Skip to Content

Escolares

8M, SCAPE ROOM POLAS MULLERES

Actividade ben bonita a que tivo esta semana o noso alumnado de 2º ESO co gallo do Día Internacional da muller: un scape room centrado nelas. Isabel Zendal, Agatha Christie, Valentina Tereshkova… foron protagonistas neste xogo de pistas (auditivas, musicais, matemáticas, de lóxica…) que lle permitiron á nosa rapazada ir abrindo cofres, “críptex”, figuras… ata chegar ao final. Xogo divertido, á vez que moi didáctico e pedagóxico. Grazas á Concellaría de Educación por ofrecérnolo.
 
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE

8M, "INSUBMISAS"

Dentro da programación do Día Internacional da Muller e grazas á Concellaría de Educación de Ourense, o alumnado de 1º BAC asistiu hoxe no Auditorio á representación teatral de Insubmisas, montaxe baseada nun texto de Jose Vaquero, inspirado na personaxe mitolóxica de Medea.
A peza xoga coa estrutura clásica do "agón", o combate verbal que vertebra as grandes traxedias da Grecia clásica, e con ela preténdese "construír unha reflexión sobre un dos mecanismos de control máis insidiosos do patriarcado: a reconstrución do relato".
Magnífica peza na que o noso alumnado se viu na obriga de pensar, de reflexionar sobre unha cuestión que latexaba de fondo: pode ser libre unha muller se a súa historia é escrita por homes?
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE

ENTROIDO

 
Remataron as comandas da nosa parella de mecos Barbie e chegou a celebración do Entroido no IES Otero Pedrayo!
Un ano máis, os amigos e amigas do Centro Interxeracional da Farixa acompañáronnos no festexo, integrándose nas comparsas de 4º ESO, participando de xurado e tamén de público. No Otero sabemos que o traballo en conxunto é o mellor antídoto contra toda esa serie de prexuízos relacionados coa idade. Un ano máis dicimos: "Fóra idadismos!"
Pero iso non foi todo... Co obxectivo de darlle a coñecer ao alumnado as figuras do noso Entroido máis tradicional, este ano visitou o centro... un FELO de Maceda! O felo percorreu as aulas do Otero Pedrayo co seu tocar de chocas, meténdose coa rapazada e chamándoa á festa; tamén nos acompañou no desfile. Grazas á Asociación de Felos da Corga da Serra por conservar e espallar esta tradición tan rica da nosa terra.
Polo demais, moita, moita música, baile e diversión:
- Batalla de coreografías de 1º BAC, cun nivelón fóra de serie. 1º BAC A, B, C, D, E e F pelexaron polo tan prezado 1º posto nun concurso de baile que nos deixou a todos coa boca aberta...
- Na ESO non baixou o listón! Un ano máis, TODOS os grupo de todos os niveis da ESO (15, nada menos!) participaron no desfile-concurso escollendo un disfraz para a clase, unha presentación e unha coreografía, con todo o que iso implica de negociación, cesións, empatía etc. Todo un éxito que se reflectiu na pista.
- E aínda quedaba unha última sorpresa: a córeo grupal de toda a ESO máis profesorado, capitaneada por Xiana Gómez, de 2º BAC. Profes e alumnos bailando, compartindo, disfrutando e tecendo lazos máis estreitos. De verdade que foi espectacular.
Dicía Anxo Cid, profe de EF, que o mantemento das dinámicas cooperativas no centro son sinónimo de boa convivencia e bo funcionamento. Así o cremos e por ese traballo en equipo apostamos e seguiremos apostando.
Grazas Anxo, grazas Eduardo Iglesias, grazas Pablo Fernández (dpto. EF) pola perfección do voso traballo.
 
 
 
 

PROSTITUCIÓN E TRATA

Onte pola tarde, tivemos no Paraninfo a última das actividades enmarcadas dentro da programación do 25N, Día contra a violencia cara a muller: unha charla sobre prostitución e trata, centrada na cidade de Ourense.
Grazas ao programa de innovación Educativa Plan Proxecta "Por 365 dÍas de respecto e igualdade" por ofrecernos este tipo de formación.
Grazas ao programa Alumar, de Cáritas, por materializalo.
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE

TEATRO INTERXERACIONAL

Dentro do Programa de innovación Inclúe-T , o Otero Pedrayo participou no grupo de teatro interxeracional, canda a Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES), o Centro interxeracional da Farixa e Carmelitas.
Gustaríanos facer un agradecemento especial a Pablo, monitor de teatro de Carmelitas, que trasladou as súas aulas ao centro interxeracional para acoller a todos os participantes.
Como punto final deste proxecto, onte puidemos gozar de "Gato negro, gato blanco", representación teatral baseada nun valor fundamental: a igualdade. Magnífico traballo!

 

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

MOMO

O grupo de teatro do Otero Pedrayo estreaba este luns unha adaptación do clásico de Michael Ende, Momo. Que marabilla de función! Canta traballo hai por tras! Que magnífico estivo o noso alumnado. Que sorte ten o Otero Pedrayo de poder contar coa nosa Lele, profesional brillante e persoa que desprende luz.
 
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

MOZAS NA REDE

O pasado venres, a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella e o Delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistían no Paraninfo do Otero Pedrayo á función de peche da obra teatral didáctica "Mozas na rede", a través do programa de innovación educativa Proxecta "Por 365 días de respecto e igualdade".
A sempre marabillosa Estíbaliz Veiga presentounos catro historias baseadas en feitos reais e unha quinta de autoficción, vivida por ela mesma, centradas no grooming ou ciberacoso.
Canto nos fixo reflexionar! Que formato tan acaído para chegar á rapazada! Quedamos con ganas de máis...
Agora o traballo segue nas horas de titoría. Todo é pouco.
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

PROSTITUCIÓN E TRATA

A pasada semana, o alumnado da ESO do Otero Pedrayo recíbia no Paraninfo do noso centro unha charla tan dura como necesaria sobre a gran lacra da prostitución e a trata que, aínda non tan visible como no pasado, segue a padecer a nosa sociedade.
Ese mesmo día da conferencia, pola tarde, saltaba a nova de que a Policía Nacional desartellaba na rúa Bonhome, aquí ao ladiño mesmo do noso centro, unha rede que explotaba sexualmente a mulleres nun piso de citas.
Que sentimento de tristeza e desolación nos invadiu... Que terrible pode chegar a ser a realidade... Que necesario é coñecer esta realidade para poder combatela...
Grazas a Alumar, rede galega contra a trata, por facelo posible. Grazas, tamén, pola exposición que aínda hoxe loce no noso patio.

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

"TI SI QUE ES UN BO PEIXE"

A través do Plan Proxecta de Innovación Educativa "Aliméntate ben", puido o noso alumnado gozar dunha charla ben interesante sobre o mundo do mar. Dun xeito moi ameno e entretido, con baile incluído, coñeceron tipos de embarcacións, artes de pesca, e multitude de peixes que viven nas augas mariñas... Moi interesante!

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

ENTROIDO INTERXERACIONAL

E chegou o día grande de Entroido no IES Otero Pedrayo! Se esta data é xa para festexar, este ano foi por partida dobre xa que, por fin, puidemos retomar esta actividade tan bonita como é o Entroido interxeracional.
Persoas maiores do Centro Interxeracional da Farixa integráronse nas comparsas do noso alumnado da ESO e o resultado non puido ser máis enriquecedor. Prepararon o disfraz xuntos, o desfile e a coreografía para o concurso que hoxe pola mañá se celebrou no exterior do noso instituto. Porque sabemos que a convivencia e o traballo en conxunto é o mellor antídoto contra toda esa serie de prexuizos relacionados coa idade. Fóra idadismos!
Toda a xornada foi de maxia, alegría e música. Participaron todos os grupos da ESO e 1º BAC; puidemos ver a rockeiros, "playeros" ou futboleiros; asistimos a unha misa cun atraco final, fomos de enterro da sardiña, trasladámonos a Grecia e tamén aos anos 20; non faltou a festa de pixamas, os clásicos piratas ou os vaqueiros e vaqueiras do Oeste. E moito, moito máis.
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.
Distribuir contido


by Dr. Radut