Skip to Content

"CRUZANDO A FRONTEIRA", VOCES PARA IRMANDAR FRONTEIRAS

08/05/2018

Esta mañá, Suso Montero, profesor no módulo de Educación de Adultos do IES Campo de San Alberto, presentou ao alumnado de 4º de ESO o documental Cruzar a fronteira, unha mirada necesaria sobre a emigración, unha mirada que parte do noso, do noso pasado, para comprender o presente e o futuro.

Procurando unha metodoloxía de ensino diferente da aplicada noutros niveis, este profesor comezou a participar co seu alumnado e cos seus compañeiros en proxectos europeos que mereceron recoñecemento a nivel nacional e internacional. Falamos por exemplo do proxecto Érase unha vez en Europa, co que recibiron unha mención da Comisión Europea ou de Faros e estacións, viaxe a Ítacaun traballo de investigación sobre as migracións realizado con centros de Portugal, Eslovenia, Croacia e Grecia, que foi galardoado co Premio Nacional Miguel Hernández, do Ministerio de Cultura, Educación e Deporte. Nesa "viaxe a Ítaca" Elaboraron un libro, un dicionario con léxico para sobrevivir no estranxeiro, unha guía pedagóxica... e o documental que hoxe puidemos ver.

As voces das súas alumnas e  dos seus alumnos, mesmo do profesorado implicado,  testemuñas vitais dese vagar en procura dun porvir esperanzador, non sempre fácil, apélannos, apelan ao alumnado.

Nada mellor que coñecer para desenvolver espírito crítico e autocrítico. Nada mellor que coñecer para transformar as sociedades, para avanzar construíndo a partir dos valores democráticos e do identitario.

Unha sesión ben aproveitada! Agradecemos a Suso que compartise connosco este proxecto!

Este é o podcast da entrevista que lles fixeron na RTVG:

 

 



story | by Dr. Radut