Skip to Content

Escolares

Coidamos a boca!

O alumnado de Educación Primaria participou hoxe dunha charla enmarcada no Programa de Saúde Bucodental “Mira que BOCA”. Cristina hixienista da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras foi quen nos explicou as funcións dos dentes e a boca, as enfermidades máis frecuentes e a importancia de ter hábitos de vida axeitados, especialmente no relativo á saúde bucodental, como son o cepillado correcto e manter unha alimentación axeitada. Grazas Cristina!

Xogos tradicionais

Neste cole non nos aburrimos nadiña! Por iso desta vez tivemos unha xornada de xogos populares do máis interesante e apaixonante! Aprendemos o que é un trabalinguas, fixemos unha frauta con unha simple palliña, un soprador e xogamos ó Moco! Pasámolo fenomenal e Lito aprendeunos milleiros de truquiños que queremos compartir convosco! Nas Vendas non se para! Seguimos!

Hoxe elaboramos... guacamole!

Nestes últimos días estivemos traballando os diferentes tipos de textos narrativos e como na clase de primeiro e segundo somos de moi bo dente, fascinounos a idea de poder facer unha receitiña. Para iso decidimos facer unha "viaxe espacial" nada máis e nada menos que a México e elaboramos un guacamole delicioso, faciliño e sobre todo saudable... Queredes saber como se fai? Pois prestade MOITA ATENCIÓN!

Parabéns Cristian!

E hoxe tócalle a Christian!
Son xa cinco voltiñas ao sol, feito todo un homiño!
O  día 25 finalmente estivemos todos e puidemos celebrar o aniversario de Christian.
Foi moi valente e veu á festa porque aínda estaba algo convalecente pero soprou as velas, repartiu caramelos e xogaron do lindo.
Parabéns Christian!!

Semana do libro

Un libro é unha fonte inesgotable de diversión e aprendizaxe. Os nosos nenos e nenas téñeno moi claro, e así o demostraron aprendendo sobre a creación dunha parte fundamental dos libros: a portada.

Esta semana, para conmemorar o día do libro, quixemos homenaxear a todos os autores e editores dos que podemos desfrutar na nosa biblioteca recreando cos nosos propios corpos as portadas dalgúns dos  seus libros. Os resultados, ademais de ser  moi didácticos, foron moi divertidos. Esperamos que vos gusten moito!

Recuperando voces perdidas

A vindeira semana, con motivo da celebración da Semana do Libro, queremos celebrar un recitado de poemas virtual entre o alumnado, baixo o lema "Recuperando voces perdidas". Cada alumno/a recibirá un poema dun autor ou autora ilustre, e a tarefa consistirá en investigar como era a súa voz e gravar un vídeo recitando ditos versos imitando o seu ton de voz. Os vídeos deberán ser remitidos ao correo do centro, entre os días 22 e 26 de abril, e serán colgados na nosa web durante a semana seguinte. Estamos desexando ver os resultados!

#ECO-RETO CONCIENCIAMOS

Dende o noso centro cremos que é fundamental seguir impulsando as accións e a concienciación medioambiental, por este motivo, e dende que comezou o curso, non paramos!

Consideramos que a relación que temos as persoas coa natureza esixe cambios inmediatos que freen o dano que se está a ocasionar ao medio ambiente e ao noso planeta.

Conscientes de que o Nadal é unha data onde se consume moito e se mercan infinitos enfeites de Nadal decidimos crear adornos reciclados cos que puidemos decorar de forma sostíbel a nosa árbore de nadal.

En novembro da man de Tomás, axente das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, e máis concretamente do Seprona, participamos nunha xornada formativa sobre Protección da Natureza.

Ademais participamos en proxectos como Pilabot, ou o Plan Proxecta, concretamente o de Recíclate con Sogama. Coa nosa participación nos mesmos pretendemos que o noso alumnado sexa unha parte activa na xestión dos refugallos e que os nosos nenos e nenas actúen como axentes dinamizadores das boas prácticas ambientais na súa contorna familiar e social.  

No centro temos convocado un concurso de fotografía medioambiental que está a resultar un éxito! Non só polo extraordinario material que estamos a recibir senón porque unhas actividades están a desencadear outras. Un exemplo é a familia do noso alumno Gael que aproveitou para recoller e reciclar o lixo que atopou namentres facía fotografías para o concurso. Non pode ser máis satisfactorio!

Avaliación de Diagnóstico 2023-2024

En cumprimento da nova lei educativa estatal, este curso está previsto en todas as comunidades autónomas a realización de probas de avaliación de diagnóstico para o alumnado de 4º de educación primaria e 2º curso de educación secundaria obrigatoria. No caso de Galicia, terán lugar os próximos días 10 e 11 de abril. 

Pode atopar máis información no seguinte documento dirixido ás familias: 

https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/ad2324_faq.pdf

Nova moza na oficina

Moi traballadora está a nosa nova integrante! E é que dende que recibimos esta impresora 3D non deixou de traballar! Os nenos, nenas, mestres e mestras estamos inmersos en sacarlle todo o partido que poidamos, así que toca atendela, aprender a usala, coidala e espremer todas as súas posibilidades.

True true aterrando!

A programación de robots é unha das actividades que máis chaman a atención ao alumnado pois a tecnoloxía leva implícita motivación. Partindo desta premisa, esta semana iniciamos ao alumnado na lectura e interpretación de secuencias de programación cun interesantísimo kit de robots TRUE TRUE!

O alumnado de primaria atópase inmerso na exploración e aprendizaxe do funcionamento destes aparellos. Están resultando ser unha forma moi atractiva de achegar aos máis pequenos ao mundo da robótica e ademais, están poñendo a proba as súas habilidades de pensamento computacional, o que pode espertar neles capacidades, competencias e coñecementos que se afastan do estritamente curricular. Ademais resultan un xeito de aprender moi manipulativo e lúdico, que é o que máis nos gusta!!! Proximamente seguiremos vendo o que se lles ocorre facer con estes bechiños!

Distribuir contido


by Dr. Radut