PDC (proxecto deportivo de centro) - CENTROS ACTIVOS E SAUDABLES

DESPRAZAMENTOS ACTIVOS

 Continuamos fomentando a vida saudable a través do deporte dentro do programa MOVE-T en colaboración coa piscina municipal de Rianxo. Neste caso, ao longo de dúas semanas estamos realizando desprazamentos activos en todas as sesións de E. física, desde 1º de Primaria ata 4º da ESO.

De 6 a 12 anos: 1600m

De 12 a 18 anos: 2400m.

Reducir o sedentarismo aumentando a práctica deportiva e adquirir hábitos saudables co obxectivo de crear unha escola saudable a longo prazo.

    

Despois de pegar os carteis poñémonos en marcha coa tarefa.

Estade moi atentos porque ao rematar este apartado invítannos a participar doutras actividades nas súas instalacións en Rianxo.

SAÚDE BUCODENTAL

O venres 13 de decembro  Vanessa e Eva, traballadoras da clínica dental Mares en Taragoña, viñeron ao cole para explicar ao alumnado de 1º e 2º  de Primaria como se realiza unha boa hixiene bucodental. Ademáis diso faláronnos sobre as partes do dente e contáronnos moitas curiosidades relacionadas coa boca, por exemplo: o peixe gato ten 9280 dentes, o tiburón balea ten máis de 4500, canto traballiño para o ratiño Pérez!

Sabías que o mosquito tamén ten dentes?

 

 

Para facer a práctica agasalláronnos cun estoxo cos útiles de aseo diario.

Moitísimas grazas á clínica dental Mares por este labor de difusión da hixiene e a saúde. 

VIDA ACTIVA

Ao longo destas dúas semanas sacamos tempo para saír a correr por fóra, cada quen ao seu ritmo, uns andando e outro correndo. Aquí nos vedes preparados para o inicio.

 

E aquí unha captura do percorrido realizado

  

 

Grazas a todo o alumnado e profesorado de Primaria por estas xornadas deportivas.

HÁBITOS DE VIDA ACTIVA

Este curso o cole continúa como promotor e dinamizador da vida activa e saudable. Hoxe todo o alumnado de primaria saiu 20 minutos a correr no patio e faremos así ao longo destas dúas semanas. O obxectivo final é conseguir que tod@s sexamos quen de percorrer unha distancia de 1600m. Pouco a pouco, cada quen na medida das súas posibilidades, uns correndo e outros andando, acabaremos conseguíndoo.

 No segundo trimestre enriqueceremos esta actividade cun circuito de actividades en colaboración co persoal da Piscina Municipal de Rianxo.

Ánimo chic@s!

 

 

 

 

Uns estiramentos finais para evitar as maniotas de mañá. Guay

12 NOVEMBRO, DÍA MUNDIAL CONTRA A OBESIDADE

Hoxe 12 de novembro día mundial contra a obesidade, tivemos connosco a Óscar e a Jose, director e técnico deportivo da piscina municipal de Rianxo. O alumnado de ESO, 5º e 6º de Primaria asistiu a unha interesante charla sobre hábitos de vida saudables e aspectos como: diferencias entre nutrición e alimentación, concepto de dieta, pautas de alimentación segundo as actividades a desenvolver,  a necesidade de hidratarse, a relación entre nutrición e actividade física, ... conceptos que xa nos soan das clases de CCNN e de E. Física pero que sempre convén lembrar. Tamén nos adiantaron que para a semana que vén levaremos á práctica un circuito saudable diario. Xa nos está tardando!

Mágoa que as dificultades técnicas nos impediran visualizar a presentación que traían preparada, pero o bo facer destes compañeiros deron como resultado unha charla amena e produtiva.

 

A continuación, todo o alumnado do CPI participou nunha actividade organizada polos mesmos monitores dentro do programa MOVE-T:HÁBITOS DE VIDA SAUDABLES. Os maiores fixemos un circuito que nos fixo reflexionar sobre os contidos da charla e os máis pequenos participamos nunha sesión de movemento con música dirixidos por Carmen.

Velaquí nos tendes en distintos momentos da xornada.

 

 

Agradecemos á piscina municipal de Rianxo a  oferta desta actividade. Estaremos pendentes de novas propostas!

DÍA MUNDIAL CONTRA A OBESIDADE

O vindeiro martes 12 de novembro lembraremos o día mundial contra a obesidade, unha lacra dos nosos tempos. Por este motivo imos organizar unha actividade saudable en colaboración coa piscina municipal de Rianxo. Lembrade traer roupa e calzado deportivos.

Déixovos un enlace informativo. Tomade nota dos consellos. 

 

UXÍO ABUIN. CONSTANCIA, ESFORZO E SACRIFICIO

Hoxe gozamos coa presenza no noso cole dun dos deportistas máis recoñecidos do noso Concello: o triatleta Uxío Abuin, que ademáis de contarnos a súa traxectoria  e as súas experiencias por todo o mundo falounos tamén dos beneficios da práctica deportiva e animounos a correr, nadar e andar en bici TODOS OS DÍAS!

 

 

Deixámosvos o enlace á súa web onde podedes ver o  palmarés, fotos, videos,... do noso atleta internacional, que leva a Dodro por todo o mundo.

Moitas grazas, Uxío, por acompañarnos e animarnos a practicar deporte.

PRESENTACIÓN

Este curso retomamos o PDC (Proxecto Deportivo de Centro).

A nosa idea é que o cole sexa dinamizador e promotor de hábitos de vida activa e saudable co obxectivo final de loitar contra o sedentarismo creando hábitos que perduren fóra do centro e ao longo de toda a vida.

 

 Os obxectivos específicos son os seguintes:

  • Dinamizar e promover  hábitos de vida activa e saudable, rentabilizando os recursos existentes no seu ámbito de influencia (públicos e privados).
  • Incrementar no centro educativo a práctica de actividade física, exercicio físico e deporte.
  • Valorar a condición física para a saúde do alumnado como método de avaliación e seguimento  das accións propostas dentro do programa, tanto neste curso escolar coma nos vindeiros anos.
  • Dar a coñecer á comunidade educativa, a través da web do centro  de todas as accións que se realizan no marco da participación neste programa e como medio dinamizador dos obxectivos do mesmo.
  • Loitar contra o sedentarismo e os hábitos non saudables.

  • Traballar hábitos de vida saudable co alumnado participante.
  • Utilizar novas tecnoloxías para o seguimento da saúde (DAFIS)
  • Valorar a condición física para a saúde do alumnado a través dos test e probas propostos.

  • Traballar, en base os resultados obtidos, na mellora da condición fisica saudable, tanto de forma individual, como global (clase, centro educativo), do alumnado.

  • Traballar de forma transversal os contidos de actividade física diaria e hábitos saudables (alimentación, hixiene, condutas nocivas, sedentarismo asociado a pantallas).

Todas as actividades que se desenvolvan neste programa serán publicadas neste apartado da web.

PRESENTACIÓN

Este curso retomamos o PDC (Proxecto Deportivo de Centro). A nosa idea é que o cole sexa dinamizador e promotor de hábitos de vida activa e saudable co obxectivos final de loitar contra o sedentarismo creando hábitos que perduren fóra do centro e ao longo de toda a vida. Todas as acción que se desenvolvan neste programa serán publicadas neste apartado da web.

Powered by Drupal - Design by artinet