Skip to Content

ANPA

O Apalpador e a nena sen medo

Grazas á ANPA do noso centro o pasado luns 11 de decembro gozamos da obra "O Apalpador e a nena sen medo" baseada nun poema de Sechu Sende.

O Apalpador trae cada ano desde o Courel castañas, presentes e aquilo que non temos. Por iso, a Nena sen medo lle escribiu unha carta moi especial, pedíndolle o que a ela lle faltaba, o seu desexo: palabras para encher o corazón e coas que poder voar en soños. Palabras en galego.

Foi unha actuación máxica, amena e divertida da que gozaron tanto alumnado como familias.

Chocolatada e panxoliñas de Nadal

O vindeiro xoves 21 de decembro remataremos o trimestre tomando chocolate ben quentiño ao que toda a comunidade educativa do centro está convidada.

Tamén haberá churros. Cos cartos que se recollan dos churros a nosa ANPA seguro que nos organizará algunha actividade ben interesante! Non podedes faltar!

Obradoiro de primeiros auxilios

O luns 4 de decembro tivemos no centro unha formación básica de primeiros auxilios a cargo da Cruz Vermella. Foi unha xornada onde familias e docentes aprendemos ou repasamos aspectos básicos nesta materia.

Os primeiros auxilios son aqueles xestos ou medidas que se adoptan inicialmente cun accidentado/ ou enfermo/a repentino, no mesmo lugar dos feitos, ata que se poida obter unha asistencia especializada.

Durante a sesión, practicáronse algunhas actuacións básicas de primeiros auxilios como: atragantamentos, queimaduras, e reanimación cardiopulmonar (RCP).

Lembramos que en situacións que requiren unha intervención de urxencia hai que observar unha conduta PAS (protexer, avisar e socorrer) sempre por esta orde.

Os equipos médicos serán os que nos darán instrucións do que debemos facer e non debemos facer nada sen consultalo primeiro tal e como ademais se recolle no protocolo de urxencias sanitarias e enfermidade crónica da propia Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

OBRADOIRO DE PRIMEIROS AUXILIOS

O luns 4 de decembro ás 16:00 horas as familias e o equipo docente da escola terán a posibilidade de participar nun obradoiro de primeiros auxilios da man da Cruz Vermella e organizado pola ANPA en coordinación co centro.

Ter coñecemento de primeiros auxilios mellora a capacidade das persoas para tomar decisións rápidas, reducir ou estabilizar lesións graves e mellorar as posibilidades de supervivencia dunha persoa ante unha situación crítica.

O Apalpador e a nena sen medo

Unha vez máis a ANPA do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira ten o pracer de convidarnos a un contacontos con monicreques para o Nadal.

A actividade terá lugar o vindeiro luns 4 de decembro ás 12:30 no Salón de Actos do centro. Agardámosvos!

Educando en igualdade

A educación é un pilar fundamental para avanzar cara a igualdade, ensinando a nenos e nenas dende pequenos a ter unha visión do mundo e da sociedade libre de prexuízos e estereotipas, traballando deste xeito, dende as raíces para construír unha sociedade onde tódalas persoas poidan vivir en plena igualdade e liberdade dun xeito real.

Con este obxectivo a ANPA do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira organizou para este próximo sábado 18 de novembro unha serie de actividades e obradoiros para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero.

O programa "A igualdade como punto de partida II" constará de distintas actividades para o desfrute das familias e o alumnado. Aquí vos deixamos o cartel informativo:

 

Actividade para a igualdade

A ANPA do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira ten o pracer de convidar a toda a comunidade educativa do centro a unha obra de títeres sobre a igualdade. A actividade terá lugar o 24 de novembro ás 12:30.

Despois de dar a volta ao mundo, Lúa sorprende a familia e amizades cunha gran nova: Agora quere ir a Marte!

Malia todos os atrancos e dificultades, Lúa non está disposta a renunciar ao seu soño de ser astronauta e fará todo o posible para logralo e poder así viaxar a Marte.

Unha actividade para fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Hai e houbo grandes mulleres científicas, investigadoras e astronautas, que o son o referente de Lúa para seguir adiante e enfrontarse aos impedimentos que se lle queren impoñer.

LOTERÍA DE NADAL

Lotería de Nadal da ANPA do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira. Sorteo 22 de decembro de 2023. 

20 euros + 3 euros de donativo =  PREZO 23 EUROS

Distribuir contido


by Dr. Radut