CÓMO ESTIMULAR A LINGUAXE NO ÁMBITO FAMILIAR

CÓMO ESTIMULAR A LINGUAXE NO ÁMBITO FAMILIAR

 

 

A maioría dos nenos falan correctamente e de maneira similar ó adulto cara os 4 anos. En ocasións isto non sucede e o neno precisa dunha estimulación axeitada da linguaxe que lle axude a previr e/ou superar posibles dificultades. A continuación proporcionamos pautas e actividades para traballar no ámbito familiar, así como servizos ós que podemos acudir en caso de necesidade.

 

 

POR QUE É IMPORTANTE A ESTIMULACIÓN DA LINGUAXE NO EIDO FAMILIAR?

O núcleo familiar é o primeiro ámbito no que o neno comezará a desenvolverse e a realizar as primeiras aprendizaxes. Unha das máis importantes na idade infantil é a da linguaxe. Os pais, irmáns, avós... actúan como modelos que os nenos reproducirán de forma natural a través da observación e imitación. Coa entrada na escola, os estímulos de linguaxe que recibe o neno amplíanse, sen embargo a familia continúa tendo un papel fundamental no desenvolvemento da linguaxe.

 

 

PAUTAS XERAIS PARA A FAMILIA:

  •  Adicar moito tempo a comunicarse co fillo dende que nace (falarlle, facer acenos, fomentar a imitación...).
  • Falarlle de forma clara e despacio.

  • Aproveitar as situacións cotiás para reforzar a fala en momentos como os das comidas, baño, vestido, hora de durmir...

  • Valorar os seus esforzos e reforzalo.

  • Ofrecerlle bos modelos de expresión oral: non imitar os erros que produce, non reforzar a fala infantil, non empregar onomatopeas como “guau-guau” senón a palabra correcta.

  • Utilizar unha linguaxe adaptada á comprensión e idade do neno.

  • Non rifar ó neno polas súas dificultades de pronunciación. Cada neno ten o seu propio ritmo, se evidenciamos os seus erros ou nos rimos del, podemos facer que se volva retraído e non queira falar. Ademais, algúns erros comúns dos nenos, como as hiperregularizacións son en realidade un signo de desenvolvemento, pois o neno entende e aplica as regras gramaticais.

  • Formularlle preguntas abertas, que esixan dunha resposta longa, tendo que construír frases en lugar de realizar preguntas nas que só responda SI/NON. Non aceptar calquera xesto ou son como resposta, nin acabarlle as frases.

  • Ter paciencia e darlle un tempo para que responda.

  • Que o neno desenvolva hábitos axeitados: alimentación equilibrada cunha dieta sólida en lugar de purés (a mastigación desenvolve a musculatura da boca), ensinarlle a soarse o nariz, non prolongar o uso de chupetes ou biberóns...

  • Axudarlle a contar cousas de xeito ordeado traballando a estruturación temporal (qué fixo antes/despois, onte/hoxe/mañá, primeiro/segundo/último...).

  • Favorecer a relación social e o xogo con outros nenos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 ACTIVIDADES PARA ESTIMULAR A LINGUAXE NA CASA:

  • Potenciar a súa capacidade auditiva: escoitar sons do contorno e realizar preguntas como qué será, onde estará, para que soará, que estará facendo...
  • Ampliar o seu vocabulario: empregar imaxes, vídeos, xogos... para nomear o que aparece. Empregar a realidade do neno para nomear as cousas coas que ten vivencias (no supermercado, no parque, de compras...). Cando non coñeza unha palabra explicarlle o seu significado con palabras ou feitos que sí coñeza. Xogar ó “vexo-vexo”.
  • Traballar o sopro: soprar muíños de vento, pitos, trompetas... facer burbullas de xabón, inflar globos, sorber cunha palla ou facer burbullas nun vaso de auga...
  • Traballar as praxias: poñer caras feas, sorrir e poñer morros alternativamente, mover a lingua dun lado a outro, subila ata o nariz, baixala ó queixo, lamber os beizos, vibrar os beizos, vibralos coa lingua fóra, morder o beizo de arriba e o de abaixo alternativamente, lamber os dentes de arriba e de abaixo dun lado ó outro, simular coa lingua un caramelo e desprazalo pola boca, desprazar a lingua polo padal, dobrar a lingua cara arriba e cara abaixo suxeitándoa cos dentes, xuntar os dentes e soprar con forza...

SERVIZOS ÓS QUE PODEMOS ACUDIR:

  • Revisión de vista e oído para detectar/descartar posibles problemas.
  • Departamento de Orientación: ademais de proporcionar asesoramento, no centro educativo contamos cunha mestra especialista de Audición e Linguaxe.
  • Atención temperá, logopedas e gabinetes psicopedagóxicos: servizos externos que ofrecen atención complementaria á levada a cabo no centro cos alumnos.