Skip to Content

Período de vacacións de Semana Santa

Informamos que segundo o calendario escolar fixado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades o período de vacacións de Semana Santa abrangue dende o LUNS 25 DE MARZO ATA O LUNS 1 DE ABRIL ámbolos dous incluídos, polo que as clases reanudaranse o vindeiro MARTES 2 DE ABRIL, no horario habitual.

As notas correspondentes ao 2º trimestre publicaranse en Abalar o venres 22 de marzo ás 16:00 horas.

Aniversario Xoel

Xa van cinco voltas arredor do Sol! Estes nenos medran sen parar!

O mércores, por fin, coa clase ao completo celebramos o aniversario de Xoel cunha artística tarta de plastilina con cinco veliñas alumeando que Xoel soprou con moita forza. Tamén inflamos globos e Xoel repartiu emocionado os caramelos entre os seus compañeiros e compañeiras. Parabéns Xoel!

Concurso de Fotografía Medioambiental

Con esta proposta o que queremos é que o alumnado xunto coas súas familias nos remita fotografías coa temática proposta. A fotografía deber ter carácter medioambiental e estar relacionada coa protección da flora e fauna autóctonas e debe contar cun slogan ou título. Valorarase a orixinalidade, o deseño e o contido. Haberá tres fotografías premiadas e un pequeno agasallo para tódolos/as participantes.

 

TEMÁTICA
Este concurso pretende ser un reflexo da nosa realidade actual, visibilizando a acción humana no medio ambiente, recoñecendo e valorando a creatividade a través da fotografía e favorecendo o contacto coa natureza. As fotografías deben ter carácter medioambiental e estar relacionadas coa protección da flora e fauna autóctonas deben contar un slogan ou título e o nome do autor/a.  

BASES
-Pode participar todo o alumnado do centro así como o resto da Comunidade Educativa.
-As fotografías deben ser necesariamente orixinais e inéditas.
-O número máximo de fotografías que pode presentar cada participante é de cinco (5).
-As imaxes poden ser en cor ou branco e negro.
-O feito de participar neste concurso autoriza a difundir, empregar, exhibir, publicar e imprimir calquera das fotografías presentadas.
-Haberá tres gañadores e un pequeno agasallo para tódolos participantes.

Ciencia sobre rodas

Este mes contamos coa maleta de ciencia na nosa biblioteca. Vén cargada de libros interesantísimos sobre mulleres e homes científicos, curiosidades da nosa natureza, e experimentos que realizar. Este material de préstamo do equipo de Bibliotecas Escolares estará a disposición da nosa comunidade educativa durante uns días. Preparados para aprender ciencia?

Nova moza na oficina

Moi traballadora está a nosa nova integrante! E é que dende que recibimos esta impresora 3D non deixou de traballar! Os nenos, nenas, mestres e mestras estamos inmersos en sacarlle todo o partido que poidamos, así que toca atendela, aprender a usala, coidala e espremer todas as súas posibilidades.

True true aterrando!

A programación de robots é unha das actividades que máis chaman a atención ao alumnado pois a tecnoloxía leva implícita motivación. Partindo desta premisa, esta semana iniciamos ao alumnado na lectura e interpretación de secuencias de programación cun interesantísimo kit de robots TRUE TRUE!

O alumnado de primaria atópase inmerso na exploración e aprendizaxe do funcionamento destes aparellos. Están resultando ser unha forma moi atractiva de achegar aos máis pequenos ao mundo da robótica e ademais, están poñendo a proba as súas habilidades de pensamento computacional, o que pode espertar neles capacidades, competencias e coñecementos que se afastan do estritamente curricular. Ademais resultan un xeito de aprender moi manipulativo e lúdico, que é o que máis nos gusta!!! Proximamente seguiremos vendo o que se lles ocorre facer con estes bechiños!

Hugo: Diversidade, convivencia e beleza

O pasado luns 11 de marzo o alumnado de Educación Primaria foi ao Auditorio de Ourense para ver a obra de teatro "Hugo" que aborda o trastorno do espectro autista na infancia dende a empatía e a sensibilidade, falando de diversidade, de convivencia e da beleza de ser diferentes.

Aprendemos que ser diferentes nos fai moi grandes! Ademais, compartimos novamente a xornada cos nosos compañeiros e compañeiras do CPI Laureano Prieto da Gudiña e pasámolo en grande! E que mellor xeito de convivir que construíndo relacións positivas e intereaccionando con outros nenos e nenas cos que pouco a pouco imos establecendo relacións de amizade.


Concurso De Recitado Poético: Rosalía sempre viva

O alumnado da clase de 1º e 2º de Educación Primaria participou no VIII Concurso De Recitado Poético “Rosalía sempre viva” convocado pola casa-museo de Manuel María. Este concurso ten como finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e recitado da obra de Rosalía e de Manuel María.

Na primeira fase, que se levou a cabo no centro, resultaron gañadores Arón, David e Mía. Os tres seleccionados foron o pasado sábado 2 de marzo a Outeiro de Rei para participar na fase final. E aínda que a gañadora da fase final foi Daniela do CPI de Xanceda. Arón, David e Mía tamén o foron porque foron os protagonistas dunha xornada única na que brillaron con luz propia. Ademais tiveron a sorte de visitar a Casa Museo de Manuel María que é unha caixa de lembranzas tanto da súa persoa coma da súa obra. Puidemos ver os seus libros, as súas fotos, a súa maquina de escribir, unha colección de navallas...

Só nos queda agradecer a Arón, David e Mía e as súas familias a súa total colaboración para que a xornada decorrese con tanto éxito e que os/nos acompañaran con tanto agarimo, así como polo trato que nos dispensaron Antón e todas as persoas da casa-museo do poeta.

"Non hai barreira, pechadura nin parafuso que poida impoñer a liberdade da miña mente" Virxinia Woolf

Este mes na Biblioteca quixemos aproveitar o recuncho de recomendacións de Toni para conmemorar o 8M, o día internacional da Muller. Por iso, este mes, podemos atopar nestes andeis libros sobre mulleres valentes e fortes da historia que no seu día, por mor das desigualdades, non foron recoñecidos os seus logros e traballos como se debería.

Tamén queremos igualmente por en valor a todas as mulleres que están nas nosas vidas, nais, irmás, avoas, tías, amigas... para que se sigan sentindo orgullosas do que son, do que fan, e dos seus logros e obxectivos.

EXTRA! EXTRA!

Que paren as rotativas! o novo xornal "MINIREPORTEIROS DO NOSO" está en marcha, e os nosos xornalistas non paran de escribir artigos contándonos cousas sobre as novidades, acontecementos e celebracións da nosa escola e da contorna. Con motivo da Semana da Prensa, o alumnado está aprendendo moitas cousas sobre as noticias en soporte físico e dixital, e coa intención de recuperar neles o interese por este último, decidimos comezar a crear o noso propio xornal/revista, que esperemos podamos desfrutar todos proximamente.

Distribuir contido


by Dr. Radut