Skip to Content

Orientación

CHARLAS DO PLAN DIRECTOR PARA O ALUMNADO DA ESO

16/05/2019

Esta semana o alumnado da ESO participou no "Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos", da Consellería de Educación. Asistiu ás charlas sobre uso de novas tecnoloxías, drogas e alcohol, impartidas por persoas expertas das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Somos conscientes da necesidade de que o alumnado se forme o máis posible de cara ao seu desenvolvemento integral como persoas responsables tanto consigo mesmo como coa comunidade da que forman parte.

DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO

01/04/2019

Mañá, 2 de abril, é o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. O Departamento de Orientación e o grupo de Correspondentes Xuvenís, "as nosas anteas informativas",  sumáronse á campaña  de sensibilización  do colectivo de persoas con autismo e as súas familias, participando activamente nas diferentes actividades propostas. 

Destacamos especialmente a implicación de todo o profesorado e o alumnado do IES  que, baixo o lema elixido I ♾Autismo, participou compartindo un mix de infinitos xestos fotografados e recollidos nun  mural; así mesmo, dun xeito simbólico, as portas de entrada ao recinto están decoradas dun azul intenso, coa finalidade de visibilizar o noso compromiso coa inclusión e integración.

IES PORTO DO SON, I ♾Autismo.... infinito compartido por toda a comunidade educativa. Parabéns!!!!!

Este é o portal da Campaña, lede, informádevos!

 

 

VISITANDO A USC E OS CICLOS SUPERIORES (2018-19)

13/02/2019

Esta mañá o alumnado de Bacharelato visitou a USC e algúns dos ciclos que se ofrecen en Santiago. Antes pararon tamén en Noia, no IES Campo de San Alberto. Unha das actividades organizadas polo departamento de Orientación que pretenden abrir horizontes de formación.

 

 

 

 

O PROFESOR SUSO MONTERO FÁLANOS DA AULA MENTOR

23/11/2018

 

O profesor Suso Montero, docente do IES Campo de S. Alberto e administrador da Aula mentor de Noia, impartiu onte unha charla sobre  Aula Mentor ao alumnado do ciclo formativo Condución de Actividades Físco- Deportivas no Medio Natural.

Entre outros temas  explicou  como acceder a esa formación on-line, a oferta formativa clasificada por familias profesionais, centrándose nos que tiñan máis relación co perfil do alumnado destes estudos, o certificado ofical que  expide o Minsiterio de Educación e a Xunta de Galicia, o proceso de matriculación, o horario da aula e os datos de contacto no IES Campo de San Alberto.

Tamén se referiu aos cursos para profesorado recoñecidos pola Xunta a nivel de méritos (concursos de traslados, trienios, etc). Rematou, animando aos alumnos e alumnas a que complementaran a súa formación con estas ensinanzas non regradas. 

 

"CONTAMOS TODAS", CON TROPA DE TRAPO

23/11/2018

CONTAMOS TODAS é unha das actividades promovidas polo Fondo Galego de Cooperación que desenvolvemos no centro nesta semana no marco do Día Internacional contra a Violencia de Xénero en colaboración coa colaboración das áreas de Educación e Xuventude do Concello. O luns o alumnado de 1º de bacharelato asistiu a unha charla-debate con Pilar Díaz e Noemí Pedrós do Centro de Recuperación Integral de mulleres. Onte remataron os obradoiros de 3º ESO de Renacer, o alumnado de 4º de ESO, tivo moito que "contar" e "reflexionar con Tropa de Trapo.

Marta e Brais volveron ao centro. Cando veñen, tráennos as palabras, os contos, as miradas. E os seus silencios, que abren tempos para imaxinar. Imaxinar as avoas de Torneiro a termar dun soño, alí, no campo da escola unitaria baleira das voces dos nenos e as nenas, ollando para unha fileira de bicletas. Ou a Leymah Roberta Gbwee liderando un grupo de mulleres liberarianas que loitando, de forma non violenta, ata conseguir sentar os señores da guera na mesa dos acordos pola paz. Polos esforzos dese berro feminista Ellen Johson Sirlea acabaría sendo a presidenta de Liberia e a primeira muller presidenta en África. Recibiron o Premio Nobel da Paz no 2011

 

Os nosos mozos e mozas, e tamén os da asociación Ámbar que onte nos acompañaron, pensaron, falaron, discutiron sobre micro e macro machismos, sobre as formas de violencia contra a muller. Repensaron o mundo no que viven. Seguro que han de melloralo. 

Alí, dende a parede do salón, unha muller espida observa e sorrí.

 

RECIBINDO O ALUMNADO DE 1º DE ESO DO CURSO 2018-19

02/06/2018

Onte, dentro do plan de acollida, recibimos o que será o noso alumnado de 1º de ESO no curso 2018-19. Alégranos ver esas caras novas achegarse coa incertidume e a ilusión dunha nova etapa. Mostrámoslles o centro e, na biblio, o alumnado de 1º de ESO encargouse de contarlles as actividades nas que poderán participar!

NAVEGA CON RUMBO POLO CIBERESPAZO!

22/05/2018

O departamento de Orientación achéganos a recensión da actividade do Plan de Acción Titorial realizada este luns sobre o uso da rede:

"O alumnado de 2º de ESO aisitiu á charla Navega con Rumbo polo Ciberespazo, impartida polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Xunta de Galicia. Fíxose fincapé no uso responsable das novas tecnoloxías, en navegar con seguridade, evitanto o ciberacoso e outros riscos de Internet asociados tamén aos xogos en rede, de mosda nestas idades. Con esta finalidade, explicáronse unha serie de pautas como protexer a privacidade, empregar un antivirus actualizado, evitar contrasinais fáciles de adiviñar, manter o perfil privado nas redes sociais para evitar que descoñecidos accedan á información persoal e comentar cos pais e/ou profesores as situacións que resulten incómodas neste ámbito.

Agardamos que o noso alumnado teña moi en conta as orientacións e que navegue con tino pola rede."

 

 

"CRUZANDO A FRONTEIRA", VOCES PARA IRMANDAR FRONTEIRAS

08/05/2018

Esta mañá, Suso Montero, profesor no módulo de Educación de Adultos do IES Campo de San Alberto, presentou ao alumnado de 4º de ESO o documental Cruzar a fronteira, unha mirada necesaria sobre a emigración, unha mirada que parte do noso, do noso pasado, para comprender o presente e o futuro.

Procurando unha metodoloxía de ensino diferente da aplicada noutros niveis, este profesor comezou a participar co seu alumnado e cos seus compañeiros en proxectos europeos que mereceron recoñecemento a nivel nacional e internacional. Falamos por exemplo do proxecto Érase unha vez en Europa, co que recibiron unha mención da Comisión Europea ou de Faros e estacións, viaxe a Ítacaun traballo de investigación sobre as migracións realizado con centros de Portugal, Eslovenia, Croacia e Grecia, que foi galardoado co Premio Nacional Miguel Hernández, do Ministerio de Cultura, Educación e Deporte. Nesa "viaxe a Ítaca" Elaboraron un libro, un dicionario con léxico para sobrevivir no estranxeiro, unha guía pedagóxica... e o documental que hoxe puidemos ver.

As voces das súas alumnas e  dos seus alumnos, mesmo do profesorado implicado,  testemuñas vitais dese vagar en procura dun porvir esperanzador, non sempre fácil, apélannos, apelan ao alumnado.

Nada mellor que coñecer para desenvolver espírito crítico e autocrítico. Nada mellor que coñecer para transformar as sociedades, para avanzar construíndo a partir dos valores democráticos e do identitario.

Unha sesión ben aproveitada! Agradecemos a Suso que compartise connosco este proxecto!

Este é o podcast da entrevista que lles fixeron na RTVG:

 

 

NO CONGRESO DE INNOVACIÓN DE INNOVACIÓN NA FP

25/04/2018

O alumnado de 4º de ESO asistiu esta mañá na Cidade da Cultura ao Congreso de Innovación na Formación Profesional, FP Innova Galicia 2018. Un foro no que expoñer innovación, emprendemento, formación e empresa. Un escaparate da Formación Profesional en Galicia. Puideron ver en directo os 30 proxectos de innovación en tecnoloxías punteiras; 17 proxectos empresariais de miniempresas dentro do Plan de Emprendemento do Sistema Educativo (Eduemprende); obradoiros sobre robótica, 3D, electrónica, fabricación de drons, madeira, artes gráficas, estética, hostalaría ou industrias alimentarias.

Unha boa forma de aproximarse á Formación Profesional.

A actividade foi organiazada polo departamento de Orientación, dentro do Plan de Acción Titorial dirixido á orientación académica do alumnado. 

  

 

 

 

 

 

 

ENCONTROS NO CAMPUS DA USC

08/02/2018

Continuamos coas actividades programadas polo departamento de Orientación dentro do PAT. Esta mañá o alumnado de 1º e 2º de bacharelato asistiu aos Encontros no campus da USC. Trátase dunha máis das iniciativas levadas a cabo para axudar o alumnado na toma de decisisóns para o seu futuro. Na imaxe, asisten á presentación no Salón Magno da Facultade de Medicina.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut