Skip to Content

ENTROIDO

 
Remataron as comandas da nosa parella de mecos Barbie e chegou a celebración do Entroido no IES Otero Pedrayo!
Un ano máis, os amigos e amigas do Centro Interxeracional da Farixa acompañáronnos no festexo, integrándose nas comparsas de 4º ESO, participando de xurado e tamén de público. No Otero sabemos que o traballo en conxunto é o mellor antídoto contra toda esa serie de prexuízos relacionados coa idade. Un ano máis dicimos: "Fóra idadismos!"
Pero iso non foi todo... Co obxectivo de darlle a coñecer ao alumnado as figuras do noso Entroido máis tradicional, este ano visitou o centro... un FELO de Maceda! O felo percorreu as aulas do Otero Pedrayo co seu tocar de chocas, meténdose coa rapazada e chamándoa á festa; tamén nos acompañou no desfile. Grazas á Asociación de Felos da Corga da Serra por conservar e espallar esta tradición tan rica da nosa terra.
Polo demais, moita, moita música, baile e diversión:
- Batalla de coreografías de 1º BAC, cun nivelón fóra de serie. 1º BAC A, B, C, D, E e F pelexaron polo tan prezado 1º posto nun concurso de baile que nos deixou a todos coa boca aberta...
- Na ESO non baixou o listón! Un ano máis, TODOS os grupo de todos os niveis da ESO (15, nada menos!) participaron no desfile-concurso escollendo un disfraz para a clase, unha presentación e unha coreografía, con todo o que iso implica de negociación, cesións, empatía etc. Todo un éxito que se reflectiu na pista.
- E aínda quedaba unha última sorpresa: a córeo grupal de toda a ESO máis profesorado, capitaneada por Xiana Gómez, de 2º BAC. Profes e alumnos bailando, compartindo, disfrutando e tecendo lazos máis estreitos. De verdade que foi espectacular.
Dicía Anxo Cid, profe de EF, que o mantemento das dinámicas cooperativas no centro son sinónimo de boa convivencia e bo funcionamento. Así o cremos e por ese traballo en equipo apostamos e seguiremos apostando.
Grazas Anxo, grazas Eduardo Iglesias, grazas Pablo Fernández (dpto. EF) pola perfección do voso traballo.
 
 
 
 



story | by Dr. Radut