Skip to Content

Escolares

DESFILE DE ENTROIDO

A tradición é a que manda no Entroido, por iso, no CEIP das Vendas durante toda a semana os nenos e nenas atenderon aos mandatos do Meco. O xoves ninguén faltou á festa máis agardada, que encheu de cores e ilusión tódolos recunchos do noso cole. Co cine coma eixo central e dirixidos por unha directora de cine nun curso de aluCINE, non faltou ningunha das personaxes. Nin os Minions, os súper heroes e súper heroínas, Harry Potter, as princesas de Disney, Pikachu e ata o mítico Elliott acompañado por  E.T., o extraterrestre. E para darlle ritmo a todo isto, a música presidiu o noso desfile de Entroido no colexio.

TALLER PILABOT

O pasado mércores 9 de febreiro o alumnado de 4º, 5º e 6º participou nun taller organizado polo Concurso Pilabot no que estamos inscritos. Neste taller os nosos alumnos e alumnas aprenderon o que é unha pila, as súas partes, a clasificación segundo a súa forma, o seu ciclo de vida e a  súa composición química así como tamén o seu proceso de reciclaxe. Para rematar fixeron un xogo por equipos coas tabletas empregando a plataforma de Kahoot! para ver quen adquirira máis coñecementos sobre as pilas.

No CEIP das Vendas da Barreira reciclamos con enerxía!!!

Premede no seguinte link para ver a galería de imaxes.

O 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar da Non Violencia e da Paz

Para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e a Paz propúxose a realización dun mural-puzzle colaborativo entre  tódalas aulas do centro. Aínda que o día 30 cadrou a domingo iso non foi impedimento para celebralo no cole, pois aínda que haxa un día específico para a súa conmemoración, todos os días promovemos unha cultura da paz e da non violencia.  Ademais,  o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria elaborou un mural de temática hippy con pombas de origami nas que escribiron os seus desexos de PAZ e AMOR porque non podemos esquecernos de que A PAZ COMEZA CON NÓS MESMOS.

 

CONCURSO PILABOT

 

O centro ven de adherirse á iniciativa PILABOT. Pilabot é un concurso en centros educativos  para fomentar a recollida selectiva de pilas e acumuladores portátiles entre o alumnado e as súas familias. O obxectivo é recoller a maior cantidade de pilas posible. Os docentes repartirán entre o alumnado unhas caixas para facilitar a recollida das pilas nos seus fogares. A recollida de pilas finalizará o día 31 de marzo de 2022.

O concurso componse de dúas categorías e entre elas distínguense un primeiro premio de 2500€ e un segundo premio de 1250€. O premio poderá ser empregado polo centro para a compra de material escolar ou deportivo ou para actividades educativas.

Categoría A: quilogramos recollidos totais.

Categoría B: quilogramos recollidos por alumno.  

VISITA SORPRESA DE PAPÁ NOEL

O pasado 21 de decembro os nenos e nenas do CEIP das Vendas da Barreira tiveron a sorte de recibir unha fermosísima mensaxe de Papá Noel.

Descoñecemos se Papá Noel entrou pola cheminea, por algunha xanela ou polo portón principal. O caso é que deixou unha morea de agasallos para o noso alumnado.

Aquí vos deixamos unha pequena escolma das súas reaccións ao atopar todo o que había ao pé da árbore do cole.

 

Festival de Nadal 2021

A continuación amósavosvos aos grandes artistas que temos no CEIP das Vendas da Barreira. Agardamos que vos guste moito. Tamén queremos agradecer a todo o profesorado do noso centro o traballo realizado co seu alumnado para levar a cabo estas actuacións tan especiais e que seguro que son do voso agrado. Sinalar o traballo levado a cabo polo teacher James para facer a montaxe de todos os vídeos, empregando moito do seu tempo libre para que hoxe todos podamos gozar destes momentos tan entrañables. Dentro vídeo!

Mensaxe oficial de Papá Noel

Dende Laponia Papá Noel quérevos transmitir esta fermosa mensaxe. Prestade moita atención e seguide as súas indicacións... pode que ao final haxa unha sorpresa para todos e todas vós. E xa sabedes: a seguir portándose ben e estudando moito!!!

I CONCURSO ESCOLAR DE PODCAST, REDACCIÓN E DEBUXO – “A RIBEIRA SACRA”

O alumnado de 4º, 5º 6 ven de participar no concurso de La Región en colaboración coa Xunta de Galicia cun podcast sobre a Ribeira Sacra.  O obxectivo do podcast é poñer en valor a Ribeira Sacra e a súa contorna así como fomentar a creación e expresión do alumnado. Para votar polos nosos alumnos/as cómpre crear unha conta en “Eloquenze”, entrar no podcast do CEIP das Vendas da Barreira e premer na icona do corazón “me gusta”.

Animámosvos a compartir o seguinte enlace entre familiares e amigos para que poidan votar por nós. As votacións estarán abertas ata o vindeiro 15 de decembro.  

https://www.eloquenze.com/stations/i-concurso-escolar-de-podcast-a-ribeira-sacra/posts/podcast-da-ribeira-sacra-4o-5o-e-6o-ceip-das-vendas-da-barreira-rios

Distribuir contido


by Dr. Radut