Skip to Content

Felo de Maceda

Felos de MacedaO seu personaxe é o FELO, que alguén denominou como “irmán xemelo do cigarrón”.

O Felo de Maceda aseméllase, aínda que con elementos externos diferentes, coa indumentaria convencional dos Peliqueiros de Laza e Cigarróns de Verín. Calcetíns de lá brancos, medias negras, ringleiras de borlas de distintas cores, colcha con freques claros arredor do van, rabo de zorro nó alto da mitra, “collares” varios e caxato como arma intimidatoria, conforman as súas particularidades iconográficas; máis primitivas e masculinizadas na parte inferior cás do tronco común. Aconséllase pintar na mitra animais ou aves da Serra de San Mamede e non fauna nin motivos alleos.

As orixes da máscara remóntana algunhas fontes ás festas pagás da Protohistoria: sociedades tribais, tótems, feitizos de fecundidade e caza, ritos de iniciación. Outras déixano nas hedonista da Roma imperial. Os medievalistas, na época dos bufóns e dos impostos feudais arredor dos castelos, Reminiscencias precristiáns; culto ao viño e ao pracer; connotacións sociais e relixiosas do medievo.

O termo felo ten difícil interpretación. É sinónimo de máscara.
Antes saían os Felos illadamente ao comezo do ano dende as aldeas do val e da serra. Logo, instauraron o Domingo Fareleiro (enfouzaban con farelos os viandantes), o Domingo Corredoiro (tinguían á xente cunha bola de ferruxe dos potes e tinta dunha barreira ) e o Sábado, Domingo e Martes de Entroido. DFelos de Macedaezasete días de transmutación de valores na bisbarra de Maceda onde a gastronomía tamén conta: O Domingo de Entroido, cachucha, rabo, unllas, chourizos, grelos, garavanzos, patacas e tintos espesos do país, preferentemente en xerras e cuncas de barro de Tioira ou Niñodaguia. O martes, cabrito ao forno con patacas. De sobremesa orellas ou filloas con mel.

Pululaban os Felos a pé divertíndose de aldea en aldea. O son provocativo das chocas disuadía os lobos nas perigosas noites de invernía. Logo invadían a vila e non se afastaban da zona. Bebían ovos con viño para soportar o inmenso desgaste físico. Non pedían diñeiro. Tampouco destapaban a carauta diante da xente. Perseguían aos que se metían con eles. As mulleres chacoteábanos.

Faldriqueaban con elas co caiado nun flirteo cómplice xeralmente admitido. Lucían traxes de solteiros. Algúns pasaban máis dunha semana disfrazados día e noite polas aldeas. Durmían nas palleiras. Só demandaban comida e bebida nas casas para continuar o trouleo.

A máscara, de sorriso retranqueiro,  representa a virilidade máis fidedigna. O Felo da medo. Pódeselle insultar, pero endexamais tocar nin tentar sacarlle a carauta. Son a autoridade nestas datas. O seu espírito anárquico e rebelde, estase modificando. Hoxe saen en grupos. Os cativos da vila tamén. Incorporáronse na década pasada. Algúns sitúanse estratexicamente nas entradas de Maceda e intimidan aos que entran e saen nos coches para que lles solten cartos. Descóbrense. Introducen outros costumes. Novos tempos que, nalgúns xestos, chocan coa tradición.

 



book | by Dr. Radut