovido pola Secretaría Xeral de Pesca, como recoñecemento ao seu labor de formación e difusión do seu oficio.

 

Redeiras from SonCine on Vimeo.

Agora, termando do fío, ganduxamos e botamos as redes para pescar palabras, as palabras das redeiras!

 

Os alumnos e alumnas de 2º de ESO A, a partir dese vídeo, estudaron e recompilaron o léxico. Estas son as voces coas que podedes escoitar nos peiraos de Porto do Son e Portosín. Son voces de muller, que veñen das avoas, das nais... Con vontade de futuro!

 

 

Agulla de atar: barra fina  de metal ou doutro material, acabada en punta por un extremo.

 

Áncora: instrumento con dúas puntas, un brazo horizontal e unha cadea que se bota ao fondo do mar para inmobilizar as embarcacións grandes.

 

Aparello: dispositivo utilizado para capturar o peixe, formado por redes ou por palangres.

 

Apuntalar: poñer puntais a algo para facelo mais firme.

 

Armador/armadora: persoa que equipa ou posúe embarcacións para a pesca ou o comercio.

 

Argola: espazo que hai na rede onde van colocadas as cortizas e os chumbos.

 

Atar: 1.Facer un nó. 2. Reparar ou coser un aparello.

 

Atador/a: persoa que ata.

 

Arte: 1. Conxunto de redes que conforman un aparello. 2. Nome que aplica a diversos aparellos de pesca que están constituídos por redes provistas dun cope.

 

Banquiño: superficie na que sentan as redeiras.

 

Bolo: tipo de peixe.

 

Boliche: arte de pesca que practica o arrastre e que substituíu a secada e o xeito. Semellante á xávega coa rede máis curta.

 

Costura: conxunto de puntadas que unen unha peza da rede. con outra ou dúas partes da mesma peza.

 

Chicote: cabo de arrastre dalgunhas redes de pesca. 

 

Chumbo, (“plomo”): peza ou conxunto de pezas deste material que se pon na tanza ou no extremo das redes de pesca para que vaia ao fondo.

 

Doncela: peixe mariño da familia dos lábridos, de corpo alongado, ollos pequenos en relación ao corpo, cor castaña, azul ou verde escuras no lombo, cunha banda alaranxada desde a cabeza ata a aleta caudal, que habita no litoral sobre fondos rochosos, areosos e baixío. 

 

Ganduxar ("hilbanar"): unir con ganduxos (costuras de puntadas longas feita nunha tea antes da costura definitiva.) o que se cose despois. 

 

Liñó: 1.Costura de fíos dobres ou moi grosos que une os panos da rede. 2. Arte de pesca  consistente nun fío ou tanza, xeralmente de nailon, cunha chumbada e varios anzois empatados no extremo. 

 

Malla: cada un dos aneis ou voltas que nunha rede, van entretecidos un a outro formando entre todos unha peza. Aberturas cadradas formadas por fíos nunha rede e os nós que a forman. 

 

Mediomundo: arte de pesca consistente nun aro de ferro e de madeira, do que colga unha bolsa cónica e semiesférica  que se estende desde unha pequena embarcación, formando un cerco redondo no que quedan atrapados os peixes. onsistente nun aro de ferro e de madeira, do que colga unha bolsa cónica e semiesférica. 

 

Miño: aparello de pesca feito de tres panos de rede, semellante ao trasmallo, aínda que máis alto e de fío máis delgado, que se emprega para pescar peixe plano e crustáceos. 

 

Nasa: aparello de pesca que consiste nunha especie de gaiola, normalmente de forma cilíndrica, feita de madeira, metal, xunco ou vimbio e recuberta de rede, disposta de tal maneira que permite a entrada do peixe ou do marisco pero non a súa saída. 

 

Navalla: 1.Molusco bivalvo. 2. Coitelo cunha folla que se pode dobrar e gardar na rañura que ten o mango. 

 

Pano: cada peza de rede que forma o aparello. 

 

Perlón: peixe da familia dos tríglidos, de corpo alongado, espiñas no opérculo, cor principalmente vermella, e cunha mancha negra na primeira aleta dorsal. 

 

Rastro: arte de pesca formado por un angazo de ferro que se arrastran polo fondo para levantar o marisco. 

 

Redeira: persoa encargada de facer e amañar as redes. 

 

Relinga: 1. Tralla gorda que vai na parte de barlovento da vela para reforzala. 2.  Cada un dos cabos en que van colocadas as cortizas e a chumbada nas redes de pesca. 

 

Saia: prenda que poñen arredor da cintura para meter os obxectos de traballo nos petos. 

 

Tralla: cabo que vai unido ás cortizas e ás chumbadas das redes. 

 

Vetas ("betas"): arte de pesca. Están feitas dun só pano de fío de nailon. Utilízanse empalmadas unhas con outras polas trallas.

 

Foi tamén un traballo de reflexión sobre as redeiras e o seu oficio. E fóronnos contando: 

 

"Este oficio é pouco valorado e moi sacrificado debido as condicións nas que traballan. Elas dependen dos barcos e das súas necesidades. O traballo ensínase de xeración en xeración e nalgúns casos é hereditario. Ao contrario doutros empregos este non se ensina en academias ou centros de formación ou ensino.” (Mariña, Adrián e Ismael). 

 

“O traballo das redeiras (atadoras) é un oficio relacionado co mar que consiste na fabricación ou arranxo de redes ou aparellos. Este oficio xaprovén de xeracións pasadas, como a das nosas avoas. Xeralmente eran as mulleres quen exercían o traballo, mentres que os homes ían navegar. A xornada empezáballes moi cedo pola mañá ata ao mediodía, máis ou menos. Cada unha ten o seu material de traballo e a súa tarefa que debe realizar ese día.”  (Pilar Prieto e Valeria Lorenzo)

     

A CARTELERÍA NA PRAIA DE AGUIEIRA. RESPECTANDO A LINGUA?

25/06/2018

Cando fixemos a Ruta da auga a comezo de curso, fomos reparando na cartelería. Atopamos nela información sobre o areal, sobre a flora e a fauna; apórtansenos instrucións para un uso respectuoso do entorno e datos útiles para a nosa seguridade. 

Mais..., a nosa sorpresa foi que, dende un marco institucional, se mostrase un desleixo no uso da lingua, na súa corrección na escrita. Acontecería isto se a lingua empregada fose o castelán? De seguro que non.

Esta é a contribución do alumnado de 1º de ESO do IES de Porto do Son. En Lingua revisaron cada un dos carteis, consultaron os erros e agora, achégannos as correccións. Con elas un consello: empreguemos a lingua galega como lingua de cultura, solicitemos que o seu uso nos ámbitos institucionais sexa cotiá e correcto. Respectando a lingua, respectamos o pobo e a súa identidade. 

Comezamos ben:

Pero...

 

 

FONFORRÓN, A PRAIA, A HISTORIA E AS LENDAS

24/06/2018

O alumnado de 2º de ESOB, na materia de Lingua Galega, no marco do proxecto da Ruta realizada a comezo de curso, investigou sobre unha das paradas, a praia de Fonforrón. En equipos, desenvolveron as súas procuras a partir de fontes de información orais e escritas. Logo gravaron os guións realizados na nosa radio, Onda Perseveira. 

Con eles aprendemos sobre o areal, a súa historia e as súas lendas. Como acontece con todo aquilo que é contado, as lendas transmítense con variantes que dan conta da diversidade con que vai medrando o imaxinario popular. Podedes escoitar os podcast aquí.

 

ANAGNÓRISE CON LIMIAR TEATRO NA CASA DE CULTURA

23/05/2018

Onte o alumnado de 3º e 4º de ESO asistiu a unha representación de Anagnórise na Casa de Cultura, no marco das actividades que vimos realizando na celebración das Letras Galegas. Neste caso é unha colaboración coa editorial Galaxia. Foi unha proposta fresca, divertida e novidosa. Na entrada do blog da biblioteca podedes ler as opinións do alumnado. 

 

LEONARDO E OS FONTANEIROS NA CASA DE CULTURA

16/04/2018 16:04

o marco do Mes do Libro, o alumnado de 1º de ESO asistiu esta mañá na Casa da Cultura á representación de Leonardo e os fontaneiros a cargo da compañía Ubu Teatro, obra que leron na materia de Lingua Galega.  A actividade foi promovida pola Editorial Galaxia, como homenaxe a María Vitoria Moreno, autora da obra e este ano galardoada no Día das Letras Galegas. 

Tras os pasos de Martín Códax, Xulio Verne e Mendinho na ría de Vigo

21/11/2017

Xulio Verne desexaría estar de volta por Vigo e disfrutaría a visita a un espazo de excepción, o Museo do Mar de Galicia, ficando engaiolado dunha das xoias da nosa literatura medieval, o Pergamiño Vindel. Nós estivemos alí o xoves pasado co alumnado de 3º de ESO, unha oportunidade de excepción tendo en conta que só estará connosco ata a primavera antes de regresar á Morgan Library de Nova York, onde de novo, só terán acceso a el os investigadores!!! No Museo seguimos tamén os pasos de Sanjurjo Badía, Xulio Verne... Contextualizamos así a lectura da obra "Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta" que traballaremos nestes meses. Despois, o Centro Arqueolóxico Salinae (o sal, salario e tesouro romano no Areal), o escritor francés acompañado dun polvo xigante e a illa de San Simón agardando por nós para falarnos de Nemo, Mendinho, os tempos do Lazareto, da Guerra Civil, a posguerra, o silencio e... A MEMORIA!!!!

No blog da biblioteca podedes ler a entrada desta actividade orgnanizada polos departamentos de Lingua Galega e Xeografía e Historia neste vídeo ver as imaxes da xornada:

VISITA ÁS MINAS DE SAN FINX

05/11/2017

O alumnado de 4º de ESO visitou o venres pasado as minas de San Finx. Foi unha saída interdisciplinar organizada polos departamentos de Lingua Galega e Xeografía e Historia que complementa o traballo realizado a partir da lectura da obra Febre, de Hector Carré, ambientada na zona de Noia e Lousame na época da "febre do wolframio". Os guías mostráronlles os diferentes espazos da zona, a sala do museo e déronlles unha charla sobre a historia da mina. Hai uns anos o autor estivera no centro e, daquela, o alumnado, que tamén se desprazara a Noia e á mina, fixéralle unha entrevista ao autor na nosa biblioteca. 

 

Premiados no Certame poético "Maruxa Mallo nas augas da invisibilidade"

19/05/2017 20:34

Hoxe entregamos os premios aos galardoados no Certame poético "Maruxa Mallo nas augas da invisibilidade". Podedes ler a entrada no blog da biblioteca.

Letras Galegas: "As viaxes de Carlos Casares" con Serafín Marcos

19/05/2017 17:37

O alumnado de 3º de ESO puido coñecer hoxe un pouco máis a vida e a obra de Carlos Casares a través da posta en escena do artista Serafín Marcos. Unha forma lúdica de achegarse á nosa literatura. No blog da biblioteca podedes ler a entrada sobre a actividade.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut