Festa do Entroido 2015

Como colofón final ás mandas do meco que tan ben nos dirixiron ao longo desta semana, celebramos a Festa do Entroido no cole coa participación de toda a comunidade educativa.

A ANPA do cole participou activamente nesta actividade co reparto dunhas "orellas de Entroido" exquisitas, de filloas riquísimas feitas por eles e bebidas variadas entre todos os participantes.

Posteriormente á degustación destes produtos típicos destas datas, realizamos o desfile de disfraces no patio cuberto, xa que o tempo non nos axudou moito.

Como en anos anteriores, a temática do desfile tiña relación co proxecto documental que estamos a desenvolver este curso, "Mergúllate nun mar de números". Cada aula disfrazouse dun tema:

  • 4º e 5º de Ed. Infantil de Hansel e Gretel.
  • 5º de Ed. Infantil de Infantil de “A galiña Turuleta”.
  • 1º de Ed. Primaria de “O noso aniversario”.
  • 2º de Ed. Primaria de “O número 13”.
  • 3º de Ed. Primaria de “O xogo do parchís”.
  • 4º de Ed. Primaria de “O super de Leo”.
  • 5º de Ed. Primaria de “O fondo do mar”.
  • 6º de Ed. Primaria de “Fenómenos metereolóxicos”.

Ao rematar o desfile suamos un pouco movendo o esqueleto ao ritmo que nos marcaba o noso DJ particular.

Preme na imaxe para ver a Galería

Galería de imaxes

 

 

Planetario de "La Caixa"

Durante a semana do 9 ao 13 de febreiro tivemos instalado no aula de música un planetario que nos cedeu "La Caixa". 

Esta actividade pretende acercar aos máis pequenos ao mundo da astronomía dun xeito estimulante, ameno e á vez riguroso. Buscamos que despois de realizada esta actividade, o noso alumnado mire ao ceo con outros ollos.

Por el pasou toda a comunidade educativa para presenciar as dúas presentacións que nos ofreceron. A primeira estivo dedicada a explicarnos o motivo de porque non se move a estrela Polar, asemade descubrimos cal é a orixe mitolóxica da súa forma e nome.

Na segunda proxección aprendemos curiosidades mitolóxicas da forma de varias constelacións que se poden observar no ceo durante o inverno.

Preme para ver a Galería de imaxes

 

As mandas do meco

Os mecos do Manuel Sueiro toman protagonismo na semana do entroido no cole. Todos os días publicarán puntalmente as súas mandas...

...non vos esquezades de visitalos para poder cumprilas.

Luns Martes Mércores Xoves Venres

Preme na Galería de imaxes para ver que ben o pasamos

Galería de imaxes

San Valentín

Neste traballo de educación documental reflectimos información para pescudar sobre a lenda de San Valentín.

Asemade, compilamos unha serie de recursos educativos e ligazóns que son de utilidade para traballar na aula os textos escritos en verso (poemas) e os acrósticos.

 

Día da Paz e Non Violencia 2015

Durante a última semana do mes de xaneiro celebramos no centro o Día Internacional da Paz e Non Violencia coa realización de diversas actividades que prestenden inculcar no alumnado valores que deben de estar presentes ao longo do ano, e non só na data da conmemoración do aniversario da morte de Gandhi.

Entre as actividades realizadas destacamos as seguintes:

Asemade, elaboramos un karaoke, personalizado con imaxes do noso cole, da canción de José Luis Perales "Que canten los niños".

Na seguinte galería podedes observar parte das actividades realizadas.

Galería de imaxes

Roberto Reséndiz Carmona

O 20 de xaneiro tivemos a sorte de contar coa presenza, na nosa biblioteca, do poeta mexicano Roberto Reséndiz.

Naceu en Zitácuano, Michoan México, no ano 1954. É director do Encontro Internacional de poetas e creador do Festival do Chongo Zamorano.

Participou en diversos Festivais e Encontros de poetas en diversas cidades americanas e europeas.

A súa obra foi publicada en varios países de todo o mundo, sendo traducidos os seus textos ao italiano, francés e sueco.

Con el realizamos un dinámico obradoiro de poesía, no que fomos intercambiando fermosas lecturas de poemas feitos por el e por nós.

Fixémoslle unha longa batería de preguntas moi persoais sobre a súa obra e os seus gustos, que el foi contestando amablemente ao longo de dúas horas. Así descubrimos que xa empezou a escribir desde moi cativo, aos sete anos, e que cando tiña 18 xa era un poeta consumado. Grazas á poesía é capaz de realizar incribles viaxes, tanto metaforicamente coma fisicamente e grazas a eles coñecer cidades e persoas de medio mundo.

Vive na cidade mexicana de Zamora na que todos os anos organiza un festival de poesía reunindo a  poetas amigos cos que visita as escolas para acercar a poesía aos cativos.

En relación ao proxecto de meteoescolas que estamos a desenvolver no centro, dentro do PDI "ergullámonos nun mar de números" pregúntamoslle sobre como era o clima do seu pobo. Dixo que era unha das cousas que máis botaba de menos cando viaxaba fóra do seu país, e máis de viña a Galiza, xa que aquí é moito máis frío e húmedo.

Comentounos que, aínda que naceu e viviu toda a vida en pobos do interior de México, lle gusta escribir á “Mar” porque a primeira vez que viu o mar quedou impresionado da súa grandeza. A Mar crea vida, del naceron os seres vivos.

Da poesía dixo que o que máis lle gusta é a imaxe e a metáfora...é dicir, o que se pode dicir con outras palabras. Quedou abraiado a primeira vez que leu os poemas de amor de Pablo Neruda.

Gústalle cantar e bailar, aínda que non sabe, pero sobre todo o rir e compartir...

Os seus primeiros poemas foron publicados en xornais de Zamora no ano 1975. Empezou a escribir porque dábanlle medo as mulleres. Coa escritura dos seus pensamentos sentíase moito máis seguro. Por iso usaba a poesía para acercarse a elas. Coa escritura el perdeu o medo, por iso nos animou a escribir sempre que teñamos medo a algo. Asemade, comentounos que o importante é escribir, non importa no medio que se faga. El incluso chegou a facer poemas en mensaxes SMS de 150 carácteres.

Animounos a escribir poesía e estará encantado de atopar, nun futuro próximo, a un de nós nalgunha das xuntanzas do Círculo poético de Ourense. Para comezar animounos a participar no concurso de poesía deste ano que convocou o Círculo poético.

Galería de imaxes

Recursos para o entroido

Neste caderno recollemos recursos que nos poden ser de utilidade para traballar no entroido nas nosas aulas.

Preme no caderno para ver o índice de recursos.

Contacontos do Concello

O pasado 22 de xaneiro tivemos unha visita moi especial na biblioteca do noso cole: a contacontos do Concello que nos fixo viaxar por diversos países do mundo. Coñecemos China, Rusia, Italia… escoitando as fantásticas aventuras de Marco Polo que nos ía contando.

Non hai máis que ver a faciana do alumnado para descubrir o ben que o pasaron con esta actividade…

Xa estamos esperando ansiosos a que veña outra vez a visitarnos!!!

Galería de imaxes

Malala, premio Nobel da Paz 2014

Esta xoven defensora do dereiro á educación da muller foi galardonada co Nobel da Paz 2014 “pola súa loita contra a opresión dos nenos y polo dereito de todos eles á educación”

Preme para ver índice

Malala Yousafzai. CC BY 2.0 DFID-UK en Flickr

Entroido en Galiza

O Entroido é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera. Nel conflúen rituais cristiáns e pagáns, sendo a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas. É, sen dúbida, a festa máis irreverente do calendario galego. Foi por iso que se prohibiu durante a época franquista, malia que se mantivo vivo nas aldeas.

Os entroidos máis famosos do país son, sen dúbida, os ourensáns. Laza, Verín e Xinzo convértense por uns días nas capitais de Galiza. Os peliqueiros e cigarróns centran a atención dos visitantes, pero a dúbida asalta ao preguntármonos pola súa orixe: hai quen di que veñen dos cobradores de tributos dos condes de Monterrei, que posuían unha zamarra coa que castigaban aos morosos que non pagasen a tempo. Sen embargo, tanto Vicente Risco coma Bouza Brey viron neles unha orixe moito máis antiga. Risco cría que proviña das asociacións segredas primitivas ou de ritos sagrados e Bouza supón que as súas orixes pertencen á prehistoria, coma unha evolución de vellas cerimonias tribais.