CLUB DE LECTURA DA VECIÑANZA

Na tarde do mércores 14 o Club de Lectura da veciñanza compartiu na Biblioteca do Eusebio impresións e emocións sobre a segunda novela elixida desque se iniciou a andaina do Club: "Eutimia", de María Aboy Oubel. 
 
Nesta historia a novísima autora veciña de Rois, amante da literatura desde nena e psicóloga de profesión, afronta dous dos males da nosa sociedade: a violencia de xénero e a estigmatización da saúde mental. Faino baixo unha trama ben urdida, de viaxe ao pasado e ao propio interior da protagonista, na procura de respostas e certezas que lle permitan o ansiado equilibrio emocional. Porque a palabra "Eutimia", que soa a nome dunha tía ou dunha deusa grega, en realidade é un termo que en psicoloxía e psiquiatría fai referencia ao equilibrio, ao sosego, entre dous estados de ánimo, un excesivamente eufórico, outro excesivamente depresivo. E, efectivamente, a protagonista precisa atinxir ese estado de paz para poder construír a propia identidade.
A autora vai trazando os roteiros da psique dun xeito persoalísimo, cunha escrita nada doada, ben rebuscada, que resulta aborrecible e apaixonante á vez: desequilibra! E claro, xurdiu a dúbida: hai unha intención buscada neste xeito de escribir? Talvez reflicte a personalidade complexa da protagonista? Da propia autora? Todas as lectoras (e Xoán, faltan homes neste Club!) ficaron con ganas de coñecer a María Aboy para lle facer un perfil psicolóxico. Así que, gustara máis ou menos a novela, podemos concluír que o que si conseguiu a escritora-psicóloga foi achegarnos, a través da ficción literaria, ao complexo mundo da psique. 

Powered by Drupal - Design by artinet