2018/2019

ENCONTROS BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA (22/3/2019)

    No Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, celebráronse os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia 2019, nos que nos xuntamos os representantes das 700 bibliotecas escolares dos centros PLAMBE.
 
 
  
 
   Para estes encontros, a Asesoría de Bibliotecas Escolares seleccionou o proxecto radiofónico Coñecendo os nosos concellos que levamos a cabo entre o CEIP A Pobra do Brollón e o noso, como unha experiencia para expor aos outros centros escolares.
 
   Nesta exposición Dora, directora e responsable de Biblioteca do CEIP de A Pobra, e eu explicámoslle aos outros centros como entre nolas dúas e Montse, naceu esta idea nas xornadas de novembro, como se está desenvolvendo e a súa valoración.

   Para coñecer toda a información e escoitar as emisións destes programas, podedes seguir a etiqueta do noso blogue Coñecendo os nosos concellos ou acceder á presentación que realizamos.

     Persoalmente, como responsable do Equipo de Biblioteca, quero dar as grazas a todos os compañeiros do cole que traballan para sacar adiante estes proxectos, á Asesoría de Bibliotecas por contar con esta experiencia e a Dora, unha magnífica compañeira para este proxecto.

 

 

8ª SEMANA ESCOLAR DA ÁRBORE E DA AUGA (18-22/3/2019)

    Esta semana conmemórase a 8ª Semana Escolar da Árbore e da Auga e como vimos facendo nos últimos anos participamos nas actividades propostas pola Deputación de Lugo para que o alumnado da nosa provincia se conciencie sobre a importancia da nosa natureza e de respectala.
 

   O alumnado de Primaria adicou a Hora de Ler a facer unha lectura colectiva dos libros que nos enviaron desde a Deputación de Lugo para esta data: O poder da auga de Xose A. Perozo.

 
 
 
     Para o alumnado de infantil, enviáronnos o libro A camiñada de Pin e Gas tamén de Xose A. Perozo. Os biblioaxudantes Adrián, Loïc e Mara leron este libro para o resto de nenos e nenas do colexio.
 
 

    Para rematar a semana plantamos o bidueiro que nos enviaron no espazo exterior do colexio esperando que medre grande e forte.
 
 

 

DÍA DA POESÍA (21/3/2019)

    Desde 1999, o 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da Poesía.

   Na nosa biblioteca os biblioaxudantes Senén e Xoán recitaron o poema A señora vaca do libro Os soños na gaiola escrito por Manuel María.
 
 
 

 

  E a continuación, o alumnado de Infantil A recitou e cantou o mesmo poema, esta vez coa musicalización do libro Canta o cuco. Uxía e Magín na casa de Manuel María
 
 
 
 
 
 
 
 
 

AS PLANTAS - 5º PRIMARIA (21/03/2019)

   Se recordades, o alumnado de 6º de Primaria fixera un traballo de investigación sobre as células vexetais e as células animais acompañado de maquetas para ampliar os seus coñecementos sobre este tema.
 
    Ademais fixeran unha exposición das súas averiguacións aos alumnos de 5º de Primaria á vez que os retaban a facer un traballo de investigación sobre as plantas e expoñerllo a eles.
 
   Pois ben, aquí tedes o resultado da investigación do alumnado de 5º de primaria sobre as plantas, un vídeo co que ides a aprender moito sobre estes seres vivos: alimentación, tipos de plantas, plantas curiosas... Mirade atentos!!
 

SEMANA DA PRENSA (11 - 15/03 /2019)

   A Semana da Prensa é unha semana que nos serve para reflexionar sobre a importancia deste medio de comunicación e para analizar cunha visión crítica as noticias que se publican.
   
   Para esta conmemoración fixemos diferentes actividades:
 
- LECTURA  DE  XORNAIS  NA  HORA  DE  LER: durante a hora de ler desta semana, o alumnado podía escoller entre exemplares do xornal O Papagaio (xornal escolar), El Progreso ou La Voz de Galicia que son os tres xornais que temos no centro.
 

 

- DIFERENZA  ENTRE  NOTICIA  E  ARTIGO  DE  OPINIÓN: o alumnado de 6º de Primaria elaborou unha nova emisión de Sobericias explicando a diferenza entre unha noticia e un artigo de opinión con varios exemplos que tiveron como tema o entroido en Sober.

- TRABALLO  COS  XORNAIS  NAS  AULAS: un día  da  semana, traballouse a área de Lingua galega cos xornais, decatádonse o alumnado de que todo o dado nesta materia se pode encontrar na prensa: ortografía, gramática, comprensión de textos...
 
- NOTICIAS  POSITIVAS: outra actividade realizada foi a busca de noticias positivas nos xornais. Cada alumno buscou unha noticia positiva e con todas formamos un xornal de boas noticias que forma parte da nosa estantería de prensa.

V CERTAME MULLERES DE LEMOS

    Todos os anos nosa biblioteca participa no Certame Mulleres de Lemos organizado polo Colectivo Lemos Le  coa finalidade de dar a coñecer e promover figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos.

 

    O certame do ano pasado estivo dedicado a Genoveva González Prieto  unha mestra do século XX do concello de Bóveda comprometida coa ensinanza na Galiza rural.

 
   Unha das actividades deste certame é o obradoiro que se desenvolve en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) de Monforte de Lemos e que consta nun traballo de reflexión sobre a vida desta mestra e a época á que pertence e a posterior elaboración dun libro que plasme en imaxes esta reflexión.
 
    As ilustracións son feitas por alumnos de todos os centros públicos e concertados da Comarca de Lemos e con elas o CIM elabora un libro que se entregou hoxe pola mañá aos centros participantes no centro cívico de Monforte.
 
    Ademais do libro, puidemos ver a proxección do conto coa voz en off da xornalista Manola Porto.
 
 
Durante a proxección vimos a nosa escena que corresponde ao seguinte texto:
 
Pasados tres anos dende a voda, no 1936, Genoveva decidiu presentarse a unha oposición para obter unha praza de mestra, oposición que posteriormente anularon polo que Genoveva tivo que continuar como mestra interina en Ferreiros.
 
Tocoulle xustamente o inicio da Guerra Civil, tempo de moito conflito que foi a causa da anulación da oposición. Nesta época moitos homes e mulleres sufiron e os seus dereitos foron arrebatados; ás mulleres, especialmente, pois se lles retiraron dereitos que alcanzaran con moito esforzo e volvían ser tratadas como se foran de segunda clase, precisando incluso da autorización por escrito dos seus maridos para realizar xestións administrativas.
 
 
 

DÍA DA MULLER (8/3/2019): BONITAS

    Para conmemorar o Día da Muller deste ano, na biblioteca traballamos co libro Bonitas de Stacy McAnulty.
 
   Este libro trata de facernos reflexionar sobre os estereotipos que se atribúen ás "nenas bonitas". Botando man da ironía e do inxenio podemos ler frases de uso común á vez que vemos ilustracións que as contradín. 
 
    Deste xeito, as nenas poden elexir xogar a ser princesas ou piratas, xogar ao fútbol ou ás bonecas ou calquera outra cousa aínda que non sexa tradicionalmente feminina.
 
 
    O noso alumnado pasa a formar parte deste libro e das súas ilustracións, traballando co croma: unha tea verde que se substitúe despois pola imaxe escollida.
 
   Mirade atentos o vídeo que fixemos para que non perdades detalle da edición, veredes ás nosas nenas e, por suposto, aos nosos nenos que tamén son BONITOS!!
 

 

    Despois do visionado e de que as biblioaxudantes leran o conto na biblioteca, abriuse un debate e unha reflexión moi interesante entre todo o alumnado para chegar á conclusión de que TODOS   E  TODAS   SOMOS  IGUAIS!! que, aínda que é algo que xa sabiamos, sempre é bo recordalo.
 
 

DÍA DE ROSALÍA (24-2-2019)

    Hoxe conmemórase o nacemento da autora galega Rosalía de Castro.
 
    A nosa pequena homenaxe deste ano consiste nun vídeo coa técnica do croma no que participa todo o alumnado do colexio, uns alumnos informándonos sobre a vida de Rosalía e outros recitando os seus poemas.
 
    Esperamos que vos guste e desfrutedes da súa poesía.
 
 
 
 

 

ENTREGA PREMIOS PROVINCIAIS - CERTAME POESÍA NADAL (22/2/2019)

    Este ano dous dos nosos alumnos acadaron ambos accésits na Fase Provincial do certame de poesía infantil "Nadal 2018" convocado pola Biblioteca Nodal de Lugo.
 
     Este venres foi a entrega de premios na que fixeron lectura dos seus poemas e ademais recibiron os seus agasallos.
 
 Cristian Dourado Rodríguez na Categoría A (ata 8 anos)
Aitana Cruz Rodríguez Casado na Categoría B (de 9 a 11 anos)
 
NORABOA!!!!
ESTAMOS   MOI  ORGULLOSOS   DOS   DOUS!!
 
 

DÍA DE ROSALÍA - CONVIVENCIA CEIP A GÁNDARA (22-2-2019)

    Unha das actividades levadas a cabo no noso centro para conmemorar o Día de Rosalía foi uha convivencia entre o noso alumnado de Educación Infantil e os alumnos de 5 anos do CEIP A Gándara de Monforte arredor dun fragmento do poema Parece unha rosa do seu libro Cantares Gallegos.
Vente rapaza,
vente meniña,
vente a lavar
no pilón da Fontiña.
 
    Esta actividade que partiu do CEIP A Gándara, tivo como finalidade dar a coñecer a obra de Rosalía xunto coas tradicións e o patrimonio cultural galego.

O primeiro foi coñecernos para o que se fixeron varios xogos de presentación no patio do colexio.

   Tamén intercambiamos uns agasallos desde as respectivas bibliotecas.

  Eles que están desenvolvendo un proxecto de dinosaurios regaláronnos un libro sobre estes animais xa extintos e recitáronnos unha poesía para ensinarnos moitas cousas sobre a súa vida, a súa alimentación, a súa extinción...

 

   Nós que xa sabiamos que eles estaban desenvolvendo este proxecto, imprimimos varios puzzles coa nosa impresora 3D (by fablabmalaga www.thingiverse.com/thing:1163973) para que levasen de recordo ademais dun sobre con todo o necesario para facer uns monicreques de Rosalía de Castro co fragmento do poema traballado.

 

   Despois coñeceron o noso centro: a biblioteca, a radio e as aulas de infantil e xa con todo preparado e as botas postas, comezou a saída aos dous lavadoiros de Sober.

   Visitaron o lavadoiro dos Eireos e o de Arroxo, previamente acondicionados polo Concello de Sober, nos que os nenos puideron lavar a súa roupiña.
 

   Unha vez que a roupa estivo ben lavada, o seguinte paso foi tendela e poñela a clareo na Praza do Concello onde os nenos aproveitaron para xantar e pasar o resto da xornada de convivencia.

   
 
 
 
GRAZAS  POLA  VISITA  E  ATA  PRONTO!!!
 
 
 
Distribuir contido