try another color:
try another fontsize: 60% 70% 80% 90%

PIALE 2019

A profesora de inglés Natalia Regueiro participou nunha actividade de formación (PIALE) o pasado mes de outubro na cidade de Ottawa (Canadá). Nunha recente reunión co profesorado do centro compartíu as súas experiencias e aprendizaxes ensinándonos a seguinte presentación:

PINCHA AQUÍ PARA ABRIR A PRESENTACIÓN

 

 

 

XORNADA DE EMPRENDEMENTO NO I.E.S. RIBEIRA DO LOURO

Os departamentos de Administración e Economía do I.E.S. Ribeira do Louro organizamos unha xornada sobre emprendemento, no marco do Plan "Actúa - Eduemprende" da Consellería de Educación.

Durante dita xornada contamos coa intervención de María Traveso, en representación do IGAPE, quen nos falou sobre as principais axudas que desde esta institución ofrecen aos empresarios galegos e nos refrescou acerca dos aspectos clave que debe cumprir todo Plan de empresa.

Por outra banda, desfrutamos coas testemuñas de dous emprendedores da zona: Antonio Rodríguez, de “Eltega” e Pablo Rodríguez, de “El Ultramarino”.

Antonio Rodríguez é o socio fundador da empresa Eltega, unha compañía que oferta servizos de electricidade, informática e telecomunicacións de xeito integral en toda a comunidade. Tal e como aprendimos, a súa vantaxe diferencial reside no feito de englobar estes tres servizos nunha mesma compañía.

Pablo Rodríguez ten fundado a tenda El Ultramarino, un negocio especializado na venda e degustación de produtos locais de alto valor engadido que ademais actúa como distribuidor. Tal e como nos comentou, o seu produto estrela son as cestas persoalizadas de alimentos e bebidas garantindo unha coidada selección de referencias.

Dende o centro queremos agradecer públicamente a asistencia dos intervintes.  Estamos seguros de que as súas testemuñas aportaron unha dose de motivación extra e un coñecemento moi valioso aos nosos estudantes (e potenciais emprendedores, quen sabe...;)

 

 

 

 

Viaxe cultural a Madrid

Alumnado de 1º de Bacharelato viaxou a pasada semana a Madrid dentro dunha actividade cultural organizada conxuntamente polos departamentos de Lingua Española, Ciencias Sociais e Música. Os nosos compañeiros realizaron diversas visitas: á exposición sobre os 100 anos da Biblioteca Musical do Centro Cultural Conde Duque; asistencia ao musical de "Billy Elliot" e ao teatro "Fortunata y Benito"; e desfrutaron da arte nos museos do Prado e Reina Sofía. Por último, á volta da viaxe, visitaron tamén a monumental cidade de Segovia. 

 

Aberta a inscrición para as probas de acceso aos ciclos superiores

Do 10 ao 19 de febreiro estará aberto o prazo de inscrición para a realización das probas de acceso a ciclos superiores de formación profesional correspondentes á convocatoria 2020.

A solicitude é obrigatoria facela pola aplicación informática https://www.edu.xunta.es/ciclosprobas/PaxinaInicio.do

As solicitudes creadas no asistente web teñen que ser entregadas nun centro de inscrición, xunto coa documentación que se indique na instancia. O centro procederá á validación da solicitude e entregará unha copia á persoa solicitante aos efectos de resgardo. En tanto non se efectúe este trámite non quedará feita a matrícula.

Mais información en http://www.edu.xunta.es/fp/acceso-grao-superior-convocatoria-actual

 

INFORMACIÓN RESERVA DE PRAZA ALUMNADO CENTROS ADSCRITOS

A reserva de praza para o vindeiro curso escolar 2020/2021 dos centros de primaria e secundaria adscritos ao IES Ribeira do Louro  formalizarase do 1 ao 17 de FEBREIRO de 2020 na secretaría dos propios centros ou a través da SEDE ELECTRÓNICA da Consellería de Educación vía on line.

Centros de primaria:

  • CEIP Plurilingüe Antonio Palacios
  • CEIP Budiño
  • CEIP da Ribeira

Centros de secundaria:

  • CPR Santo Tomás

 

Proxecto Ríos

Durante o primeiro trimestre, parte do alumnado de 1eiro da ESO participou no proxecto de Erasmus LivingRivers coa recollida de microtoponimia que bordease diferentes afluentes do río Louro e beiras dese mesmo río. O requisito de escolla é que se situasen nos concellos do Porriño e Mos, localidades do noso estudantado.

Este foi un traballo con diferentes fases. En primeiro lugar, as estudantes tiveron que investigar cal era o río ou afluente que tiñan máis preto das súas residencias. Deste modo, pasaron a coñecer unha pequena parte da inmensa riqueza hídrica que ten a nosa contorna.

Unha vez determinada a área de traballo, aprendemos a usar os mapas con información catastral. E, finalmente, coñecemos como se debe realizar un traballo de recollida toponímica: a localización dos espazos de interese, a escolla da persoa informante adecuada e a gravación da entrevista que nos daría a información que precisamos.

Foi un traballo moi completo con un interesante resultado que podedes consultar na foto que acompaña este artigo e no doc anexo a este.

Mais aínda non acabou o noso traballo dentro deste proxecto...

I Concurso

 

O IES Ribeira do Louro faise ver e oír polo clima”

 

O Ribeira do Louro promove dende hai tempo diversas actividades nas que a comunidade educativa amosa a súa sensibilidade fronte ao cambio climático e pretende espallala pola súa contorna. Por iso, agora decide por en marcha un concurso de slogans e/ou debuxos.

 

Cal é a idea?

 

A idea é crear ou deseñar un logo e/ou slogan con algún motivo ou reseña que sensibilice as persoas a ter unha participación activa na proteción do planeta fronte ao cambio climático.

 

O traballo gañador empregarase para a elaboración de materiais que permitan a promoción e divulgación da campaña (camisetas, bolsas de algodón e botellas de auga reutilizables).

 
 
 

REUNION EN TURQUIA DO IES RIBEIRA DO LOURO POLO PROXECTO LIVINGRIVER

O IES Ribeira do Louro do Porriño está a participar do 4 ao 6 de novembro no 3th Transnational Project Meeting dentro do Programa de Erasmus+ "LivingRiver: Caring and Protecting the Life and Culture Around Rivera and Stream"  en Balikesir, Turquía. Neste encontro reúnense institucións de catro territorios: Turquía, Rumanía, Portugal e Galicia.

 En representación do centro porriñés están tres docentes de cadanseu departamento. Alí trátase o desenvolvemento do proxecto que ten como obxecto de traballo a análise dos ríos, da súa conservación e da vida que se desenvolve ao redor del, tanto biolóxica como humana, cultural e histórica.

 Os distintos socios no proxecto avalían o seu desenvolvemento. Ademais, visitan centros formativos de secundaria do país anfitrión, que tamén participan neste programa internacional financiado pola Unión Europea.

 Un dos obxectivos desta reunión é organizar a viaxe que fará o noso alumnado a cidade turca de Edremit no vindeiro mes de outubro. Alí serán acollidos pola Universidade de Balikesir e os centros de secundaria asociados. Neste encontro internacional de estudantado de secundaria, presentarán todo o traballo que están a desenvolver no centro de Torneiros sobre o río Louro e afluentes, coordinados polos departamentos de Bioloxía e Lingua Galega. Ademais, nestas xornadas o estudantado asistirá a formación específica centrada na tecnoloxía e na comunicación.

A presente reunión de traballo é unha complementación das xornadas formativas para o profesorado implicado que tiveron lugar na Universidade de Coimbra do 21 ao 24 do pasado mes de outubro. Nelas as docentes recibiron os modelos de traballo para aplicar co estudantado no instituto do Louro.

Distribuir contido