10 de marzo, Polo Sur

O 10 de marzo tivemos a inmensa honra de falar cos membros da XXXV Campaña Antártica en Illa Decepción nunha videoconferencia na Subdelegación de Defensa.

Tivemos contacto directo coas mulleres e homes da Base Gabriel de Castilla que desenvolven un labor inmenso a prol do medio ambiente nas persoas do Brigada Ferrer da área de comunicacións da Base e da científica Rosa Martín responsable da vixilancia sísmica.

Amosáronnos o seu lugar de traballo e onde viven, responderon amablemente ás nosas preguntas e agasallámolos do mellor xeito que sabemos os nenos e nenas de 3º E.P.: Recitando unha poesía adicada a eles e elas e cantando unha versión moi nosa da canción “Héroes de la Antártida”.

A visita é a continuación do proxecto iniciado o curso anterior “SI FUERA FÁCIL, LEERÍAN OTROS”, no que coñecemos e puxemos en valor o traballo alí desenvolvido. O curso pasado, por mor do proxecto, apadriñamos un pingüino, o SUEIRIÑO, e este curso apadriñamos un máis, a SUEIRIÑA. Co apadriñamento deixamos constancia do noso compromiso a prol do coidado do medio ambiente.

Agradecemos ao Coronel Xefe da Delegación de Defensa da provincia de Ourense Sr.  D. Gustavo Doncel o seu recibimento, xestión e atención para que esta videoconferencia fora posible, así como aos demais membros da Subdelegación de Defensa que tan amablemente nos recibiron.

“DO SUEIRO A DECEPCIÓN”