Skip to Content

Escolares, Xogade, 1º Curso, 2º Curso, 3º Curso, 4º Curso, 5º Curso, 6º Curso, Intercambio, Ciclo, Biblioteca, Complementarias, SonCine, Conmemoracións

A USC DIVULGANDO A ASTRONOMÍA NO IES DE PORTO DO SON

10/10/2017

Se falamos de COMUNICACIÓN no ámbito científico, non podemos esquecer a importancia da divulgación como medio para facer accesible a ciencia a todo tipo de público. O papel que veñen desenvolvendo dende o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da USC neste eido nos últimos anos, fai posible que dende moitos recunchos de Galicia todos aqueles que estean interesados poidan  ver dende un telescopio planetas, nebulosas, estrelas...

O programa Todocosmos, financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), achegou tamén a astronomía ao noso IES. O 10 de outubro, ao solpor, os alumnos do ciclo e de 2º de bacharelato recibiron unha charla sobre orientación a través do ceo nocturno e sobre a vida das estrelas. A conferencia foi organizada polo departemento de Física e Química e impartida polo investigador Pedro Pablo Campo. Tras un paseo por buratos negros, estrelas de neutróns, xigantes vermellas..., os nosos alumnos e alumnas aproveitaron para preguntar a un experto moitas desas cuestións que nos facemos a miúdo sobre os misterios do Universo.

A continuación observamos Saturno e os seus aneis, a nebulosa do anel e algún cúmulo de estrelas.

Agradecemos á USC e á FECYT esta xornada tan interesante!

Radioteatro!!!

16/10/2017 23:49

Xa hai uns anos Fanfarra de soños estivo connosco para levarnos ao mundo do teatro na radio. Este ano traballaremos o tema interdisciplinar da COMUNICACIÓN e da súa man veñen xa os nosos primeiros pasos, grazas a esta actividade ofrecida dende a Área de Xuventude do Concello. O blog da biblioteca recolle este obradoiro no que o alumnado creo a peza Unha noite de Samaín. Ficamos á espera de poder escoitala!

Podedes ler máis nesta entrada do blog da biblioteca:

BENVID@S AOS CLUBS DE LECTURA

07/10/2017 16:35

Un curso máis o equipo de biblioteca bota a andar os dous clubs de lectura para alumnado. O primeiro, para mozos e mozas de 1ESO a 3ESO e o segundo de 4ESO a 2BACH. Lembramos con cariño o alumnado que rematou o curso pasado despois de estar connosco tantos anos, mais... acollemos con ilusión os que continúan e as caras novas. Mesmo vimos de iniciar un club de adultos, que tenderá pontes ao club do IES da Pobra do Caramiñal. Entrade no blog da biblioteca para saber en que andamos enredados... Poesía, títulos de libros, as lecturas escollidas...

FESTA DE FINAL DE CURSO!!!!

23/06/2017 18:34

Dúas horiñas de limpeza e organización, algunha que outra recuperación e... Festa de final de curso!!!Sorriso

 

Inauguramos a Pulpusha, a lámpada que creou o alumnado de 1º de ESO feita coas botellas de plástico que foron recollendo no proxecto da auga. Xa forma parte do noso insti!

Xogouse unha emocionante final de fútbol-sala entre 2º de ESO e 1º de Bacharelato. Durante todo o mes houbo partidos nos recreos. Grazas a todos os participantes e parabéns aos finalistas e, claro está, a 1º de Bacharelato pola vitoria!!! Aquí os vemos xuntos celebrándoo:

Nagay, alumno do ciclo puxo a medio insti a bailar cunha intensiva sesión de zumba! É unha sorte poder contar con xente tan implicada!

Despois de moito traballo nas clases de tecnoloxía, o alumnado de 2º de ESO, o de 4º de ESO e a nosa compañeira Paloma, pecharon o día de festa coa xa tradicional carreira de robots e lanzamento de cohetes! Mirade que chulos quedaron! E a diana!

O ano que vén, máis!!!

 

 

Na X Xornada dos Club de Lectura. Aniversario.

23/06/2017 10:16

O sábado 17 un grupo de alumnos e alumnas representaron os nosos clubs de lectura na X Xornada dos Clubs de Lectura que organiza Bibliotecas Escolares, en cuxa páxina podedes ler a repercusión que tivo nos centros e na prensa. No blog da biblioteca tamén contamos a actividade, unha celebración excepcional da lectura.

 

 

Valeria Baleirón no V Concurso de Poesía Escolar Rosaía de Castro

10/06/2017 09:02

Onte á tardiña, Valeria Baleirón, de 2 de ESO, recollía o premio na "Casa da Matanza", en Padrón. No blog da biblioteca podedes ler a reseña.

PARABÉNS!!!!

SAVE THE CHILDREN: A SATISFACCIÓN DA SOLIDARIEDADE

10/06/2017 07:49

"A SATISFACCIÓN DA SOLIDARIEDADE". Desta forma recolle Save the Children a nosa participación na carreira solidaria coa que concluímos a Semana Cultural e na que, a través do patrocinio do alumnado, as súas familias e o profesorado, conseguimos recaudar 1.752.83 euros, para proxectos de infraestruturas, educación e saúde para paliar a seca en Etiopía. O artigo recolle o noso sentir. O curso que vén, volvermos colaborar! É, por suposto, unha forma máis de educar: procurar o compromiso!

 

Coa píllara, recollendo lixo na Aguieira

03/06/2017 19:48

Onte pola mañá, o alumnado de 1º de ESO volveu á Aguieira para colaborar coa Cruz Vermella na limpeza da praia. Dicimos "volveu", porque a comezo de curso estes mozos e mozas comezaron o proxecto Botellas con mensaxe cunha ruta dende o IES de Porto do Son ata este mesmo areal: era a Ruta da auga. A auga e o entorno e a necesidade de facer un uso racional deste recurso sería o eixo transversal do proxecto de 1º de ESO e tema interdisciplinar en todo o centro. Despois viñeron investigacións, lecturas, creación literaria, creación plástica, deporte, charlas, obradoiros… Coñecer para saber, saber para actuar e comprometerse. A saída de onte tiña como obxectivo aprender e mostrar o compromiso co entorno.

Antes da recollida de lixo, Antonio Veiras, axente do Servizo de Conservación da Natureza, falounos dunha ave protexida que cría nas nosas praias, a píllara, explicounos como recoñecela, o proceso de cría que vai de marzo a xullo e as medidas que debiamos ter en conta para non alterar o ecosistema que favorece a súa supervivencia. Agora xa sabemos recoñecela e como actuar cando atopemos os niños ou as crías.

 

A continuación, voluntarios da Cruz Vermella dividíronnos en 2 grupos para realizar unha recollida de lixo. Un grupo recollería lixo de máis de 50 cm e outro lixo de menor tamaño. Atopamos obxectos plásticos, téxtiles, metálicos, de goma, de papel e cartón… Lembramos que o mar está a ser un grande “pañol” transformado no vertedoiro de todos nós. Non vemos o que está no fondo do mar, pero este “vomítao” ao litoral. Imposible non recordar a interesante charla que a Asociación Mar de Fábula nos deu na Semana Cultural: as imaxes dos peixes mortos e das aves asfixiadas enredadas nos aros plásticos dos envases de latas de Cocacola ou cos estómagos cheos de plásticos e microplásticos; a cadea alimenticia contaminada o ecosistema ferido e o futuro do planeta ameazado.

Esperemos que o noso alumnado sexa agora un pouco máis responsable co entorno. Os cambios son posibles. Comezan coa educación!

 

 

 

De Baroña ao instituto: ruta saudable

31/05/2017 18:42

Esta mañá, o alumnado de Hábitos de Estilos de vida saudables, de 2º de ESO, realizou unha ruta dende Baroña ata o instituto. É unha forma de adquirir estes hábitos aproveitando o entorno. Ao tempo, coñecen e adquiren, de xeito práctico, as competencias con respecto á actividade e ás recomendacións e normas para sendeiristas que traballaron na aula. Que mellor aula que a das rutas de Porto do Son! 

Benvida ao alumnado do próximo curso e ás familias

31/05/2017 18:35

O luns foi xornada de benvida. Pola mañá recibimos o alumnado de 6º de primaria que o próximo curso virá para o instituto. Explicámoslles o funcionamento do centro e o que será a nova etapa educativa que comezarán en setembro. Logo mostrámoslles o centro: dende o salón de actos acompañámolos á biblioteca, ás aulas comúns e ás aulas específicas, á Sala Perseveira...

Pola tarde, foron as familias as que estiveron connosco. O próximo curso pertencerán xa á comunidade educativa do IES de Porto do Son!

Distribuir contido


by Dr. Radut