CLUBES DE LECTURA
CLUB DE LECTURA - SAÍDA FINAL (15/6/2023)
Remata o curso e remata tamén a actividade do club de lectura deste ano e para poñerlle fin a actividade, organizamos unha visita ao Eco-museo de Arxeriz.
Pensamos que xa que co libro Unha volta ao mundo sobre a volta ao mundo de Magalhães e Elcano no século XVI aprendemos moitas cousas sobre o mar e os barcos daquela época (carabelas, naos...) tamén sería interesante coñecer as embarcacións tradicionais da nosa zona.
Outras embarcacións sobre as que aprendemos foron a barca de dornas, e unha barca con pouso que servía para levar cestos por exemplo na época da vendima.
Continuamos a visita xa no interior do pazo: no piso de arriba estivemos na lareira e na solaina.
No piso de abaixo estivemos na sala dedicada ao patrimonio e á etnografía que conta cunha gran maqueta da Ribeira Sacra na que están sinalados os elementos patrimoniais máis destacados e por suposto, Sober con edificios como a Rectoral de Gundivós. Tamén conta cun espacio dedicado ao "Entroido Ribeirao" que era un entroido tradicional da riberia
A última sala do Pazo que visitamos foi a dedicada á viticultura tradicional: cubas de madeira, utensilios para aviñar, cestos de transporte de uvas, pelexos de cabra para transportar o viño...
Xa no exterior visitamos as escavacións que deixaron ao descuberto diferentes edificacións da época castrexa e entramos na reconstrución que están facendo dunha das vivendas atopadas.
Despois de tanto que aprendemos, a saída rematou cun xantar á sombra e un ratiño de lecer antes de voltar ao colexio.
VIAXANDO POLAS LETRAS (16 / 2022 - 2023)
Aínda que xa está remantando o curso, no club de lectura non queremos deixar de ler e por iso comezamos un novo libro: Unha volta ao mundo de Joseba Sarrionandia.
Nesta sesión comezamos lendo entre todos o primeiro capítulo do libro no que coñecemos ás dúas portagonistas: unha avoa que é mestra de Historia e a súa neta que pide que lle conte «unha historia de verdade».
Continuamos lendo o segundio, cando a avoa empeza a falarlle de Juan Sebastián Elcano, dos comerciantes marítimos da época, dos asteleiros...
E coa lectura xurdiunos unha dúbida sobre o formato do libro en forma de diálogo: por que é unha novela dialogada e non unha obra de teatro? Cales serían as principais diferenzas?
Unha dúbida que queda pendente de investigación para a próxima sesión...
LETRAS GALEGAS: Francisco Fernández del Riego
Os membros do club de lectura Viaxando polas letras estiveron lendo a obra de teatro As cousas de Don Paco que é unha obra de Eva Mejuto coa que coñecemos a biografía de Francisco Fernández del Riego autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023.
E xa que tiñan esta lectura preparada, compartírona co resto do alumnado para que eles tamén coñeceran a súa vida da man dos obxectos protagonistas da mesma:
Don Lapis (o lapis que o acompañou durante toda a vida)
Baldomero (o reloxo que lle regalou a súa muller Evelina)
Oliva (a súa máquina de escribir)
Leica (a cámara de fotos que sempre levaba con el) e
Guadalupa (a lupa que usou para ler cando xa era maior).
VIAXANDO POLAS LETRAS (15 / 2022 - 2023)
Hoxe tivemos unha sesión diferente do club de lectura dedicada ao libro A proba de auga de Anémona De Río: decidimos facer un obradoiro de ilustración de banda deseñada xa que ao noso alumnado lle gustan moito este tipo de ilustracións.
E rematamos con parte do seu corpo... A verdade é que os nosos nenos e nenas o fixeron moi ben!!
GALERÍA DE IMAXES CLUB DE LECTURA
VIAXANDO POLAS LETRAS (13 / 2022 - 2023)
Hoxe continuamos coas sesións dedicadas ao libro A proba de auga de Anémona De Río.
En canto ao noso libro, podemos dicir que aos nenos e nenas do club lles encantou. Resaltaron as ilustracións (que lles lembran ao manga) e a propia historia aínda que no argumento da mesma había puntos de vista diferentes sobre o papel de Aqua no desenvolvemento da mesma.
Tamén falamos sobre a importancia das vacinas e relacionamos o libro coa asignatura de Ciencias da Natureza: por que comparan o bazo cun lugar para despezar os vellos tranvías? E por que as neuronas son oficinistas con enchufes no cabelo? Que sabemos dos glóbulos brancos?
VIAXANDO POLAS LETRAS (12 / 2022 - 2023)
Comezamos novo libro!! A proba de auga de Anémona De Río!!
Xa que varios nenos e nenas do club estaban pedindo que leramos un cómic, decantámonos por este título que gañou o I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético.
O primeiro foi repartir o libro e ler a reseña do mesmo para saber sobre que ía a tratar:
Rematados os seus estudos, unha pequena pinga de auga está xa preparada para levar a cabo a súa misión. Pero no seu primeiro día todo ocorre demasiado rápido, perde de vista o seu grupo e esperta nun lugar descoñecido. Terá que reunir valor e internarse nese novo mundo para atopar os seus compañeiros e compañeiras, intentar cumprir co seu cometido e descubrir quen é ese escorregadizo descoñecido que o pon todo patas arriba.
Despois lembramos as diferenzas entre ler cómic e ler manga sobre as que xa falaramos o curso pasado e lemos as primeiras páxinas.
Esperamos que o novo libro lles guste a todxs!!
VIAXANDO POLAS LETRAS (11 / 2022 - 2023)
Hoxe tivemos a terceira sesión do club de lectura dedicada ao libro Vento, ventiño, venteiro de Antonio García Teijeiro.
Para poñerlle punto e final á sesión de hoxe, queremos reflexionar sobre as verbas dunha rapaza do club:
"Gústame a poesía porque aínda que non a entenda moito, os poemas parecen cancións que escribe o autor; son bonitos de ler"
VIAXANDO POLAS LETRAS (10/2022-2023)
Hoxe tivemos a décima sesión do club de lectura, a segunda dedicada ao libro Vento, ventiño, venteiro de Antonio García Teijeiro.
Comezamos resaltando a dedicatoria e o epígrafe xa que son partes dos libros que ás veces pasamos por alto.
A dedicatoria está dirigida á persona ou personas ás que o autor ofrece a obra e normalmente expresan sentimientos de gratitude e homenaxe. Neste caso en concreto, tamén aprendemos unha nova palabra que nos pareceu moi fermosa: algareiro (falador e amigo de gastar bromas, tamén que ten un son agradable ao oído)
O epígrafe é unha frase curta, pensamento ou cita dun autor que colocada no encabezamento dunha obra, capítulo, parágrafo... anuncia o seu contido. Utilízase desde o s. XVI e xeralmente aparece impresa con outro tipo de letra.
Neste libro podemos ler tres citas de tres autores galegos relacionadas co vento.
Despois comezamos a falar do libro reflexionando sobre os sentimentos tan variados que nos produce o vento: nerviosismo? ansiedade? sensación de frío? gana de quedar na cama ou na casa?
Curiosamente, a priori, a ningún membro do club lle produce sentimentos positivos o vento polo que a maioría dos poemas os sorprenderon bastante xa que neste libro se presenta alegre, xoguetón, bromista, bailarín...
CLUB DE LECTURA (9/2022-23)
Hoxe tivemos unha nova reunión do club de lectura Viaxando polas letras para un novo libro: Vento, ventiño, venteiro de Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952).
Desta volta teremos entre as mans un libro de poesía xa que xunto ao teatro, é o xénero menos lido na biblioteca; e, aínda que en principio parece un libro sinxelo de ler para os nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria, quixemos escollelo para que lle perdan o medo á poesía pois un dos obxectivos do club é que xs integrantes lean libros de todos os xénero literarios.
Comezamos lendo o resumo do libro para pór en contexto a temática dos poemas que leremos e falando sobre o que nos suxiren os diferentes tipos de ventos noemados.
Despois vimos este pequeno vídeo no que o mariñeiro Martiño acompañado polo autor, recita algúns poemas do libro.
A aventura poética acaba de empezar!!
VIAXANDO POLAS LETRAS (8/2022-2023)
Hoxe temos unha sesión diferente do club de lectura xa que para rematar as sesión dedicadas ao libro Un mundo para Maruxa temos na biblioteca a súa autora: Estefanía Padullés.
Ela comezou falándonos da creación do libro que se basa en feitos reais de cando ela mesma traballou nun Centro de Recuperación de Fauna Silvestre e nunha Reserva de Fauna; e contounos que Susana e Eloy non eran personaxes imaxinarios senón que foran compañeiros seus.
Despois falounos máis polo miúdo da temática do libro á vez que nos facía unha ilustración: os perigos dos animais mariños, o consumo abusivo de plástico, a importancia de reducir o seu uso, os microplásticos, a contaminación da auga...
A continuación ensinounos as ilustracións orixinais do libro e explicounos o proceso que seguía ela para facelas:
A continuación fixemos un obradoiro que consistía na elaboración dunha roda coas ilustracións de Maruxa mentres Estefanía ía respostando ás preguntas dos membros do club.
Ao rematala e montala, puidemos comprobar que para cada problema medioambiental plantexado, asociáselle unha solución que podemos levar a cabo nós mesmos.
Por último, Estefanía pasou polos estudos de Radiuvín para respostar ás preguntas dos nosos locutores de radio.
MOITAS GRAZAS POR CONTARNOS TANTAS COUSAS
SOBRE MARUXA E A NATUREZA,
ESTIVEMOS ENCANTADOS DE COMPARTIR ESTE RATIÑO CONTIGO!!
- 1
- 2
- 3
- 4
- seguinte ›
- última »
