Skip to Content

Orientación

CONVIVENCIA E RELACIÓNS SOCIAIS CO PROGRAMA QUÉROTE

18/01/2018

Esta mañá, Paula Fernández Rico, do servizo Quérote+, achegado aos centros pola Consellaría de Xuventude, traballou co alumnado de 3º de ESO o tema da CONVIVENCIA E AS RELACIÓNS SOCIAIS. A actividade forma parte do Plan de Acción Titorial e, este curso, enmárcase tamén no tema interdisciplinar do centro: A COMUNICACIÓN.

A xestión das relacións sociais, o traballo dos valores que constrúen unha sociedade xusta, o desenvolvemento de destrezas para vivir no pequeno e gran grupo, a toma de decisións... Unha formación sempre necesaria! Continuaremos favorecendo que o noso alumnado aproveite os recursos públicos que poden acompañar a súa aprendizaxe académica e persoal.

ADICCIÓNS E DROGODEPENDENCIA COA ASOCIACIÓN RENACER

11/01/2018

Esta semana os alumnos de1º, 2º e 3º de ESO, dentro do Plan de Acción Titorial planificado polo departamento de Orientación, participaron nunhas charlas sobre adiccóns e drogodependencias, impartidas pola Asociación Antidroga Renacer de Ribeira. A temática tratada cos alumnos e alumnas de 1º xirou en torno ás Novas Tecnoloxías, incidindo no seu uso responsable en todos os ámbito. En 2º, desenvolveuse o tema de Tabaco, alcohol e cannabis así como as habilidades para a vida orientando o alumnado de cara a non ceder á presión do grupo e saber dicir "non" ante o consumo destas substancias.

Co alumnado de 4º de ESO, tratouse O uso e o abuso das drogas, expoñendo as diferenzas entre estas dúas accións. Definiuse o que é unha droga, falouse da súa clasificación e dos estados no seu consumo: tolerancia, dependencia e abstinencia. Para apoiar as explicacións mostráronse dous vídeos, entre eles a curta de animación "Nuggets”, que trata o tema do proceso aditivo dunha maneira especial e que gustou moito ao alumnado. Tamén houbo tempo para coñecer as partes nas que se divide o noso cerebro e como reaccionan ante o consumo de diferentes tipos de drogas, así como para falar sobre as adicións sen substancias (como poden ser as apostas).

 

DÍA INTERNACIONAL DO VOLUNTARIADO

12/12/2017

O día 5 de decembro, co motivo do Día Internacional do Voluntariado, o equipo de correspondentes xuvenís deu a coñecer o seu traballo ao resto da comunidade educativa cunha mesa informativa situada na entrada principal do IES PORTO DO SON. Os correspondentes interactuaron co resto do alumnado funcionando como antenas informativas. Esta actividade foi promovida pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) en colaboración co Departamento de Orientación (Correspondentes xuvenís). 

Seguimos cos temas da Comunicación e a Convivencia! Grazas chic@s pola vosa implicación!!!!

 

CON PILAR DÍAZ BURGOS, EDUCAR PARA ATALLAR A VIOLENCIA "INVISIBLE"

10/12/2017

O alumnado de 4º da ESO tivo a oportunidade de asistir a unha charla sobre consecuencias da violencia de xénero, impartida por Pilar Díaz Burgos, técnica en violencia de xénero e traballadora no Centro de Recuperación Integral (CRI). Esta actividade foi promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade en colaboración cos Servizos Sociais do Concello e do Departamento de Orientación. 

A relatora expuso conceptos básicos coa finalidade de difundir sinais que permitan detectar novas formas de violencia invisible na mocidade. Mostrounos diferentes campañas de sensibilización. E, como non, subliñou a importancia da educación, eixe fundamental para reeducar as novas xeracións. 

 

Neste programa da RTVG podedes escoitala:

EDUCACIÓN AFECTIVO-SEXUAL CON FARAXA

29/11/2017

Esta semana desenvolvemos algunhas das actividades arredor da educación afectivo-sexual que se enmarcan no Plan de Acción Titorial. Delas forman parte as charlas impartidas pola asociación Faraxa, dentro do seu plan de servizos educativos. A organización foi a seguinte:

1º de ESO: Educación afectivo-sexual.

2º de ESO: Desigualdades e violencias cotiás vinculadas ao xénero.

3º de ESO: Educación para a saúde. Enfermidades de transmisión sexual e métodos de protección.

 

A COMUNICACIÓN: LINGUAXE DE SIGNOS NO IES

27/10/2017 19:13

O alumnado de 1º de ESO tivo esta semana unha lección especial de lingua castelá. Rocío, a nosa compañeira do departamento de Orientación, ensinoulles como comunicarse coas mans. Podedes ver a entrada no blog da biblio.

 

Benvida ao alumnado do próximo curso e ás familias

31/05/2017 18:35

O luns foi xornada de benvida. Pola mañá recibimos o alumnado de 6º de primaria que o próximo curso virá para o instituto. Explicámoslles o funcionamento do centro e o que será a nova etapa educativa que comezarán en setembro. Logo mostrámoslles o centro: dende o salón de actos acompañámolos á biblioteca, ás aulas comúns e ás aulas específicas, á Sala Perseveira...

Pola tarde, foron as familias as que estiveron connosco. O próximo curso pertencerán xa á comunidade educativa do IES de Porto do Son!

SEMINARIO DE CONVIVENVIA CON ELOÍSA TEIJEIRA

11/05/2017 11:05

Unha parte do claustro asistiu onte á sesión de formación do Seminario de Convivencia impartida por Eloísa Teijeira. Foi unha desas interesantísimas e útiles sesións que o profesorado pode recibir a través do servizo de formación que nos facilita o CAFI a aqueles centros que desenvolven Seminarios de Formación. Recibila no centro, un luxo.

Actualmente membro do servizo de Orientación da Consellería de Educación, foi docente e orientadora en diversos centros de Galicia, asesora do CFR de Vigo. É investigadora no ámbito da psicopedagoxía, experta en diversidade, metodoloxías para a inclusión e a convivencia e membro fundador da Asociación Convives, que promove a educación en positivo na escola. Recomendámosvos a inscrición na revista dixital que publican: Convives.  

Un amplo currículo para dar conta dunha muller que é quen de transmitir o entusiasmo pola educación. Falounos da convivencia nos centros nun sentido amplo, na responsabilidade que temos como docentes na súa xestión, no noso papel como guías para o alumnado, e, en moitos casos, para as familias, dos conflitos, dos retos que a sociedade non presenta...  Aportounos ferramentas para a revisión, elementos de reflexión e orientación nos camiños a seguir.

De seguro, unhas horas que han dar sementes e froitos. 

 

 

NAVEGA CON RUMBO

08/05/2017 22:49

Respondemos ás inquedanzas das familias: a rede, os móbiles, as redes sociais... Ben empregadas son ferramentas de aprendizaxe e de lecer. Mal empregadas son fonte de conflitos, de situacións desagradables, mesmo perigosas. De aí que, dende o departamento de Orientación e o equipo directivo decidimos dar resposta a estar necesidade de formación coas charlas  NAVEGA CON RUMBO, para o alumnado e para nais e pais . Trátase dun programa do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coa Xunta de Galicia que ten como obxectivo a concienciación no uso responsable das tecnoloxías.

A actividade vén complementar outras iniciativas que se levan a cabo nas aulas. 

XORNADA DE ORIENTACIÓN ACADÉMICA

02/04/2017 09:38

Despois das avaliacións, vén un tempo de aprendizaxe diferente, o da Semana Cultural. Inaugurouse coa I Xornada de Orientación, na que contamos con exalumnos e o decano da facultade de Bioloxía, Antonio Segura. Foi un pracer ir escoitando os mozos e mozas compartían a súa experiecia académica e laboral co alumnado que agora está na etapa de decidir o seu futuro. O complemento a esa aprendizaxe-servizo foi a intervención de Juan Tarrío -antigo alumno do centro e brillante estudante de Química-  e Antonio Segura, nunha charla para o alumnado e as familias sobre os servizos da USC.

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut