Skip to Content

Novas

Veredicto do Concurso de Fotografía Medioambiental

E xa temos gañadores/as do concurso de Fotografía Medioambiental! Non nos cansamos de ver día a día canto talento hai entre o noso alumnado e as súas familias pois fixeron un traballo espectacular! Os votos das familias foron moi pero que moi repartidos. Podedes ver no documento adxunto quen foron os afortunados/as e ver un vídeo dos magníficos traballos presentados. Parabéns aos gañadores/as!!! Recibiredes proximamente o voso agasallo e tamén o resto de participantes. E lembrade...

"Os gañadores non sempre ganan, e os perdedores non necesariamente deben perder" Martin Landau

Nota: As fotos 2 e 22 están repetidas pero isto non afectou nas votacións.

Mes do Medio Ambiente na biblioteca

Ensinar a coidar o medio ambiente é ensinar a coidar a vida. Na biblioteca do cole temos claro que todas as aprendizaxes son importantes e vitais para un desenvolvemento persoal e social completo. A adquisición dos valores morais dende ben pequenos axudaranos a crear un mundo mellor, e unha parte crucial deles é o respecto e coidado do medio no que vivimos.

Mochilas viaxeiras artísticas

En outubro, o alumnado do noso centro recibiu un envío dende o espazo exterior de Toni, a mascota da biblioteca. Unha mochila chea de recursos na que, entre outras cousas, atopou libros de manualidades. Os nosos pequenos e pequenas en conxunto coas súas familias foron facendo algúns traballiños ao longo do curso nos que amosaron as súas dotes artísticas creando arte con material de refugallo.

Fomentouse así a imaxinación, a liberdade creativa e a eficiencia no uso dos recursos. Recursos reutilizables cos que familias e alumnado se divertiron creando.  
Aquí vos deixamos unha escolma orixinal e chea de creatividade.  

Visita á cidade Herculina

O venres 12 de abril o alumnado de 4º 5º e 6º de Educación Primaria foi de excursión á Coruña.

Tocou madrugar moito pero pagou a pena! Primeiro visitamos SOGAMA, complexo medioambiental situado en Cerceda no que se xestionan e tratan os residuos urbanos producidos no territorio galego. Aquí, repasamos como reciclar correctamente ademais fixemos un xogo que superamos con nota!

Tamén fixemos unha visita pola planta cunhas gafas virtuais e percorremos en bus os diferentes espazos onde se realiza a separación dos residuos.
Para xantar visitamos a Torre de Hércules, onde gozamos dunhas fermosas vistas e dun día espectacular!

Á tarde visitamos o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía). Un museo que ten diferentes espazos expositivos nos que puidemos ver a parte dianteira e o tren de aterraxe dun BOING 747, un acelerador de partículas, aparatos tecnolóxicos, instrumentos científicos e ata vehículos de transporte. Participamos nun obradoiro de química no que en pequenos grupos fixemos algúns experimentos.

Unha saída moi enriquecedora que compartimos cos nosos compañeiros e compañeiras do CEIP O Castiñeiro de Laza.

Tras un longo e divertidísimo día, emprendemos a viaxe de volta na que fixemos unha parada técnica para merendar. Foi unha xornada xenial!


O noso cole... nas rotativas!!!

Como cada mes Voz Natura proponnos un novo reto. O mes de abril é a quenda do #RetoConcienciamos e nesta ocasión fomos noticia na Voz de Galicia! Non vos perdades a publicación! Podedes atopala no seguinte enlace:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2024/04/01/nuevo-mes-nuevo-ecorreto-participantes-voz-natura/0003_202404G1P24992.htm

#ECO-RETO CONCIENCIAMOS

Dende o noso centro cremos que é fundamental seguir impulsando as accións e a concienciación medioambiental, por este motivo, e dende que comezou o curso, non paramos!

Consideramos que a relación que temos as persoas coa natureza esixe cambios inmediatos que freen o dano que se está a ocasionar ao medio ambiente e ao noso planeta.

Conscientes de que o Nadal é unha data onde se consume moito e se mercan infinitos enfeites de Nadal decidimos crear adornos reciclados cos que puidemos decorar de forma sostíbel a nosa árbore de nadal.

En novembro da man de Tomás, axente das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, e máis concretamente do Seprona, participamos nunha xornada formativa sobre Protección da Natureza.

Ademais participamos en proxectos como Pilabot, ou o Plan Proxecta, concretamente o de Recíclate con Sogama. Coa nosa participación nos mesmos pretendemos que o noso alumnado sexa unha parte activa na xestión dos refugallos e que os nosos nenos e nenas actúen como axentes dinamizadores das boas prácticas ambientais na súa contorna familiar e social.  

No centro temos convocado un concurso de fotografía medioambiental que está a resultar un éxito! Non só polo extraordinario material que estamos a recibir senón porque unhas actividades están a desencadear outras. Un exemplo é a familia do noso alumno Gael que aproveitou para recoller e reciclar o lixo que atopou namentres facía fotografías para o concurso. Non pode ser máis satisfactorio!

Concurso de Fotografía Medioambiental

Con esta proposta o que queremos é que o alumnado xunto coas súas familias nos remita fotografías coa temática proposta. A fotografía deber ter carácter medioambiental e estar relacionada coa protección da flora e fauna autóctonas e debe contar cun slogan ou título. Valorarase a orixinalidade, o deseño e o contido. Haberá tres fotografías premiadas e un pequeno agasallo para tódolos/as participantes.

 

TEMÁTICA
Este concurso pretende ser un reflexo da nosa realidade actual, visibilizando a acción humana no medio ambiente, recoñecendo e valorando a creatividade a través da fotografía e favorecendo o contacto coa natureza. As fotografías deben ter carácter medioambiental e estar relacionadas coa protección da flora e fauna autóctonas deben contar un slogan ou título e o nome do autor/a.  

BASES
-Pode participar todo o alumnado do centro así como o resto da Comunidade Educativa.
-As fotografías deben ser necesariamente orixinais e inéditas.
-O número máximo de fotografías que pode presentar cada participante é de cinco (5).
-As imaxes poden ser en cor ou branco e negro.
-O feito de participar neste concurso autoriza a difundir, empregar, exhibir, publicar e imprimir calquera das fotografías presentadas.
-Haberá tres gañadores e un pequeno agasallo para tódolos participantes.

Aprende con Sogama

Este curso participamos no programa de innovación educativa "Recíclate con Sogama" enmarcado no Plan Proxecta+ da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Comprometidos coa reciclaxe, a recollida selectiva de residuos e o desenvolvemento sostible seguimos a traballar este curso cos tres "Rs" no noso centro: Reducir, Reutilizar e Reciclar.

Para facilitarnos esta tarefa recibimos no centro unha "illa de reciclaxe" conformada por catro contedores (amarelo, azul, marrón e verde).

Ademais, o martes 23 de xaneiro, o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria tivo a sorte de recibir un taller da man de Nuria co obxectivo de que sexan parte activa na xestión dos refugallos e que actúen como axentes dinamizadores das boas prácticas ambientais na súa contorna familiar e social.

Xornada formativa de Protección da Natureza

O mércores 8 de novembro tivemos unha xornada formativa sobre a protección da natureza e a prevención dos incendios forestais impartida por Tomás, axente das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, e máis concretamente do Seprona, no marco do programa Voz Natura.

O axente da Garda Civil explicounos que dentro deste corpo hai moitas especialidades, falounos da historia do mesmo e díxonos que en 1988 se creou a unidade do Seprona.

O Seprona ten diferentes áreas de actuación: vertidos, contaminación do medio ambiente, actividades cinexéticas e de pesca irregulares, defensa dos espazos naturais e a prevención, investigación e extinción de incendios. Neste eido, deunos indicacións de como evitalos pero tamén consellos de como escapar se un día nos atopamos no medio dun.

Non queda máis que agradecerlle ao axente Tomás a xornada tan interesante que nos impartiu e que respondera con tanto agarimo ás preguntas do noso alumnado. Xa agardamos unha nova sesión para o curso que vén! Grazas!

#RetoPlantamos

O pasado xoves 30 de marzo o alumnado de Educación Infantil asistiu a plantación de acivros, carballos, abelairas, capudres e pradairos co obxectivo de crear conciencia ecolóxica entre o noso alumnado e a poboación sobre a acción destrutiva dos incendios forestais.

Participamos con esta iniciativa no reto do mes de marzo enmarcada no Proxecto Voz Natura. Esta proposta, foi dirixida a plantar especies adecuadas para protexer os nosos ecosistemas, reducir o cambio climático e frear o deterioro do planeta.

As árbores plantadas polos nosos nenos e nenas están situadas nun espazo cedido polo Concello de Riós xunto á piscina e o Centro de Desenvolvemento Agroforestal. Un espazo que ata o momento estaba despoboado de árbores.Tanto o Concello coma a Consellería de Medio Rural colaboraron con persoal e ferramentas para facilitar a plantación.

A protección do medio ambiente é unha das principais liñas transversais que tentamos impulsar dende o noso centro. Ademais os nosos nenos e nenas tiveron a oportunidade de subir na motobomba e poder regar as árbores. E que ben o pasaron! Ademais agasalláronos cunha botelliña reutilizábel e unha fermosa camiseta.

Queremos manifestar o noso agradecemento para a Brigada de Pazos, ao condutor da motobomba da Pica, a Juan Arcos e ao Axente Ares. Tamén ao Concello de Riós pola colaboración que sempre nos ofrece e a Laura que estivo en representación do mesmo.

Distribuir contido


by Dr. Radut