Quen Somos

BOLETÍN INFORMATIVO INICIO CURSO 2023-2024

 

QUEN SOMOS

FOLLETO INFORMATIVO DO CENTRO

MÁIS INFORMACIÓN

- CEIP Serra-Vincios foi creado no ano 1979. Sitúase na rúa A Serra s/n,  na parroquia de Vincios, nun contorno rural de gran beleza. Está moi ben comunicado xa que é a parroquia máis ao norte do municipio en dirección a Vigo.  

O CEIP Serra-Vincios, imparte estudos das etapas de Educación Infantil e Educación Primaria e está adscrito ao IES Terra de Turonio de Educación Secundaria de Gondomar.

Preocupámonos pola formación integral dos alumnos/as e estamos comprometidos coa nosa cultura, a igualdade, o medio ambiente, a formación en valores democráticos e o fomento do espíritu de superación e de traballo en equipo.

 

- Somos un Equipo de Profesionais con gran experiencia e dedicación, con praza definitiva no Centro e permanencia desde hai anos. Todas as actividades que realizamos co alumnado son froito da coordinación e do intenso traballo en equipo.

 

- Cada curso traballamos un Proxecto Anual de Centro, que será o eixe vertebrador do traballo en equipo do centro na maioría das actividades propostas. Contamos con aula de informática, taller de cociña, taller de plástica - laboratorio e biblioteca creativa para a realización de actividades paralelas.

 

- No curso escolar 2014-15 concedéronnos o Premio da Provincia de Pontevedra ao mellor traballo medioambiental de VOZ NATURA polo proxecto "POUQUIÑO A POUCO CREAMOS O NOSO HORTO". O horto ecolóxico xa é unha realidade e seguiremos sensibilizados co coidado do medio ambiente.

 

- A partir do curso 2018-19 non utilizamos libros de texto nas aulas. Empregamos metodoloxías activas, deseño de tarefas integradas de aprendizaxe e técnicas de aprendizaxe cooperativo.

 

No curso 2019-20 somos seleccionados para participar no Proxecto Educación Dixital (E-Dixgal) que ten como obxecto favorecer o desenvolvemento de proxectos integrais de educación dixital, facilitando ao noso centro a dispoñibilidade de materiais dixitais cos que poidamos desenvolver o noso proxecto curricular de 5º e 6º de Educación Primaria.

 

- Habitualmente están matriculados no Centro arredor de 180 alumnos.

 

- O Centro conta cunha Biblioteca ben dotada debido a que leva anos inmersa no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia (PLAMBE). Está considerada o motor do centro xa que dela xorden moitas actividades encamiñadas ao fomento da lectura. Dotada dun servizo informatizado de empréstito de libros, non só para o alumnado, senón para toda a comunidade educativa. Como prolongación da biblioteca contamos tamén cun lugar especial para a investigación, a experimentación, a robótica e a linguaxe de programación: a Biblioteca Creativa.

 

- Temos Aulas Específicas de Inglés, Música, Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, Orientación, Relixión, Sala de Informática, Biblioteca Creativa, etc. Todas as aulas teñen videoproxector, portátil, conexión a Internet e dispón tamén de 7 Encerados Dixitais Interactivos.

 

- A Aula de Usos Múltiples é o lugar de celebración dos festivais e de diversas actividades en conxunto. Dispón de mesas de tenis de mesa para alumnos/as de primaria e xogos para os/as alumnos/as de educación infantil.

 

- O Colexio dispón de Transporte Escolar e igualmente ten Aula Matinal (de 7:30h. da mañá ata as 9:00h.) e Servizo de Comedor (de 14:00h. a 16:00h.) que funciona coa modalidade de cátering utilizado por máis de 70 nenos/as todas as semáns. A aula matinal está xestionada pola ANPA do Colexio (ANPA Santa Mariña) e o servizo de comedor polo Concello de Gondomar.

 

- O CEIP Serra-Vincios conta cunhas amplas Instalacións Deportivas, nas que se inclúen unha pista de futbito e balonmán, un campo de voleibol, tres areeiros e un parque infantil. O Centro ten un patio cuberto onde se imparten as clases de Educación Física.

Debido a extensa superficie da que dispón o centro educativo, existen zonas amplas de xardín. A superficie do centro é arredor de 12.000 metros cadrados, emprazados nun contorno do rural de Gondomar, cercano as praias do Val Miñor.

 

- O Centro dispón dunha Páxina Web onde se poden ver fotos e vídeos das distintas actividades realizadas polo alumnado e tamén os enlaces aos distintos Blogues de Aula creados polo profesorado: http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipserravincios

 

- O Centro comunícase habitualmente coas familias por medio da aplicación gratuíta da Xunta de Galicia "AbalarMóbil"coa intención de eliminar as comunicación en formato papel e de enviar avisos ou notificacións dunha maneira máis rápida, cómoda e eficaz.

 

“O Xornaliño” é o xornal que publicamos  no centro no que participan todos os cursos, alumnado e profesorado. Realizamos unha tirada anual, sempre a finais de xuño e resumimos as actividades realizadas no colexio durante o curso escolar. 

 

- En Educación Física, acudimos durante 2 meses (8 sesións) co alumnado de 5º e 6º de primaria á Piscina da Ramallosa en horario escolar, grazas a diversas subvencións e á colaboración da ANPA e da Comunidade de Montes de Vincios. Intentamos sempre que sexa totalmente gratuíto para as familias.

 

- O Festival do Colexio celebrámolo arredor do 17 de maio, co gallo do “Día das Letras Galegas”. Nela participa todo o alumnado.

 

- A Asociación de Pais e Nais “ANPA Sta. Mariña”, colabora estreitamente con nós, realizando un traballo desinteresado, que queremos agradecer dende aquí. Vén organizando as  actividades das tardes: cociña, ximnasia rítmica, baile, patinaxe, futbito, baloncesto, informática, manualidades,… Xestionan a aula matinal do colexio, o que permite xunto co servizo de comedor, que algunhas familias, que o precisan por problemas laborais, poidan deixar aos seus fillos e fillas no colexio dende as 07:30h. da mañá ata as 18:00h. da tarde, xusto cando rematan as actividades extraescolares.

Distribuir contido