Skip to Content

EDLG

Gañadores/as das ordes do Meco

Aos que espelidos andiveron, levando un complemento orixinal garabata, colar ou sombreiro un agasallo lles tocou.

Parabéns a David, Gael e Manuel de Educación Infantil e a Aroa, Erik, Álex e Gerome de Educación Primaria.

Canto talento!

As ordes do Meco deixaron amosar canto talento hai entre o noso alumnado!!! E o importante que é reciclar para un mundo máis sostíbel!  Aquí vos deixamos un collage fotográfico para que vexades o guapísimos e guapísimas que estaban!

Xa temos cartaz para o Desfile Infantil do Entroido

O alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria foron os encargados de deseñar o cartaz para o Desfile Infantil do Entroido de Verín deste ano 2023. A escolla foi moi complicada porque os tres traballos presentados ao xurado composto polos representantes dos centros educativos da contorna obtiveron a mesma puntuación, sendo o traballo escollido o que reunía máis elementos presentes nas bases do concurso.  

Como ben sabedes o noso centro é o encargado de abrir o desfile. Un evento multitudinario onde todos os centros de ensino da comarca de Verín e que marca o inicio dos días grandes desta festa de tanto arraigo na nosa vila.  

É todo un orgullo encabezar o Desfile deste ano por primeira vez na historia do noso centro e  estamos seguros de que todos nós viviremos este momento como algo moi difícil de esquecer nas nosas vidas.
Deste feito deron conta distintos medios como podedes consultar nos seguintes enlaces.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2023/02/09/verin-alumnos-colegio-as-vendas-da-barrera-disenaron-cartel-desfile-infantil-entroido-concello-abre-tienda-oficial-fiesta/0003_202302O9C4994.htm

Pantallas de Xinzo de Limia

Para rematar este ciclo de visitas tan interesantes coas que tivemos a sorte de poder contar este ano no noso colexio e que nos achegaron a coñecer os principais traxes representativos do noso entroido, contamos hoxe coa presenza da Pantalla de Xinzo de Limia.

Justo Gude, membro da Asociación Cultutal O Bión, falounos do ciclo do Entroido máis longo do mundo, onde os domingos Fareleiro, Oleiro, Corredoiro, Entroido e de Piñata son os eixes desta gran festa que nos une a todo o sur ourensán.

Falounos da capa do traxe, das camapíñas, das polainas, do calzón, as vexigas (das que fixo entrega dun par delas para o noso centro)... e como non... da gran protagonista, a máscara da Pantalla que nace dun humilde sombreiro de fieltro para terminar sendo o símbolo que todo limián quere lucir.

Tamén nos comentou que as Pantallas non desfilan, bailan diante das mozas buscando a súa aprobación. Tamén son as encargadas de que todo o mundo vaia disfrazado estes días na vila e aqueles que se atrevan a non facelo, serán levadas "en volandas" por elas á taberna máis próxima para pagar unha cunca de viño.

Justo é o claro exemplo de que para toda a xente de Xinzo de Limia o Entroido é #unsentimento e así o defende con moito orgullo en todos os foros onde amosa como para vestir a Pantalla hai que ter Sentimento,... Tradición...e Respecto!!!

Ordes do meco: que viva a reciclaxe... e o Entroido!

Concienciar da importancia de coidar e respectar o medio ambienteson valores que a escola debe transmitir. Con esa firme crenza, este ano as ordes do meco foron en clave de reciclaxe, para potenciar todas esas aprendizaxes tan importantes no ideario do noso cole.

Velaí as mandas!

 

Peliqueiros de Laza

Hoxe estiveron con nós no noso centro Lara e Koldo para falarnos dos Peliqueiros de Laza.

O Entroido de Laza comeza semanas antes dos días grandes do Entroido con catro venres de Folión. O centro neurálxico deste Entroido é a praza da Picota. Os peliqueiros cos seus látigos e seis chocas penduradas dun cinto son o persoeiro estrela do carnaval. Fan a súa primeira aparición o domingo de Entroido despois da misa e recorren o pobo impoñendo a súa Lei.

Lara agasallounos cunha fantástica presentación na que ademais nos falou do luns de Entroido, da Farrapada, na que hai unha batalla con trapos cheos de barro, da Xitanada e da baixada da Morena.

Non queda máis que agradecerlle a Lara e a Koldo o cariño e o interese con que nos explicaron como é o Entroido de Laza e da súa figura máis importante: o Peliqueiro e por transmitirlle ao alumnado  o importante valor patrimonial dunhas das festas máis tradicionais de Galicia. Moitísimas grazas!

Deixámosvos en arquivo adxunto un documento da Asociación Cultural Enlazados para saber moito máis sobre o Entroido de Laza.

 

Cigarróns de Verín

Chega o tan desexado Entroido e no CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira non paramos! Desta volta, e enmarcado nas xornadas do Entroido, hoxe mércores foi a quenda dos Cigarróns de Verín. Tivemos a grande sorte de contar coa presenza de Álvaro Ferreira, mestre artesán pola Xunta de Galicia.

Con moitísima paixón Álvaro contounos que naceu no epicentro do Entroido, na praza maior de Verín e que leva máis de 40 anos traballando a madeira para facer as caretas típicas do Entroido de Verín.

Para facelas emprégase madeira de bidueiro ou amieiro, que son madeiras doadas de traballar e ao mesmo tempo lixeiras. As máscaras son personalizadas para que non molesten na cara. A mitra é a parte de aluminio que leva un debuxo pintado.

Explicounos tamén que os cigarróns non se disfrazan, no Entroido visten un traxe e isto é moi importante porque o Entroido é un sentimento. Ao final, Álvaro contestou a unha morea de preguntas e deixou que o alumnado que quixo probara a máscara.

Moitísimas grazas Álvaro pola túa dedicación, polo teu tempo e por traballar con tanto amor para non deixar que se perda un traballo artesanal e por esparexer unha parte tan importante da nosa cultura.

 

Vellarróns de Riós

Este martes, 7 de febreiro, foi a quenda dos Vellarróns de Riós. Pablo, Javi e José Antonio foron os encargados de ensinarnos máis sobre o traxe propio do noso concello.

Segundo nos contaron o Vellarrón saía para pedir diñeiro ou viandas coas que facer un festín. Os Vellarróns ademais de facer soar as esquilas levaban un látego co que zorregaban e ameazaban a cantos atopaban polas rúas.

Polo que a xente lles dicía “Vello, vello, vellarrón, mete os cartos no bolsón!

Queremos agradecer encarecidamente a presenza de Pablo, Javi e José Antonio, o tempo que nos dedicaron e a paixón coa que nos amosaron un anaquiño da nosa cultura así como tamén ao Concello de Riós por emprestarnos os traxes. Grazas!

 

Boteiros de Viana do Bolo

Hoxe o noso alumnado tivo a sorte de coñecer da man de María e de Ramona o traxe dos Boteiros de Viana do Bolo. 

O Boteiro é a figura máis peculiar do Entroido de Viana. O seu colorido e fermoso traxe pode verse correndo diante dos folións aínda que non sempre foi así pois segundo nos contaron María e Ramona antigamente o Boteiro acompañaba as comparsas nas súas visitas aos distintos pobos. Cando chegaban a eles eran recibidos polos seus habitantes iniciándose as "disputas", baseadas en cousas propias do lugar e nas que tamén interviñan os Boteiros.

Non nos queda outra que dar as grazas a María e Ramona por compartir connosco ese ratiño e explicarnos con tanto agarimo a historia dos Boteiros e do seu traxe.

Xornadas do Entroido

No noso cole consideramos que o Entroido é un elemento singular e moi importante do noso patrimonio cultural. Por ese motivo, organizamos para a semana do 6 ao 13 de febreiro unhas xornadas sobre o Entroido cuns convidados e convidadas de luxo. 

O obxectivo é poñer en valor o Entroido, render homenaxe á tradición e á herdanza cultural e tamén, que o noso alumnado coñeza de primeira man os traxes da zona e os intensos sentimentos que esta festa esperta. 

Distribuir contido


by Dr. Radut