Skip to Content

PREPARÁNDONOS PARA O ENTROIDO

Esta semana estámonos a preparar para recibir o Entroido como se merece. De momento, andamos moi atarefados intentando cumprir as ordes da Meca ou Meco (non nos importa o xénero).
O venres poñeremos o mundo do revés e faremos unha boa festa de Entroido. De feito,  Galicia nunca renunciou a celebrar esta festa incluso cando estivo prohibida. E nós tampouco renunciaremos:

  • a descubrir as orixes desta festa ancestral.
  • a coñecer os diferentes ritos que se manteñen vivos en moitas localidades galegas.
  • a aprender a rirnos de nós mesmas e a trocar o estado das cousas.
  • a degustar algún dos doces típicos desta festividade.

PLASTIQUINA CHEGA AO NOSO CENTRO

Hoxe tivemos unha visita moi especial. A Concelleira de Educación, Pilar Casas, fíxonos a entrega de Plastiquina, a moneca embaixadora do Proxecto Desplastifícate.

Este proxecto xurdiu no grupo do traballo sobre Desenvolvemento Sostenible no XXXI Encontro das Escolas Asociadas da UNESCO (Benidorm, xullo de 2018) coa finalidade de traballar no problema da contaminación por plásticos.

A contaminación por plásticos, a pesar de ser recente, ten un peso indiscutible sobre o planeta e a súa produción estivo aumentando sostenidamente nos últimos 50 anos, mentres que a súa reciclaxe non vai á vez. No mundo soamente unha fracción dos plásticos descartados recíclase, e segundo un novo informe de ONU Medio Ambiente, si continuamos así, a produción de plástico non só crecerá, senón que se duplicará nas próximas décadas.

III Feira de ensinanzas profesionais e artísticas

Un ano máis o noso alumnado  acudiu a esta feira profesional organizada en Ponteareas. Os grupos de 4º da ESO e FPB realizaron unha visita polos diferentes postos para descubrir opcións profesionais diversas que lles poidan ir axudando a perfilar o seu futuro.
 
Por outra banda, o alumnado de ciclo medio do IES tamén participou na feira presentando o seu ciclo medio (Sistemas microinformáticos e redes) e as actividades que levan a cabo. A xestión do posto e o contacto con outro alumnado interesado foi unha experiencia enriquecedora para eles.
 
 

DÍA DA PAZ

O día 30 de xaneiro celebramos o Día Escolar da Non-Violencia e a Paz (DENIP). Esta xornada foi fundada no 1964 polo poeta Llorenç Vidal, quen elixiu a data do 30 de xaneiro por ser a coincidente coa morte de Mahatma Gandhi, líder nacional e espiritual da India. Esta é unha iniciativa educativa non-violenta e pacificadora que defende e promulga unha educación baseada na concordancia, na tolerancia e na paz.


O noso centro, a iniciativa das Escola Asociadas da UNESCO de Galicia dedicamos este día á figura de Isabel Zendal, recoñecida pola OMS no 1950 como a 1ª enfermeira da historia en misión humanitaria internacional.


Por isto,  nun acto celebrado no patio do instituto homenaxeamos a Isabel Zendal, persoa clave para conseguir erradicar a enfermidade da varíola.

O SERODIO DECEMBRO DE 2019

Ve a luz un número máis da revista de toda a comunidade educativa do I.E.S. Pazo da mercé. Como o seu nome indica, sae tarde, ao final de cada trimestre e este ano case enriba das datas das vacacións do inverno.


Dende a Dirección e o EDLG, queremos agradecer a participación de todos e todas as colaboradoras que fixeron posible este novo número. Adoitamos imprimir 300 exemplares e están á vosa disposición nunha mesa fronte á Conserxería do centro totalmente gratuita, aínda que facela realidade ten o seu custe económico que minimizamos grazas ao voluntarismo dos e das colaboradores e colaboradoras.


No segundo trimestre sairá outro número. Rogamos a toda a comunidade educativa que faga as súas aportacións e sinta esta revista como súa.

Adiante co Galego! Sempre en Galego!

XORNADA SOBRE A COMPOSTAXE

O 9 de xaneiro, nada máis volver das vacacións de Nadal, pasamos unha boa parte da mañá atendendo as explicacións que Marcelo, técnico especialista de Revitaliza, nos dou ao alumnado novo no Centro sobre a compostaxe. Asistimos o alumnado de todo o 1º de ESO, 1º de FPB e 1º de Ciclo, co correspondente profesorado. Esta interesante xornada tivo varias quendas, mais todas elas cunha estrutura idéntica en dúas partes: unha primeira, celebrada en Usos Múltiples,  onde a través dun audiovisual se nos introduciu nos aspectos básicos da compostaxe; e unha segunda, na que, dende o propio composteiro que temos no Instituto, se visualizou na práctica as ideas e contidos impartidos.


Estimamos que debemos, a través de prácticas tan oportunas como a da compostaxe, contribuír a coidar a natureza. Estamos protexendo o medio ambiente con iso!

Distribuir contido


by Dr. Radut