Skip to Content

EDLG

Desexos de Nadal

A maxia do Nadal comeza cando, dentro dun cole coma o noso, pequenos e maiores se mesturan para escribir os seus desexos de Nadal.

Nós compartimos este momento tan fermoso onde a ilusión enche as nosas aulas e a entrada do cole porque a mellor mensaxe de Nadal é a que sae do silencio dos nosos corazóns e quenta con tenrura o de todas esas persoas que nos acompañan na nosa viaxe pola vida.

BO NADAL!

Podcast do Nadal

Despois dun arduo traballo de investigación, os nenos e nenas de 1º e 3º gravamos un podcast con algunhas das nosas tradicións á hora de festexar o Nadal. Non volo perdades!


Canción de outono

Os nenos e nenas de primeiro temos o pracer de presentarvos esta canción do outono que aprendimos co gallo da celebración do magosto. Agardamos que vos guste! 

Tempo de castañas - Magosto 2022

Outro ano máis celebramos o tradicional magosto no noso cole. Organizamos unha mañá de xogos tradcionais para todo o alumnado do centro. Despois comemos CASTAÑAS e que boas estaban!

Velaí unha pequena mostra.

Gañadores/as Concurso de cabazas

Unha vez máis o alumnado do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira amosou as súas dotes artísticas na decoración de cabazas relacionadas co tema da auga. O xurado (alumnado do centro e profesorado) tivo moi difícil a escolla polo alto nivel de creatividade dos/das participantes.

Parabéns aos gañadores/as deste IV Concurso de cabazas: Erik, Gael e Mía e grazas a toda a comunidade educativa por participar.

 

IV CONCURSO DE CABAZAS

BASES DO CONCURSO

1. Poden participar tódolos alumnos/as do centro.

2. Data de entrega do 24 ao 27 de outubro.

3. O xuri estará composto polo alumnado do centro e os equipos de EDLG e biblioteca.

4. A temática das cabazas será relacionada coa AUGA.

PREMIOS

Premio á mellor cabaza de Educación Infantil

Premio á mellor cabaza de 1º a 3º de Educación Primaria

Premio á mellor cabaza de 4º a 6º de Educación Primaria

Podcast: As vacacións de verán

Os nenos e nenas de 1º e 3º de Educación Primaria estreáronse no mundo dos podcast falando sobre as súas vacacións de verán. Escoitádeo no seguinte enlace, parecen profesionais!

Rock con Pakolas

O luns 16 de maio todo o alumnado e profesorado do centro, asistiu a un concerto  moi especial no salón de actos do centro.

Pakolas, é autor, compositor, músico, e tamén, produtor de música pensada para os cativos e cativas. Os nenos e nenas cantaron e bailaron a ritmo de rock a historia de Ramona Órbita, unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxías limpas.

Letras galegas 2022 e concurso de podcast

O grupo dos maiores está que sae! Desta vez, e para conmemorar as Letras Galegas 2022 prepararon un podcast titulado “O galeguismo e Florencio Delgado Gurriarán”.

Este ano o autor homenaxeado é o valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán ademais, con este podcast o noso alumnado participa tamén nos IV Premios de Podcast en galego e portugués, Xosé Mosquera Pérez “O vello dos contos”.

 

“Agros, mares e montes,

vilas, cidades, cities, towns, aldeias,

os recantos do Mundo...

¡Todo é terra galega!

"Contacontos tradicionais o 27 de abril"

Esta semana repetimos conta-contos con dúas convidadas de honra: a bisavoa e a nai de David P. de 4º de Educación Infantil, viñeron ao colexio a contarnos diferentes contos tradicionais. Esta vez, todos os nenos e nenas puideron gozar desta actividade por quendas. A bisavoa de David contounos uns contos breves rimados e a nai contounos contos populares que algún dos nosos cativos xa coñecía, pero que quedaron encantados por tan grata visita. Tanto foi así, que ata os nenos e nenas de educación infantil animáronse a contarlles a súa propia versión do conto da Carapuchiña Vermella.

Moitas grazas pola visita a Jessica e Beatriz.

Oxalá que non sexa a última!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut