Skip to Content

Escolares

Obradoiro sobre a diversidade sexual

Unha vez máis, grazas a Mónica e ao Centro de Información á Muller (CIM Conso-Frieiras) os nenos e nenas do noso cole tiveron un Obradoiro sobre a diversidade afectivo sexual e familiar.

A diversidade sexual (feminidade, masculinidade, desexos, identidade de xénero...), o papel das redes sociais e da televisión, as relacións afectivas ou o papel da familia foron algúns dos temas que se trataron.

A través do conto “La familia de Martín” procurouse sensibilizar e concienciar ao noso alumnado sobre a necesidade da tolerancia, respecto e igualdade de tódalas persoas, independentemente da súa orientación sexual ou a súa identidade de xénero.

A guinda final puxérona Mónica e Irene coa elaboración dunhas chapas con frases coma : “Eu respecto as diferenzas” ou “Ama a quen queiras”.

Rock con Pakolas

O luns 16 de maio todo o alumnado e profesorado do centro, asistiu a un concerto  moi especial no salón de actos do centro.

Pakolas, é autor, compositor, músico, e tamén, produtor de música pensada para os cativos e cativas. Os nenos e nenas cantaron e bailaron a ritmo de rock a historia de Ramona Órbita, unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxías limpas.

Letras galegas 2022 e concurso de podcast

O grupo dos maiores está que sae! Desta vez, e para conmemorar as Letras Galegas 2022 prepararon un podcast titulado “O galeguismo e Florencio Delgado Gurriarán”.

Este ano o autor homenaxeado é o valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán ademais, con este podcast o noso alumnado participa tamén nos IV Premios de Podcast en galego e portugués, Xosé Mosquera Pérez “O vello dos contos”.

 

“Agros, mares e montes,

vilas, cidades, cities, towns, aldeias,

os recantos do Mundo...

¡Todo é terra galega!

Innovación educativa

No CEIP das Vendas da Barreira estamos de parabéns. Veñen de concedernos na resolución definitiva o programa de innovación educativa E-dixgal para 5º e 6º de educación primaria. Este programa supón un salto cualitativo na incorporación das TIC (tecnoloxías da información e comunicación) na aula, supón un cambio a nivel metodolóxico por parte do profesorado que se apoia nos contidos dixitais e permite a creación e adaptación dos mesmos para dar unha resposta moito máis adaptada ás necesidades do noso alumnado e un aforro de custos ás familias. As TIC aplicadas á educación supoñen para o noso alumnado o desenvolvemento da capacidade de comprensión, a lóxica e favorecen a aprendizaxe significativa.

Dende o centro estamos moi felices pois isto amosa o resultado do bo traballo. Nesta liña, e na procura de facer o noso cole un centro innovador seguimos traballando a reo para comprender as diferentes circunstancias de cada alumno/a e empregalas para crear escenarios de aprendizaxe adaptados, flexibles e que nos permitan personalizar o nivel de esixencia. Por iso, vimos de solicitar tamén a nosa adhesión no programa de innovación educativa de Plurilingüismo e en Voz Natura. Sentímonos moi orgullosos e orgullosas do equipo docente que actualmente conforma o noso centro, do traballo que se está a realizar e dos éxitos que chanzo a chanzo imos acadando. Parabéns!

Obradoiro CME

O alumnado do CEIP das Vendas da Barreira non para! O pasado venres tivemos un Obradoiro ofrecido dende a CME no que se realizaron actividades na loita polo dereito  humano á Educación.

A CME (Campaña Mundial pola Educación)  vela para que os gobernos cumpran os seus compromisos nacionais e internacionais e que ningunha persoa quede atrás na realización do seu dereito á educación. Porque a educación é a ferramenta de transformación máis poderosa que existe para promover os dereitos humanos, acabar coa pobreza e construír sociedades máis cohesionadas, sustentables, pacíficas e inclusivas.

Grazas a Laura o noso alumnado a través de diversas actividades, algunhas delas de sensibilización tomaron conciencia de aspectos tales coma: a importancia do profesorado na Educación, valorar o dereito á educación coma un dereito chave doutros dereitos ou a importancia de ter unha conciencia crítica.

A continuación, poderedes atopar una pequena escolma destes obradoiros no vídeo que hai a continuación.

 

Resolución de conflitos

Na aula de 2º e 3º de Educación Primaria tivemos un taller organizado polo CIM Conso-Frieiras para tratar a resolución de conflitos.

Os conflitos son unha realidade inherente na convivencia, inevitables nas nosas vidas e posiblemente esenciais para o desenvolvemento da sociedade. O importante e que realmente debe preocuparnos non é que existen senón de que xeito se resolven.

É importante aprender a resolvelos na aula, no tempo de lecer e tamén fóra do centro educativo. Coñecer e practicar o respecto mutuo, o respecto á diversidade de opinións, a solidariedade e a tolerancia; adquirindo habilidades protectoras fronte a violencia.

Coñecer a teoría e transmitila está moi ben, pero que tal se o levamos todos e todas a cabo?

Só queda agradecerlle a Mónica a súa implicación e paixón en todo aquilo que ven a ensinarnos en cada un dos talleres que imparte no noso cole. Moitas grazas!

Decoración de paraugas protectores fronte a desigualdade

O Centro de Información á Muller (CIM) de Conso-Frieiras fixo no noso cole un obradoiro de decoración de paraugas co obxectivo de “resgardarnos” da desigualdade.

Os nenos e nenas decoraron uns paraugas brancos con rotuladores permanentes especiais para téxtiles e a verdade é que o resultado foi espectacular e moi vistoso.

Estas actividades de sensibilización  son importantísimas pois a igualdade non é só un dereito humano fundamental senón que tamén é un dos piares esenciais para construír un mundo pacífico, próspero e sostíbel.

Día da Árbore

 

O luns 21 de marzo celebramos o Día Mundial da Árbore cun taller da man do Axente Facultativo Medioambiental José Ángel Ares deseñado non só para implantar nos máis pequenos valores de respecto á natureza senón tamén para que coñeceran de primeira man as especies que temos na nosa contorna. As árbores son un ben prezado que debemos conservar pois por eles flúe a vida de todos os seres que poboan a Terra, son fonte de osíxeno e alimento. As árbores son fundamentais e vitais para a vida e a subsistencia. Despois do taller o alumnado tivo a oportunidade de ver unha motobomba e ata puideron facer unha pequena práctica coa mangueira. Qué ben o pasaron!!! Finalmente agasallaron a todo o alumnado do centro cun bolsa de tea ben fermosa. Grazas a Ares e Basalo por facernos pasar unha xornada tan divertida e interesante. Preme aquí para ver a galería de imaxes.

 

Día Internacional da Muller

 

 

O Día Internacional da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade.

Na aula de Educación Infantil, igual que no resto do centro, celebramos o martes 8 de marzo o Día Internacional da Muller debuxando a muller máis importante nas nosas vidas, aínda que foi unha tarefa moi complicada xa que na vida dos nosos pequenos/as hai moitas mulleres incribles e custoulles moito elixir a quen debuxar. Ademais, fixemos unhas pulseiras de recordo para conmemorar este día tan especial. Preme aquí para ver as imaxes.

 

Un lugar para todos

O CDR. Portas Abertas realizou no noso centro, o día 3 de Marzo, a actividadeUn lugar para todos”, coa fin de promocionar espazos de convivencia a través de obradoiros en centros educativos, para loitar contra os discursos xenófobos e racistas. Todo elo enmarcada dentro do Programa Galicia Acolledora. Nesta actividade participou todo o alumnado do centro. Co grupo dos maiores do centro levouse a cabo un taller no que se falou das dificultades que teñen as persoas que veñen doutro país e das limitacións coas que se atopan polo feito de ser estranxeiras. Posteriormente, realizaron o xogo do bingo por equipos para coñecer datos importantes sobre cada continente. Remataron a sesión falando de todo o que precisamos cando nos imos a outro país. Premede aquí para ver a galería fotográfica.

Distribuir contido


by Dr. Radut