Skip to Content
ADMINISTRACIÓN E XESTIÓN COMERCIO E MÁRKETING ELECTRICIDADE E ELECTRÓNICA INDUSTRIAS EXTRACTIVAS EDIFICACIÓN E OBRA CIVIL FCT / BOLSA DE EMPREGO

CM PEDRA NATURAL

CICLO DE GRAO MEDIO DE PEDRA NATURAL

 

¿POR QUE DEBES ESTUDAR ESTE CICLO NO IES RIBEIRA DO LOURO?

¿Gustaríache obter unha titulación na que sempre vas atopar traballo nos próximos 25 anos? Debido á alta demanda de profesionais especializados no sector, as tendencias no mundo da construción e a profunda innovación existente nos negocios da área de Porriño, as empresas están a apostar moi forte por esta formación regrada para asegurarse a subsistencia do sector a nivel de recursos humanos, do mesmo xeito que fixeron previamente a nivel de materias primas.

¿Queres unha formación única e remunerada que che permita estudar mentres tes un ingreso? Este ciclo, único en Galicia en Porriño, asegura unha rápida entrada no mercado laboral, cunha formación parcial nas empresas durante a cal xa se percibirá unha remuneración de 800 €/mes (un dos convenios máis altos de Galicia para a FP dual) para poder cubrir posibles gastos.

¿Gustaríache entrar nun sector con capacidade de progresar na empresa ata postos de responsabilidade? A formación específica que se impartirá neste ciclo, formación da que non dispoñen os actuais traballadores, asegura unha formación xeral do sector que habilita aos alumnos para ocupar posto intermedios e altos no sector a medio prazo unha vez adquirida certa experiencia. Esta afirmación está baseada na experiencia dun ciclo similar fai uns 15 anos que nutriu ás empresas de distintos encargados e xefes de sección, postos que aínda ocupan actualmente.

¿Interesaríache desenvolver a túa capacidade creativa nun perfil innovador sen coñecementos previos en deseño e programación? Con formación específica en oficina técnica e unha metodoloxía de traballo baseada en proxectos, o perfil de alumnado con coñecementos en pedra, nos materiais e propiedades, fan que sexan un perfil moi interesante para ocupar postos na industria do sector en comparación con posibles delineantes sen coñecemento do material de traballo.

¿Queres competir con outros países desde Porriño, como potencia mundial no mundo do granito? O feito de coñecer a pedra, o seu comportamento, propiedades e tratamentos, ademais da formación en inglés que se recibirá, potencian as posibilidades de ter un traballo comercial internacional, dado que actualmente a parte de importacións e exportacións ocupan unha parte moi importante no sector.

¿Gustaríache viaxar por territorio nacional e internacional para coñecer como funciona o sector? Ademais da formación, outorgámoslle unha gran importancia ao coñecemento do sector tanto a nivel nacional como internacional. Por iso, ademais da formación, realizamos saídas a:

  • Centros de traballo das empresas do convenio.
  • Visita a outras empresas relacionadas co sector.
  • Feiras relacionadas coa construción e a pedra natural.
  • Estancias noutras escolas por Europa.

¿Gustaríache poder optar a bolsas de mobilidade Erasmus, unha vez finalizada a formación do ciclo? Ao tratarse da modalidade dual, a formación en empresa realizarase nas empresas do convenio. Pero unha vez finalizada esta formación, existe a posibilidade de, se se está interesado en coñecer outras metodoloxías de traballo, optar a bolsas de mobilidade Erasmus por distintos países.

¿Queres coñecer a importancia do sector desde distintos puntos de vista? O profesorado que imparte os distintos módulos pertence a distintos ámbitos, o que potencia e complementa a formación, ao ter unha visión global desde distintos puntos de vista. Actualmente contamos cun gran equipo de profesionais arquitectos, enxeñeiros civís e especialistas en pedra natural cunha ampla experiencia no sector de restauración, fabricación, colocación… E principalmente un equipo moi empático, adaptado aos tempos e con moitas ganas de colocar este ciclo no lugar que merece a través de proxectos que compitan con outros FP de Galicia e outras comunidades autónomas.

Se che interesa todo o exposto anteriormente, con este ciclo formativo medio de Pedra Natural, coñecerás o proceso de formación das distintas variedades de roca ornamental, as propiedades de cada unha delas, desenvolverás as túas capacidades creativas de deseño en 2D e 3D para labores de oficina técnica, coñecerás a automatización de tarefas mediante a maquinaria de última xeración ademais de aprender a programar máquinas de control numérico. Asimilarás os distintos procesos de corte e coñecerás os distintos tratamentos superficiais para acabado dos produtos en pedra. Aprenderás a manexar os materiais con guindastre e carretillas, a traballar a pedra con maquinaria pequena e desenvolverás proxectos para renovar instalacións do instituto en pedra. Contarás cun grupo de docentes con ampla experiencia profesional en varios ámbitos da construción (canteira e fábrica transformadora de granito, restauración da Catedral de Santiago, obra civil en centros históricos de municipios con solados e elementos ornamentais en pedra…)

¿QUEN PODE CURSAR ESTE CICLO?

Para poder matricularse no ciclo os candidatos deben de superar algunha das seguintes vías de acceso:

                • Título de ESO ou equivalente.
                • Título de FP básica.
                • Proba de acceso a grao medio.
                • Calquera outra titulación oficial de nivel superior
                • Titulación homologada doutro país de nivel similar aos citados

¿CALES SON AS SAÍDAS PROFESIONAIS DO CICLO?

Tanto se decides emprender montando a túa propia empresa como traballando por conta allea, dada a evolución do sector e a demanda de man de obra cualificada, podes dedicarte a:

  • Técnico especialista en oficina técnica de proxectos de pedra natural
  • Técnico especialista en restauración: pode traballar na restauración e na conservación de edificios e monumentos históricos en pedra natural.
  • Vendedor/comercial de pedra natural: pode traballar como comercial para fábricas ou tendas especializadas en pedra natural, vendendo materiais a nivel nacional e internacional.
  • Técnico especialista en extracción: pode traballar na extracción de pedra natural en canteiras.
  • Técnico especialista en produción: pode traballar na produción de materiais e elementos singulares en pedra natural.
  • Técnico especialista de máquinas de control numérico.
  • Técnico especialista na instalación de fachadas ventiladas
  • Marmorería especializada en produtos comerciais ou outros produtos máis especiais.

Evolucionando no sector ata chegar a desempeñar, grazas á formación adquirida, postos relevantes no sector, como encargados, xefes de equipo etc.

¿CANTO DURA O PERÍODO DE FORMACIÓN NA EMPRESA?

O ciclo medio de Técnico en Pedra Natural ofrécese, unicamente en toda Galicia, no Instituto Ribeira do Louro de Porriño na modalidade de dual. FP dual implica parte da formación na empresa, durante uns cinco meses e medio por curso, formación remunerada cun dos convenios máis altos de toda Galicia, uns 800 € mensuais. O ano está distribuído nun período formativo no centro educativo e un período formativo remunerado nas empresas, temporalidade que se mantén para os dous cursos dos que dispón o ciclo.

¿EN QUE HORARIO SE IMPARTEN AS CLASES?

O ciclo medio de Técnico en Pedra Natural ofrécese, unicamente en toda Galicia, no Instituto Ribeira do Louro de Porriño na modalidade de adulto. A modalidade de adulto implica que o horario de clases será de tarde durante o período de formación no centro educativo.

O horario durante a formación na empresa dependerá de cada unha das empresas, con flexibilidade para poder adaptarse a transportes e algún outro condicionante especial.

¿ONDE SE PODE REALIZAR A FORMACIÓN NA EMPRESA?

Este ciclo é unha iniciativa impulsada ademais de pola Consellería de Educación e o IES Ribeira do Louro, por varias empresas do sector da zona. Actualmente no convenio da primeira promoción contamos con 10 empresas de gran relevancia mesmo a nivel internacional: 

  • Granitos de Atios, S.A.
  • Grupimar, S.L.
  • Godoy Maceira, S.L.
  • Granitos Cabaleiro, S.A.
  • Levgranite, S.L.U. (Grupo Levantina)                     
  • G.I. Granitos Ibéricos, S.A.U.
  • Lemmar Granite, S.L.
  • Minera de Rocas, S.L.U.
  • Blokdegal, S.A.
  • Mármoles Gallego
       

Debido ao éxito desta primeira promoción, e á repercusión que está a ter esta formación para o sector a nivel galego e mesmo nacional, para a segunda promoción xa contamos con tres novos socios confirmados para o convenio próximo e o interese de máis empresas do sector da zona e arredores.

O obxectivo do departamento neste aspecto é contar con empresas que abarquen todo o proceso produtivo para unha formación máis completa para os que serán os futuros dinamizadores e innovadores do sector.

¿CALES SON OS MÓDULOS QUE SE ESTUDAN?

O ciclo consta dos seguintes módulos distribuídos en dous cursos, onde a maioría dos módulos constan con formación na empresa ademais da formación no instituto, fóra de Inglés (materia que se imparte nos dous cursos), Formación e Orientación Laboral (FOL) e Empresa e Iniciativa Emprendedora (EIE).

Curso 

Módulo profesional 

h/sem

Corte de bloques

3

Tratamentos superficiais

1

Modelos en obras de pedra

7

Coñecemento e extracción de pedra

5

Talla e montaxe de pedra natural

7

Lingua estranxeira profesional para CM I

3

Formación e orientación laboral

6

Comercialización de obras de pedra

4

Elaboración de pezas

4

Montaxe de pedra natural

7

Restauración de pedra natural

7

Tecnoloxías de mecanizado en pedra

3

Lingua estranxeira profesional para CM II

3

Empresa e iniciativa emprendedora

3

¿CANDO TERMINE O CICLO QUE PODO FACER?

Este ciclo medio está orientado cara a unha entrada rápida no mercado laboral. A alta demanda de persoal especializado fai del unha oportunidade única para coñecer un sector que che aseguraría traballo en calquera momento da túa vida profesional. Ademais, se tes outras inquietudes, tamén che dá acceso a continuar con estudos de nivel superior.

  • ACCEDER AO MERCADO LABORAL: Na actualidade, e con estas primeiras promocións, asegúrase unha taxa de inserción do 100% para todo o alumnado que desexe entrar no sector. A pesar da rápida evolución de todo o mercado laboral, este sector, dade a súa alta especialización, garante unha profesión na que facer carreira e progresar a medida que se vaia adquirindo experiencia. A alta demanda de profesionais do sector na zona augura un bo futuro a todo aquel que se anime a emprender co seu propio negocio.
  • SEGUIR ESTUDANDO: Dada a boa predisposición do sector privado, e tras o éxito desta primeira promoción, está a barallarse a posibilidade coa administración educativa de aumentar a formación desta familia profesional. Ademais, existe a posibilidade de continuar a formación con CS doutras familias profesionais, que poden ter relación directa e indirecta co sector, como poden ser Construción, Transporte ou Comercio internacional.

¿COMO DE IMPORTANTES SON OS IDIOMAS NESTE CICLO?

Vendo como funcionan actualmente todos os mercados, e outorgando a Porriño a categoría de potencia mundial, competindo con países como Italia ou Brasil no mercado mundial do granito, ter coñecementos de inglés básicos e técnicos do sector antóllase imprescindible para poder acceder a postos de maior relevancia dentro das empresas. É por iso que este ciclo medio, conta con formación en inglés en ambos os cursos.



page | by Dr. Radut