LETRAS GALEGAS 2022: COLABORANDO CON OUTRAS BIBLIOTECAS
Este ano quixemos homenaxear a Florencio Manuel Delgado Gurriarán ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas, elaborando un vídeo no que poderedes descubrir varios datos sobre a súa biografía e ver os videopoemas elaborados por diferentes bibliotecas do colectivo.
A nosa aportación ao vídeo podedes vela nos minutos iniciais nos que o alumnado de 4º e 6º de Primaria fai a presentación e achéganos á vida do autor con pequenas pinceladas da súa biografía; e no poema Cantiga da vindima recitado polo alumnado de 3º e 4º de Primaria.
CERTAME INVESTIGACIÓN LETRAS GALEGAS 2022
Cada ano convocamos un certame de investigación en torno ao autor/a ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Para iso, elaboramos cuestionarios adecuados ás idades do noso alumnado partindo dos materiais publicados polo Seminario Galán e eles teñen un par de días para cumprimentalos buscando información nos carteis enviados pola Xunta de Galicia, nos fondos da biblioteca ou investigando en internet.
Despois valoramos os cuestionarios e entregamos os premios aos mellores investigadores, aqueles que non tiveron nin un erro!!
Pero tamén a todos e todas os que participaron xa que esforzarse e investigar sempre ten que ter recompensa aínda que non quedase perfecto.
LETRAS GALEGAS 2022 - INFANTIL B: Dores do Agro
O alumnado de Infantil B, pasou polos estudos de Radiuvín para poñerlle voz ao poema Dores do Agro, do autor homenaxeado este ano o Día das Letras Galegas: Florencio Manuel Delgado Gurriarán.
DORES DO AGRO
Fortes brazos de silveira
o camiño apadumaron;
anda a laiarse o silenzo
da puñelada dos carros
que lle fendeu as entranas;
pola forca dun arame
o parreiral enforcado
bota a lingua para afora,
o probe corpo estordega,
e remela os verdes ollos
nas ánseas da morte fera.
CLUB DE LECTURA - 14ª sesión (13-05-2022)
A primeira actividade desta sesión foi resolver unha dúbida que quedara pendente da sesión anterior: que é a contraportada dun libro? A parte de atrás da portada ou a parte posterior?
A dúbida quedou resolta despois de que os membros do club nos explicaran o que investigaron e agoa xa temos claro cales son as partes dun libro.
Despois falamos moito sobre o libro e a marabillosa medicina que George estaba preparando para a súa avoa.
Algo que chamou a atención dos membros do club ademais dos ingredientes utilizados por George foron as ilustración do libro que en vez de debuxos lles parecían bosquexos pero que aínda así coincidían case todos en que complementaban perfectamente á narración e permitía entender mellor o que estaba ocorrendo na historia.
Visto que á maioría lles está gustando o libro e que o están lendo bastante rápido, para a próxima reunión acabaremos a súa lectura.
AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Estrela (10-05-2022)
Nas familias contan estamos de estrea xa que hoxe veu a contar unha nai que non viñera nunca á nosa biblioteca: Paula, a nai de Estrela. Entre as dúas contáronnos o conto A eiruguiña comellona de Eric Carle.
Neste conto, a eiruguiña pequeniña pasa todo o tempo comendo porque ten mooooooita fame.
E que pensades vós que comerá? Verdura? Froita? Doces?
E de tanto comer que lle pasará?
Pois ao final, pasa que a eiruguiña pequena xa non era tan pequena e que ademais se convertiu nunha...
BOLBORETA!!
Se queredes saber toda a historia desta eiruguiña podedes ver o vídeo no que elas a contan tan ben:
MOITAS GRAZAS ÁS DÚAS POR ESTE RATIÑO TAN DIVERTIDO!!
APRENDER A ESTUDAR e COMPRENDO O QUE LEO (5-5-2022)
Moitas veces o noso alumnado non lle dá a suficiente importancia ao silencio á hora de concentrarse para realizar unha tarefa ou estudar; por iso, moitos deles fan as tarefas en ambientes máis ruidosos, coa televisión, con música...
Coas actividades de atención de hoxe, comprenderon a importancia do silencio xa que tiñan o tempo xusto para realizar cada reto e eles mesmos déronse conta de que se alguén falaba ou facía ruído, se desconcentraban.
Nas seguintes imaxes podedes velos concentrados mentres descifraban un código, memorizaban unha asociación imaxe - palabra ou completaban un debuxo dado.
CLUB DE LECTURA 13 ª Sesión (29-04-2022)
Comezamos un novo libro: A marabillos medicina de George, recoñecido como un dos libros máis divertidos de Roald Dahl e un clásico da literatura do século XX.
Para presentalo comezamos lendo a reseña:
"A avoa de George ten unhas cousas un pouco raras. A verdade é que non é unha persoa moi agradable. Cre que as eirugas e as lesmas son deliciosas e o que máis lle gusta son os escaravellos ben renxentes. Nada do que fai George está ben feito a ollos da avoa, de xeito que cando é hora de que ela tome a súa medicina, George decide darlle unha dose da que el mesmo preparou, unha beberaxe dunha chea de produtos que foi introducindo na pota como mellor lle pareceu. A medicina máxica que preparou George, primeiro, fai medrar a avoa desmesuradamente, logo empequenecela e, por último, facela desaparecer."
REALIDADE AUMENTADA: Biblioteca Creativa (28 - 4 - 2022)
Como a nosa biblioteca pertence ao Proxecto Biblioteca Creativa, cada ano recibimos un orzamento específico para poder realizar obradoiros para o alumnado. Este ano, ademais, os obradoiros estiveron abertos ás familias que quixeron participar.
Queriamos que a protagonista das actividades fora a realidade aumentada e por iso, achegáronse ao centro varias monitoras de Vermislab que nos axudaron a resolver moitas dúbidas:
Que é a realidade aumentada?
As gafas 3D son realidade aumentada?
Onde podemos atopar exemplos desta realidade?
Podemos nós crear a nosa propia realidade aumentada?
A continuación, dependendo da idade do alumnado, fixemos diferentes actividades para poñer en práctica o aprendido. O alumnado de 1º e 2º utilizou fichas quivervision para colorear debuxos que despois, ao enfocalos coa tablet, cobraban vida: un dinosauro que se podía mover e facer ruídos, un foguete espacial que despegaba e viaxaba polo espazo...
O alumnado de 3º a 6º de Primaria creou a súa propia realidade aumentada inserindo un vídeo nunha imaxe que facía de marcador co programa Creator.
MOITAS GRAZAS AOS FAMILIARES QUE PUIDERON
COMPARTIR ESTA ACTIVIDADE CON NÓS!
BIBLIOTECA INCLUSIVA: Doazón de fondos
Como sabedes, intentamos que a nosa biblioteca sexa o máis inclusiva posible.
Unha parte do traballo refirese ao fomento dunha actitude correcta tal como se recolle no plan de Biblioteca Inclusiva: ACTITUDE NORMALIZADORA, VISIBILIZADORA, SENSIBILIZADORA, COÑECEDORA DAS DIFERENTES NECESIDADES, REPETUOSA E DE TRATO IGUALITARIO.
Este ano estivemos traballando coa discapacidade visual e o sistema Braille e agora acabamos de recibir unha dozaón dunha familia de 2º de Primaria que nos doou catro libros do Servizo Bibliográfico da ONCE escritos con sistema Braille.
Moitas grazas pola vosa doazón que
xa forma parte dos fondos da nosa biblio!
