Skip to Content

EDLG

Recuperando voces perdidas II

Con motivo da Semana do Libro o noso alumnado recitou poemas de Rosalía de Castro, Anisia Miranda, Gloria Fuertes, Álvaro Cunqueiro, etc. aquí vos deixamos unha fermosa escolma.

Xogos tradicionais

Neste cole non nos aburrimos nadiña! Por iso desta vez tivemos unha xornada de xogos populares do máis interesante e apaixonante! Aprendemos o que é un trabalinguas, fixemos unha frauta con unha simple palliña, un soprador e xogamos ó Moco! Pasámolo fenomenal e Lito aprendeunos milleiros de truquiños que queremos compartir convosco! Nas Vendas non se para! Seguimos!

Concurso De Recitado Poético: Rosalía sempre viva

O alumnado da clase de 1º e 2º de Educación Primaria participou no VIII Concurso De Recitado Poético “Rosalía sempre viva” convocado pola casa-museo de Manuel María. Este concurso ten como finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e recitado da obra de Rosalía e de Manuel María.

Na primeira fase, que se levou a cabo no centro, resultaron gañadores Arón, David e Mía. Os tres seleccionados foron o pasado sábado 2 de marzo a Outeiro de Rei para participar na fase final. E aínda que a gañadora da fase final foi Daniela do CPI de Xanceda. Arón, David e Mía tamén o foron porque foron os protagonistas dunha xornada única na que brillaron con luz propia. Ademais tiveron a sorte de visitar a Casa Museo de Manuel María que é unha caixa de lembranzas tanto da súa persoa coma da súa obra. Puidemos ver os seus libros, as súas fotos, a súa maquina de escribir, unha colección de navallas...

Só nos queda agradecer a Arón, David e Mía e as súas familias a súa total colaboración para que a xornada decorrese con tanto éxito e que os/nos acompañaran con tanto agarimo, así como polo trato que nos dispensaron Antón e todas as persoas da casa-museo do poeta.

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

O 26 de febreiro celebramos o aniversario de Rosalía de Castro, escritora ilustre da nosa cultura galega, á que homenaxeamos con orgullo como muller valente, loitadora e icona da nosa tradición. Moitos dos seus poemas, ben coñecidos polos galegos e galegas, fan apoloxía á beleza da nosa terra, da nosa lingua e das nosas costumes.

Para recordala, este curso quixemos facer algo distinto en conxunto todo o centro. Os días anteriores a esta data, aprendemos a facer papel reciclado, como símbolo do amor que ela tiña pola natureza e os nosos bosques. Cada alumno fixo unha folla de papel, e logo unha rosa de papel vermella en homenaxe ao seu nome. Logo, nesas follas, escribimos anacos das súas verbas, e con todo iso, e aproveitando unha preciosa ilustración que nos fixo a artista Tania Solla, creamos un mural na entrada do centro.

Que vos parece o resultado? Nos estamos moi orgullosos/as do noso traballo, tanto como de ser herdeiros/as de Rosalía.

Concurso De Recitado Poético "Rosalía Sempre Viva"

Mía, Arón e David participarán no recitado de poemas "Rosalía sempre viva" a partir das 11:30 da mañá (con previsión de remate ás 13:00 horas).

O número de participantes e a limitación de espazo do auditorio da Casa-Museo fai que sexa importante para a axilidade do acto e tamén para a vosa propia comodidade (nenos/as, profesorado e nais/pais que acompañen) que teñades en conta o seguinte:

-No momento do recitado poderán estar presentes un máximo de 2 acompañantes por participante ademais do seu mestre/a.

HORARIOS

-Ás 11:25 chegada e acomodación no auditorio

-Ás 11:30 presentación e comezo do recitado da primeira e segunda categoría

-Ás 12:15 alumnado e acompañantes poden facer unha visita á Casa-Museo mentres se reúne o xurado

-Ás 13:00 entrega de premios

-Ás 13:30 remate da sesión

*Para as persoas que nunca estivestes na Casa-Museo Manuel María podedes seguir as indicación do Google Maps: (poñer simplemente Casa-Museo Manuel María).

VendasA: Entroido 2024

A continuidade da tradición está asegurada no Concello de Riós e é que o alumnado do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira comezou atendendo o xoves de compadres aos mandatos do Meco para dar comezo na semana seguinte ao noso tan agardado Entroido.

Durante semanas as nosas familias e o profesorado do centro traballaron con intensidade e con total implicación para confeccionar os disfraces que o noso alumnado debía lucir o día do Desfile Infantil.

Queremos dar infinitas grazas ás familias que con tanto agarimo dedicaron moitas horas a preparar unha nave espacial que, nalgún momento, nos fará chegar moi lonxe. Grazas de corazón!

Este ano foi un pouco triste para nós pois, por mor da borrasca Karlotta, o Concello de Verín viuse na obriga de suspender o Desfile Infantil de Entroido e aínda que foi aprazado para o seguinte xoves, desafortunadamente as condicións atmosféricas tampouco quixeron acompañarnos.

Pero tantísimas horas de traballo e ilusión non podían quedar esquecidas! A chuvia non nos botou atrás así que decidimos facer o Desfile de Entroido no pavillón e convidar a toda a Comunidade Educativa.

Os nosos nenos e nenas, que son os verdadeiros protagonistas, participaron no Desfile de Entroido acompañados polas súas familias e luciron os seus divertidos disfraces de foguetes, marcianos e astronautas. O desfile foi amenizado con música e é que as ganas de troula e emoción da nosa cativada eran moitas!!!

Felos de Maceda

Tratando de dar continuidade ás xornadas do Entroido que tivemos no centro o curso pasado, e co obxectivo de poñer en valor o Entroido, o pasado luns tivemos a sorte de aprender un montón de cousas sobre os Felos de Maceda.

Marcos, o noso compañeiro, con moitísimo agarimo explicounos algunhas características do traxe. A vestimenta dos Felos de Maceda, aínda que é moi similar á dos Cigarróns e Peliqueiros, presenta algunhas diferenzas. Visten medias negras e calcetíns de lá brancos. Teñen algúns elementos característicos como lucir vistosos colares ou levar un bastón que empregan de forma intimidatoria. A carauta do Felo ten un sorriso retranqueiro, grandes bigotes, amplas cellas e coloretes en ámbalas dúas meixelas. Na mitra píntanse animais propios da Serra de San Mamede. Outra diferenza significativa é que esta máscara loce un rabo de raposo no alto da mitra.

Grazas Marcos por compartir connosco unha xornada tan enriquecedora e por protexer co teu gran de area o noso patrimonio cultural inmaterial.

Mandatos do Meco: mércores 7

Mandatos do Meco: martes 6

Mandatos do Meco: luns 5

Distribuir contido


by Dr. Radut