Xaneiro 2019

Día da Paz 2019

Ao longo da semana da Paz, realizamos durante a Hora de ler diversas actividades para conmemorar dita data.

Mamá, quero ser Ziggy Stardust

MAMÁ, QUERO SER ZIGGY STARDUST

Hoxe que conmemoramos o día da paz e non violencia, tod@s nós acompañamos na súa viaxe polo seu universo a AINE, a protagonista do libro, “Mamá, quero ser Ziggy Stardust”, agasallo da concellería de educación de Ourense.

Con este sinxelo acto queremos alzar a voz polo dereito ás diferenzas, a ser como cada un queira ser, a mirar aos outros sen prexuízos.

Porque tod@s levamos dentro un chisco dese home das estrelas que mira ao mundo crendo que merece a pena coñecernos e respectarnos os uns aos outros tal e como somos.

Queremos agradecer a Abraham Caride, un artista fóra do circuito convencional, que nos permitise visitar o seu espazo de arte e compartir con nós as súas obras sobre David Bowie e algunas das súas experiencias.

E como recoñecemento a tod@s @s Ziggy Stardust que só piden un espazo para ser eles mesm@s …

“ There´s a starman waiting in the sky … ”

Obradoiro de Igualdade e interculturalidade

O 16 de xaneiro o alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria participou nun obradoiro de igualdade de xénero e interculturalidade que desenvolveu a Asociación Xarela na biblioteca do noso centro.

 

Charla sobre o programa "Pilabot"

O 18 de xaneiro, dentro do programa-concurso PILABOT que organiza a Xunta de Galicia xunto a Ecopilas, ERP e Ecolec, sobre a recollida selectiva de pilas e acumuladores, o alumnado de 3º e 4º participou nun obradoiro sobre que son as pilas, as súas partes, como se reciclan ou como podemos cambiar os nosos hábitos de consumo.

Ao remate da sesión, participamos nun concurso no que gañamos todos/as.

Ata finais de mes estamos en prazo de recoller no colexio pilas e acumuladores para o  concurso que promove esta actividade.

O fío vermello

Na última semana do mes de decembro realizamos o concurso de lectura sobre o libro “O fío vermello” que  é unha obra conmovedora onde An Alfaya é capaz de dirixirse aos nenos de forma directa e intelixente. Unha obra onde pesan os sentimentos, onde cada personaxe está construído con precisión, onde non hai lugar para as concesións e onde os nenos manifestan os seus ideais e intelixencia de xeito rotundo.

Hai libros que se tecen coa intensidade dos sentimentos, que revolucionan o mundo dos nenos, que tinguen o universo de vermello. Iso é o que sucede con O fío vermello, de An Alfaya.

Sinopse:

Un día, Carlo decide illarse na terraza e non saír ata que os adultos que o rodean lle conten a verdade sobre o paradoiro do seu irmán Nicola. Fai xa moitos días que se foi e Carlo comeza a sospeitar que todo o que lle contaron sobre a súa marcha é mentira. Por iso comeza unha singular folga de silencio e illamento.

Elisabeta, unha compañeira de clase bastante calada , acompañará a Carlo no seu encerro. Xuntos descifrarán xeroglíficos numéricos, falarán de astronomía grazas ao caderno do bisavó Enrico e conversarán con Parda, unha tartaruga coa que se comunican mediante un idioma composto por números e sons. Pero hai outro elemento que tamén xogará un decisivo papel na historia: unha madeixa de perlé vermella que se irá desfacendo á vez que Carlo vai descubrindo a verdade sobre o paradoiro do seu irmán.

Na noite das Perseidas, Carlo e Elisabeta vivirán unha experiencia máxica que lles fará recuperar a esperanza sobre o regreso de Nicola e que lles fará comprender que hai cousas que as matemáticas e a lóxica non poden explicar.

Desta volta, igual que fixemos en concursos anteriores, a parella gañadora recibiu como agasallo un exemplar do libro que traballaremos nas próximas semanas na Hora de ler titulado “Herik y Harald, guerreros vikingos” de B. Évano.