O concello de dOdro organiza unha xornada divulgativa e ruta guíada sobre Etnomedicina e sabedoría tradicional a cargo de Maria Moure de Oteyza, autora do traballo "María das Herbas e Herbareixeiras do Caurel", licenciada en farmacia e experta en plantas medicinais, que terá lugar o domingo 4 de decembro, ás 11.00 horas na Casa da Cultura de Dodro.
Esta actuación, coa que o Concello de Dodro colabora, enmárcase no proxecto multidisciplinar A OLLADA DE GUSTAV, apoiado pola liña de axudas "Territorio cultura" da Xunta de Galicia aplicando Fondos Next Generation da UE.
Proxecto inspirado na figura de Gustav Henningsen, folklorista e antropólogo danés que, entre os anos 1965 e 1968, visitou Galicia para estudar as prácticas utilizadas polo campesiñado galego para conxurar e combater conflitos e andazos que aqueixan a vida das persoas, do seu gando e das colleitas. Remedios que as xentes do rural galego usaban e que contrastaban cos aplicados pola medicina e a veterinaria oficiais (científica e urbanas). Gustav Heningsen procuraba coñecer a dimensión máxica de "expertos" e curandeiras. O seu traballo nos anos sesenta é unha das máis reveladoras intervencións feitas sobre o noso acervo cultural.