Instrucións conxuntas do 5 de setembro de 2022 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade e da Consellería de Sanidade ao respecto da recomendacións xerais para a xestión da Covid-19 no ámbito educativo no curso 2022-2023
O Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2021-2022 na súa versión do 20 de maio de 2022 recollía as indicacións contempladas no documento “MEDIDAS DE PREVENCIÓN, HIGIENE Y PROMOCIÓN DE LA SALUD FRENTE A COVID-19 PARA CENTROS EDUCATIVOS” do 3 de mayo de 2022. Este documento flexibilizaba as recomendacións relativas á Covid-19 de acordo coa situación epidemiolóxica e o avance da vacinación. Así, avanzábase conforme á estratexia de vixilancia e control que centraba as actuacións na protección das persoas e ámbitos máis vulnerables, así como na abordaxe dos casos graves de Covid-19.
Dada a efectividade destas medidas e a situación epidemiolóxica favorable, con diminución da transmisión e niveis moi altos de vacinación considérase procedente a flexibilización das diferentes recomendacións que se mantiñan en vigor. Non debe esquecerse o excelente desempeño da comunidade educativa durante os cursos previos e a súa experiencia acumulada, o que permitiría a rápida implementación de medidas de producirse escenarios epidemiolóxicos máis desfavorables que así o requiriran.
Durante o curso 2022-2023 non haberá un protocolo específico de adaptación ao contexto da Covid-19 no ámbito educativo. Non obstante, será preciso observar unha serie de recomendacións:
1. Ventilación de espazos
A axeitada ventilación tense amosado como unha medida de saúde e hixiene eficaz na prevención de diferentes enfermidades e a redución da propagación aérea de patóxenos. Realizaranse tarefas de ventilación cruzada frecuente nas instalacións. É recomendable ventilar por espazo de polo menos 15 minutos ao inicio da xornada, 15 minutos ao remate de cada xornada (mañá e tarde), durante os recreos, e durante as clases e entre estas sempre que as condicións climatolóxicas o permitan.
2. Hixiene de mans e hixiene respiratoria
Promoverase o lavado de mans regular, especialmente antes e despois de comer, despois de ir ao baño e logo dos recreos.
De igual xeito deberase gardar unha axeitada hixiene respiratoria polo que ao tusir ou esbirrar cubrirase a boca e o nariz coa cara interior do cóbado ou cun pano.
3. Uso de máscara
A máscara utilizarase no transporte escolar de acordo ao previsto con para o transporte con carácter xeral.
Recoméndase o uso da máscara:
• A persoas que presenten síntomas compatibles coa Covid-19.
• A persoas con criterios de vulnerabilidade, especialmente en situacións de alta incidencia comunitaria.
• A persoas que presenten sintomatoloxía respiratoria, con ou sen sospeita de Covid-19.
En todo caso porase especial coidado en coidar e previr a estigmatización das persoas que, con condicións de risco de Covid-19 ou por decisión persoal, utilicen máscara.
4. Actuación ante síntomas compatibles e casos positivos de Covid-19
Con carácter xeral, se unha persoa presenta síntomas compatibles coa Covid-19 non precisa illamento pero deberá utilizar máscara e manter una hixiene de mans e respiratoria axeitada. Tamén evitará a interacción con persoas vulnerables. En calquera caso, se a sintomatoloxía lle impide asistir con normalidade ao centro, non acudirá, como no caso de calquera outra enfermidade común.
Pode consultarse a “Nota de actualización del documento de MEDIDAS DE PREVENCIÓN, HIGIENE Y PROMOCIÓN DE LA SALUD FRENTE A COVID-19 PARA CENTROS EDUCATIVOS” do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en:
https://www.sanidad.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov/documentos/2022_09_05_Nota_actualizacion_Medidas_C_educ_covid.pdf