Skip to Content

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

O 26 de febreiro celebramos o aniversario de Rosalía de Castro, escritora ilustre da nosa cultura galega, á que homenaxeamos con orgullo como muller valente, loitadora e icona da nosa tradición. Moitos dos seus poemas, ben coñecidos polos galegos e galegas, fan apoloxía á beleza da nosa terra, da nosa lingua e das nosas costumes.

Para recordala, este curso quixemos facer algo distinto en conxunto todo o centro. Os días anteriores a esta data, aprendemos a facer papel reciclado, como símbolo do amor que ela tiña pola natureza e os nosos bosques. Cada alumno fixo unha folla de papel, e logo unha rosa de papel vermella en homenaxe ao seu nome. Logo, nesas follas, escribimos anacos das súas verbas, e con todo iso, e aproveitando unha preciosa ilustración que nos fixo a artista Tania Solla, creamos un mural na entrada do centro.

Que vos parece o resultado? Nos estamos moi orgullosos/as do noso traballo, tanto como de ser herdeiros/as de Rosalía.

Xornada de portas abertas para novo alumnado curso 2024-2025

 

O vindeiro mércores 28 de febreiro ás 16:00 horas terá lugar a xornada de Portas Abertas para as familias do novo alumnado que queira incorporarse ao noso centro o curso 2024-2025.

A recepción das familias farase no hall de entrada, posteriormente faremos unha presentación dos servizos que brinda o centro, para a continuación facer unha visita polas instalacións do mesmo.

O proceso de admisión para o curso escolar 2024-2025 iniciarase o 1 de marzo de 2024 e permanecerá aberto ata o día 20 de marzo de 2024, ámbolos dous incluídos.

No arquivo adxunto atópase o documento de solicitude de admisión.

VendasA: Entroido 2024

A continuidade da tradición está asegurada no Concello de Riós e é que o alumnado do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira comezou atendendo o xoves de compadres aos mandatos do Meco para dar comezo na semana seguinte ao noso tan agardado Entroido.

Durante semanas as nosas familias e o profesorado do centro traballaron con intensidade e con total implicación para confeccionar os disfraces que o noso alumnado debía lucir o día do Desfile Infantil.

Queremos dar infinitas grazas ás familias que con tanto agarimo dedicaron moitas horas a preparar unha nave espacial que, nalgún momento, nos fará chegar moi lonxe. Grazas de corazón!

Este ano foi un pouco triste para nós pois, por mor da borrasca Karlotta, o Concello de Verín viuse na obriga de suspender o Desfile Infantil de Entroido e aínda que foi aprazado para o seguinte xoves, desafortunadamente as condicións atmosféricas tampouco quixeron acompañarnos.

Pero tantísimas horas de traballo e ilusión non podían quedar esquecidas! A chuvia non nos botou atrás así que decidimos facer o Desfile de Entroido no pavillón e convidar a toda a Comunidade Educativa.

Os nosos nenos e nenas, que son os verdadeiros protagonistas, participaron no Desfile de Entroido acompañados polas súas familias e luciron os seus divertidos disfraces de foguetes, marcianos e astronautas. O desfile foi amenizado con música e é que as ganas de troula e emoción da nosa cativada eran moitas!!!

LOADING...

Sabedes o que son os POLOS CREATIVOS? Este concepto abrangue a creación e uso dentro do marco educativo de espazos e materiais innovadores, e especializados, organizados didacticamente para fomentar a creatividade, a consecución de proxectos, resolución de problemas, construcións... Trátase dun novo xeito de aprendizaxe conxunto, colaborativo e comunitario, enfocado tamén no ámbito da investigación e da experimentación. Unha visión moi ampla de técnicas de ensinanza e aprendizaxe que comprende dende prácticas e retos tecnolóxicos ata proxectos máis artesanais. 

https://www.edu.xunta.gal/portal/poloscreativos

Este ano o noso centro está inmerso na inclusión deste tipo de materiais na nosa práctica docente, e entre a moita formación que estamos recibindo, acaban de chegar ao cole estes "KITS SINGULARES", con pequenas propostas para comezar a empregar estes materiais nas aulas, tedes ganas de ver o que conteñen? Estade atentos á nosa web porque pronto os nenos e nenas do cole comezarán a crear!

 
 
 
 

A creatividade é a intelixencia divertíndose" (Albert Einstein)

Encántanos que os nenos e nenas aprendan pero tamén nos encanta que se divirtan, exploren, creen e imaxinen tanto como sexa posible. Por iso, este mes dende a Biblioteca de Toni recomendamos libros cheos de ideas e inspiración artística, para que os nosos usuarios alimenten a súa creatividade e, se queren, poñan en práctica algunha das ideas que lles poden xurdir.

              

"O estudo do universo é unha viaxe para autodescubrirse" (Carl Sagan)

Durante o mes de xaneiro a temática da Biblioteca foi o Universo, en conxunto coa temática do noso Proxecto Documental Integrado de centro. O estudo desta rama da ciencia resulta non só atractivo para o alumnado, senón que lles achega a visión da grandeza da natureza, lles proporciona coñecementos extra-curriculares, e esperta neles o espírito investigador e científico.

A través de materiais presentas na biblioteca e de actividades que se levaron a cabo nas aulas, o noso alumnado entrou en contacto co que hai máis ala do noso planeta, achegouse aos misterios dos viaxes espaciais e á vida dos astronautas, e a todo aquilo que durante a historia da humanidade fixo posible que hoxe saibamos todo o que sabemos sobre o cosmos.

Felos de Maceda

Tratando de dar continuidade ás xornadas do Entroido que tivemos no centro o curso pasado, e co obxectivo de poñer en valor o Entroido, o pasado luns tivemos a sorte de aprender un montón de cousas sobre os Felos de Maceda.

Marcos, o noso compañeiro, con moitísimo agarimo explicounos algunhas características do traxe. A vestimenta dos Felos de Maceda, aínda que é moi similar á dos Cigarróns e Peliqueiros, presenta algunhas diferenzas. Visten medias negras e calcetíns de lá brancos. Teñen algúns elementos característicos como lucir vistosos colares ou levar un bastón que empregan de forma intimidatoria. A carauta do Felo ten un sorriso retranqueiro, grandes bigotes, amplas cellas e coloretes en ámbalas dúas meixelas. Na mitra píntanse animais propios da Serra de San Mamede. Outra diferenza significativa é que esta máscara loce un rabo de raposo no alto da mitra.

Grazas Marcos por compartir connosco unha xornada tan enriquecedora e por protexer co teu gran de area o noso patrimonio cultural inmaterial.

Mandatos do Meco: mércores 7

Mandatos do Meco: martes 6

Mandatos do Meco: luns 5

Distribuir contido


by Dr. Radut