Skip to Content

Escolares, Xogade, 1º Curso, 2º Curso, 3º Curso, 4º Curso, 5º Curso, 6º Curso, Intercambio, Ciclo, Biblioteca, Complementarias, SonCine, Conmemoracións

Graduación da promoción 2011-2017

29/05/2017 17:57

Este sábado celebramos a graduación da promoción 2011-2017.Aqueles nenos e nenas...

 

... son hoxe os mozos e mozas que comezan o seu futuro:

Foi un acto emotivo no que tomaron a palabra os alumnos e o director, David, a tenente alcalde María Maneiro, o ex-director Bernardo, Xosé Manuel e Bea, como representantes das familias.

 

A banda sonora do acto foi interpretada por André e Adriana, co acompañamento de Ana, a nosa compañeira, na parte final. A música, as artes, tan necesarias!!!

 

Ao entregarlles os diplomas que acreditan o seu esforzo a pertenza á comunidade educativa do IES de Porto do Son, démoslles tamén unha ramiña de loureiro con ""vaghas, vaghos, froitos". Dicía David no seu discurso:

"O loureiro altivo, como dicía Rosalía, foi desde a orixe o sinal da gloria: coroou os atletas dos Xogos da Greza clásica; os xenerais triunfantes dos romanos; os grandes poetas do mundo foron coroados de loureiro. Os bos traballos científicos recibían o "summa cun laude". Aos pés das sepulturas ilustres deitamos coroas de loureiro. Cando un canteiro vello remata unha casa, chanta unha ponla de loureiro na cima e fai o alboroque, a festa de remate. (...) Nas escolas da igrexa medieval católica onde naceron as nosas universidades, nomeaban os seus graduados baccalaureatos. Aqueles que recibían a gloria, o loureiro. Pero non por calquera saber, polo saber que daba froito. (...) Dese costume, e desa palabra vén a palabra baccalaureato, bacharelato".

 

Bachareles que han de dar froito, bachareles que recibiron neste acto palabras de cariño, de agradecemento, consellos para a vida, confianza e o desexo de que non perdan o sorriso!

  

EduMotivacon: educar na igualdade, motivar na igualdade con...Carla Reyes

27/05/2017 09:49

Educar, motivar, poñer en valor o esforzo, a curiosidade, o pensamento crítico, o traballo en equipo... Son os obxectivos do programa EduMotivacon que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de poñer en marcha para os centros de ensino non universitario, en colaboración con profesionais de recoñecido prestixio. 

Dende o centro solicitamos a intervención de Carla Reyes. Queriamos que unha muller recoñecida pola súa traxectoria falase para o alumnado. Para as alumnas e para os alumnos.

Xornalista, desenvolve o seu traballo nos ámbitos da comunicación, da produción audiovisual e no asesoramento en materia de comunicación. Unha das charlas que ofrecía no programa EduMotivacon abordaba o tema da Igualdade de xénero. No centro temos especial empeño en traballar este contido transversal, tan necesario na sociadade actual e que vimos desenvolvendo ao longo do ano en diversas actividades (no noso particular "manequinchallenge", na exposición sobre Maruxa Mallo e diversas actividades realizadas a partir da mesma, na Semana Culrural, nas titorías...). Carla Reyes era para nós o perfil perfecto pois, ademais, preside a Asociación de Executivas de Galicia, unha entidade na que máis de 70 mulleres directivas, profesionais autónomas, queren contribuír a dar visibilidade e recoñecemento ao traballo das mulleres en todos os eidos da actividade económica, social e cultural. 

Con ela, o alumnado de 4º de ESO, soubo, con datos, da escasa presenza da muller en cargos directivos nas empresas, nas organizacións institucionais nacionais e internacionais, na Universidade... Do incumprimento da Lei de Igualdade. E debateron e procuraron opcións de visibilización.  

Coñecer para saber, para reflexionar criticamente, para actuar e abrir horizontes que non estean pechados por prexuízos machistas e teitos de cristal, ou en palabras de Carla Reyes, "teitos de formigón". 

Educar con, motivar con, educar para, motivar para. Eis o cerne do noso labor educativo e das novas vías de aprendizaxe que pretendemos abrir e asentar no IES de Porto do Son. Quen mellor que homes e mulleres como Carla para serviren de guieiros!

 

Recibindo o alumnado do Virxe do Mar

26/05/2017 19:29

Onte pola tarde, o alumando de Relixión do noso centro e o do Virxe do Mar compartiron unha sesión de convivencia vendo un vídeo sobre a viaxe a Italia na biblioteca. En penumbra unha boa parte da tarde, polas incidencias da tormenta, mostrámoslles o centro: a Sala Perseveira, as aulas, o salón de actos...

Visitando Allariz co Proxecto Terra

24/05/2017 17:30

Este martes, o alumnado de 3º de ESO e de 1º de ESO que cursa Paisaxe e sustentabilidade visitou Allariz. A actividade enmárcase dentro do Proxecto Terra, un programa que promove o coñecemento do territorio e a súa posta en valor dende a identidade,  resultado da colaboración entre o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. 

Saíron ben cedo. Ás 10:30 comezaron un roteiro polo centro histórico da vila, visitando o Museo do Coiro, o Museo da Moda e o Museo do Xoguete como significativas actuacións de recuperacón do patrimonio etnográfico da vila, e facendo espacial fincapé nas actuacións que o Plan Especial de Protección do Casco Histórico de Allariz (P.E.C.H.A.) deu como resultado a concesión en 1994 do Premio Europeo de Urbanismo: o saneamento do cauce do río Arnoia; a recuperación medioambiental das súas marxes; a rehabilitación integral de vivendas e as actuacións en rúas e espazos comúns. 

Ao mediodía, xantaron no Rexo, onde, pola tarde, participaron nas actividades do Centro de Educación ambiental (CEA), a cargo dos monitores monitores da Fundación Gonzalez Ferreiro.

Como vedes nas imaxes, aprenderon e divertíronse:

 

Premiados no Certame poético "Maruxa Mallo nas augas da invisibilidade"

19/05/2017 20:34

Hoxe entregamos os premios aos galardoados no Certame poético "Maruxa Mallo nas augas da invisibilidade". Podedes ler a entrada no blog da biblioteca.

Letras Galegas: "As viaxes de Carlos Casares" con Serafín Marcos

19/05/2017 17:37

O alumnado de 3º de ESO puido coñecer hoxe un pouco máis a vida e a obra de Carlos Casares a través da posta en escena do artista Serafín Marcos. Unha forma lúdica de achegarse á nosa literatura. No blog da biblioteca podedes ler a entrada sobre a actividade.

 

O patio do instituto: o campo da Festa!!

18/05/2017 21:25

Hoxe o patio foi por un día o campo da festa. Da festa das Letras, de maio, da cultura, da lingua e a tradición. Eva, a profesora de Educación Física, e un grupo de alumnos e alumnas ensináronnos a bailar, mentres outros mozos e mozas acompañaban o baile con gaita, bombos e pandeiretas. E ben que o pasamos!!! 

Celebrando a Casares no Día das Letras Galegas

17/05/2017 11:37

O noso centro forma parte da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Barbanza. Entre outras actividades, cada ano celebramos o Día das Letras Galegas cun díptico que faemos chegar nestes días ao alumnado e ás familias. No blog da biblioteca podedes ler a entrada.

 

O CEIP de Carnota visita o centro para coñecer o Ciclo

16/05/2017 16:40
16/05/2017 16:40

Eva López, profesora do departamento de ED, recibiu esta mañá o alumnado do CEIP de Carnota. Estes querían coñecer o centro e, en concreto, o ciclo de Condución de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural que aquí impartimos e que está a ter unha alta demanda. Non cabe dúbida que a altura da formación impartida polo profesorado está a conseguir que este sexa un centro de referencia neste ámbito.

Xa sabedes que podedes seguilo no Facebook.

O IES de Porto do Son no Campionato Escolar de Orientación en Soria

16/05/2017 09:07

Esta fin de semana, dous alumnos do IES, Nerea Oujo, de 2º de ESO e Denis Arufe, de 4º de ESO, representaron o noso centro no Campionato de España Escolar de Orientación 2017. Estamos orgullosos do esforzo destes alumnos que están a acadar importantes éxitos deportivos. O equipo de Nerea proclamouse campión de España na categoría infantil de relevos!!!!

Parabéns e a seguir demostrando a importancia do deporte!!!

Distribuir contido


by Dr. Radut