V CERTAME MULLERES DE LEMOS

    Todos os anos nosa biblioteca participa no Certame Mulleres de Lemos organizado polo Colectivo Lemos Le  coa finalidade de dar a coñecer e promover figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos.

 

    O certame do ano pasado estivo dedicado a Genoveva González Prieto  unha mestra do século XX do concello de Bóveda comprometida coa ensinanza na Galiza rural.

 
   Unha das actividades deste certame é o obradoiro que se desenvolve en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) de Monforte de Lemos e que consta nun traballo de reflexión sobre a vida desta mestra e a época á que pertence e a posterior elaboración dun libro que plasme en imaxes esta reflexión.
 
    As ilustracións son feitas por alumnos de todos os centros públicos e concertados da Comarca de Lemos e con elas o CIM elabora un libro que se entregou hoxe pola mañá aos centros participantes no centro cívico de Monforte.
 
    Ademais do libro, puidemos ver a proxección do conto coa voz en off da xornalista Manola Porto.
 
 
Durante a proxección vimos a nosa escena que corresponde ao seguinte texto:
 
Pasados tres anos dende a voda, no 1936, Genoveva decidiu presentarse a unha oposición para obter unha praza de mestra, oposición que posteriormente anularon polo que Genoveva tivo que continuar como mestra interina en Ferreiros.
 
Tocoulle xustamente o inicio da Guerra Civil, tempo de moito conflito que foi a causa da anulación da oposición. Nesta época moitos homes e mulleres sufiron e os seus dereitos foron arrebatados; ás mulleres, especialmente, pois se lles retiraron dereitos que alcanzaran con moito esforzo e volvían ser tratadas como se foran de segunda clase, precisando incluso da autorización por escrito dos seus maridos para realizar xestións administrativas.