Actividades

Actividades do centro / Alumnos

Iniciación á robótica e impresión 3D

Codeweek

Do 13 ao 19 de outubro tivo lugar no IES de Monterroso, nos grupos de 1º de Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes e 2º de FP Básica de Informática de Oficina, a actividade Codeweek.

Actividade integrada na iniciativa europea #CodeWeek (9 a 24 outubro de 2021) a semana europea da programación, na que tentamos achegar o pensamento computacional para a resolución de problemas mediante a realización dun proxecto de robótica básico e aplicación práctica da impresión 3D.


As/Os estudantes realizaron un proxecto paso a paso (desde a lóxica ata a implementación) para construir unha barreira activada mediante sensores de presenza empregando ARDUINO, actuadores e sensores.

A impresión de certos elementos coa impresora 3D permitu aos estudantes coñecer esta tecnoloxía e o seu emprego práctico.

https://codeweek.eu/view/375212/iniciacion-a-la-robotica-y-3d
https://codeweek.eu/

Actividade de Blindaxe Sport

Este mércores 18 de novembro tivo lugar ás 9:00 unha charla dirixida a Ciclo Medio e Formación Profesional Básica sobre o emprendemento. O poñente, Simón Cabarcos, da empresa Blindaxe Sport S.L. [https://www.blindaxe.com] explicou como emprendeu dende os inicios ata hoxe.

Simón Cabarcos, foi futbolista e actualmente é emprendedor. Fundou a súa empresa adicada á fabricación de proteccións de fibra de carbono hai máis de 10 anos. A idea era innovadora: Facer proteccións cómodas de fibra de carbono que ata ese momento non facía ningunha empresa.

Coñecendo o mundo do deporte e o proceso de fabricación con fibra de carbono, logrou posicionarse no sector de xeito notable. Tanto é así, que a súa pequena empresa situada en As Pontes, surte a futbolistas de primeira división e deportistas ao redor de todo o mundo sendo unha referencia galega a nivel mundial.

Os estudantes tiveron oportunidade de preguntar, a través de videochamada co poñente, as súas inquedanzas tanto sobre a empresa, o funcionamento, fabricación e cuestións relacionadas co emprendemento.

A través de este caso de éxito, os estudantes puideron coñecer de primeira man aspectos importantes a ter en conta de cara a montar unha empresa.

A actividade foi organizada a través de eduemprende [http://www.edu.xunta.gal/fp/eduemprende].

A realización de actividades por videochamada ven a tratar de suplir as dificultades de organización das mesmas neste curso no contexto da pandemia do COVID19.

Teatro Grecolatino

Conforme vén sendo habitual, o alumnado de latín, grego e cultura clásica  acudiu  un ano máis  ao Festival  de Teatro Grecolatino celebrado en Lugo, para asistir á representación da traxedia  “Coéforas” de  Esquilo  e da comedia “Gurgullo” de Plauto, interpretadas, nesta ocasión, polo grupo In Albis Teatro do I.E.S. Fuente Nueva de Morón de la Frontera.

EXPOSICIÓN DE TRABALLOS INSPIRADOS NA OBRA DE LOUISE BOURGEOIS

Dentro do proxecto "Mulleres na sombra", o alumnado de Artes Plásticas realizou uns traballos tomando como modelo a obra da artista Louise Bourgeois e reciclando lámpadas usadas. Ditos traballos atópanse expostos no vestíbulo do centro.

En Lugo con María Solar

O 22.01.2020 o alumnado de 3º acudiu a Lugo para asistir a unha xuntanza coa escritora María Solar, tras a lectura da súa interesante novela Os nenos da varíola.

 

A autora describiunos o seu roteiro vital, inzado de aprendizaxes diversas e de experiencias que lle foron saíndo ao paso, oportunidades que non desaproveitou e das que botou man para crecer como escritora. María, bióloga; María, xornalista; María, actriz de dobraxe; María, mestra; María, presentadora de televisión; María, locutora de radio; María, coordinadora de programas culturais… todo serve na vida e todo obedece a unha inquedanza: a curiosidade incansábel de quen quere aprender.

 

Os nenos da varíola ten a súa orixe nun afán de rescate: a memoria de Isabel Zendal e, sobre todo, dos meniños expósitos que levaron a vacina ao Novo Mundo para salvar vidas. O libro é unha homenaxe á ciencia e ás persoas que abren camiños para unha sociedade mellor, fronte á intolerancia de quen se aferra á ignornacia; un intento por resarcir do esquecemento aquelas persoas das que ela non soubo nada durante os seus estudos de Bioloxía, malia seren persoas galegas e pese á proximidade dos lugares nos que viviron: o Hospital Real, na actualidade hotel de cinco estrelas para xente podente, que aínda hoxe conserva a portiña pola que aqueles cativos de antano entraban a través dun torno.

María Solar, todo corazón

EXPOSICIÓN DE TRABALLOS SOBRE SONIA DELAUNAY

Desde o día 8 de xaneiro pódese ver na entrada do instituto unha exposición de traballos realizados polo alumnado de plástica sobre a artista Sonia Delaunay. Dita exposición está incluída no proxecto interdisciplinar "Mulleres na sombra".

ACTIVIDADES DE NADAL 2020

O venres 20 de decembro desenvolvéronse diferentes actividades como antesala das vacacións de Nadal.

Contamos coa actuación de Mircromina títeres, patrocinada pola ANPA do instituto, á que asistíu o alumnado da ESO.

A continuación disfrutamos dunha actuación musical organizada polo departamento de Música.

VISITA Á POTABILIZADORA E DEPURADORA DO CONCELLO

O pasado xoves 5 de decembro de 2019 o alumnado de 1º da ESO do IES de Monterroso visitou a potabilizadora e depuradora do concello.

     

 

VÍDEO DE PRESENTACIÓN DO CENTRO. PROXECTO ETWINNING.

A continuación podedes ver o vídeo seleccionado entre varios realizados por alumnos de 1º de Ciclo Medio e 1º de FP Básica para a presentación do noso centro no proxecto eTwinning no que están a participar

“Letras Galegas 2020. Ricardo Carvalho Calero” nos módulos de "Aplicacións Ofimáticas" e "Ofimática e Arquivamento de documentos" ao longo deste curso.

 

O vídeo foi realizado por Georgi, alumno de 1º de Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes.

 

EXPOSICIÓN DE TRABALLOS

No recibidor no instituto podemos ver unha exposición de traballos realizados polo alumnado de 2º ESO A na clase de Tecnoloxía. 

Distribuir contido